O futuro político de Cataluña, a debate na USC
A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago acolle este xoves 10 unha xornada de debate co título ‘Futuro política de Cataluña: consulta cidadá e marco legal’. A cita, que está organizada polo Consell de Diplomàcia Pública de Catalunya reunirá a expertos académicos e representantes da sociedade galega e catalá que debaterán sobre o proceso político iniciado en Cataluña. O programa comezará ás 16.00 horas no Salón de Actos da facultade cunha mesa redonda na que participarán o profesor de Dereito Constitucional da Universitat Autónoma de Barcelona, Joan LLuís Pérez Francesch, o catedrático de Ciencia Política e da Administración da USC, Ramón Máiz, e o catedrático de Dereito Internacional Público da Universitat Rovira i Virgili, Antoni Pigrau. O primeiro debate centrarase na legalidade e lexitimidade democrática da consulta en Cataluña. Actuará como moderadora a profesora de Dereito Administrativo, Alba Nogueira. Posteriormente terá lugar o segundo debate, neste caso sobre a orixe do proceso democrático cara o dereito a decidir coas intervencións do director da Cámara de Comercio de Girona e secretario do Grup Impuls per Girona, Eduard Torrent; o escritor Suso de Toro; o actor Juanjo Puigcorbé; e o xornalista corresponsal de La Vanguardia en Galicia, Anxo Lugilde. Moderará o debate o xornalista editor de Mundiario, José Luis Gómez. A clausura do acto correrá a cargo do secretario xeral da Presidencia do Goberno da Generalitat de Catalunya, Jordi Vilajoana, e a decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, Mª Antonia Arias. A xornada estruturase como unha reflexión en torno á situación política aberta en Cataluña, os mecanismo legais para levar a cabo esa consulta, o papel da sociedade civil e unha aproximación a casos internacionais similares.