Impulso das tecnoloxías da información e comunicación
A Universidade de Santiago de Compostela, xunto coas outras universidades galegas, ven de asinar un convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Clúster TIC de Galicia e os Centros Tecnolóxicos para o impulso e fortalecemento do sector TIC Galego. O acordo materializouse coa sinatura entre os reitores das Universidades de Santiago, Vigo e Coruña, Juan Casares, Salustiano Mato e Xosé Luis Armesto, respectivamente; a directora da Amtega, Mar Pereira; o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral; o director do Centro Tecnolóxico Gradiant, Fernando Pérez; o coordinador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), Sebastián Luis Baamonde; e o director do CESGA , Javier García. As entidades participantes no proxecto coinciden na importancia do uso das TIC como instrumento para saír da crise, grazas ao seu papel transformador das estruturas económicas, sociais e culturais, así como por ter unha grande importancia na investigación e innovación para as estratexias políticas e económicas na Unión Europea. A participación do sistema universitario de Galicia xustifícase polo seu papel como institución representante da xeración, a xestión e a difusión da cultura e o coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da investigación e da docencia. O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS) terá especial relevancia no marco deste convenio. Este centro que forma parte da Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus Vida, centra a súa actividade na investigación en tecnoloxías da información co compromiso común de acadar a excelencia científica a favor da sociedade. O programa desenvolverase atendendo a varios eixos de actuación tratando en primeiro lugar, de impulsar a demanda temperá no sector público e nos sectores estratéxicos. Tamén se traballará para aliñar a oferta formativa e as necesidades de demanda do mercado, favorecer o apoio a I+D+i e a transferencia tecnolóxica entre os grupos de investigación e as necesidades do sector. O programa TransformaTIC creará un sistema de apoio integral ao emprendedor dixital dende o nacemento da idea ata a fase de comercialización, favorecendo a creación de novas empresas con base tecnolóxica e tratará de incrementar a presenza do sector no exterior, entre outras medidas de internacionalización das TIC.