Pasar al contenido principal

O curso deportivo na USC comeza cunha semana de portas abertas

Miguel Magán e Dolores Álvarez presentaron a oferta deportiva da USC para o presente curso nun encontro cos medios de comunicación
Miguel Magán e Dolores Álvarez presentaron a oferta deportiva da USC para o presente curso nun encontro cos medios de comunicación
O pasado curso achegáronse ás actividades do Servizo de Deportes preto de 10.000 usuarios/as

O curso deportivo na USC comezará coa celebración dunha semana de portas abertas á participación libre das persoas interesadas en coñecer as actividades propostas, de xeito que poidan asistir á celebración das súas primeiras sesións. Están previstos dous períodos de acceso libre, esta mesma semana entre os días 15 e 19 para as actividades que comezan este luns, e do 1 ao 10 de outubro, para as que comezan o 1 de outubro. Ao longo destas xornadas poderase experimentar actividades novas nas que se teña interese pero, sempre, tendo en conta que os períodos de matrícula xa están abertos e que os grupos de actividades máis demandadas poderían estar completos antes do comezo destas xornadas. A programación de actividades deportivas para o presente curso presentáronas este luns a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o director do Servizo de Deportes, Miguel Magán, nun acto celebrado na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Como se puxo de manifesto na presentación, no pasado curso participaron das actividades do Servizo de Deportes preto de 10.000 persoas (6.957 pertencentes á comunidade universitaria), con maior presenza de homes, un total de 5.635. Estas cifras poñen de manifesto o interese que a oferta esperta xa non so para a comunidade universitaria senón para a cidadanía de Santiago e Lugo, practicamente o 30 por cento dos usuarios totais deste servizo universitario. A oferta físico-deportiva para 2014-15 A oferta físico-deportiva da USC está dirixida tanto aos membros da comunidade universitaria como ao resto das persoas do entorno de Santiago e Lugo e ten como principal obxectivo poñer a disposición de usuarios/as os beneficios de saúde, benestar e formación de distintas disciplinas deportivas. O abano no campus de Lugo abrangue nove actividades formativas e no de Santiago 37, todas elas relacionadas coa natureza, a relaxación, a aprendizaxe deportivo, o medio acuático, a saúde, o acondicionamento físico e o lecer. Como novidades fronte a pasadas convocatorias, no Campus de Santiago, aeróbic e step fóndense nunha única escola e créanse as de GAP + tono, Kung-fu wing-chun, Taichi-meditación, mentres que desaparecen as de adestramento de fútbol sala masculino e a de iniciación ao baloncesto. No de Lugo, comezan as escolas de running-corre con nós, a de cardiodance (ou tamén coñecido como zumba), a de adestramentos de fútbol sala feminino e a de voleibol mixto. A actividade da maior parte das escolas físico-deportivas estenderase entre este luns 15 e o 30 de abril. Pola súa banda natación, tenis, atletismo, mellora da condición física e ximnasia de mantemento no campus de Santiago comezarán o 1 de outubro e finalizarán o 30 de maio (aínda que o atletismo o fará o 30 de xuño). En Lugo o running-corre con nós, o fútbol sala feminino e o voleibol mixto tamén comezarán o 1 de outubro para finalizar o 15 de maio. O pagamento da inscrición poderá facerse ben nun único pagamento para todo o curso ou ben de xeito fraccionando. A periodización formulada para este curso nas escolas físico-deportivas permite para algunha delas complementarse con cursos intensivos nos meses de setembro (como está a acontecer xa con natación, aquagym e tenis), maio, xuño e xullo. Por outra banda, o prazo de inscrición para as Ligas internas (fútbol, baloncesto, balonmán, voleibol e rugby) xa está aberto ata o día 30. Créditos ECTS O estudantado pode obter o recoñecemento de créditos mediante a participación en actividades e competicións deportivas. Nas escolas físico-deportivas é necesario facer a solicitude de incorporación ao programa ao inicio da actividade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.09.2014.