A Asociación Hispánica de Literatura Medieval é unha asociación académica de recoñecido prestixio internacional que ten entre os seus obxectivos a promoción da investigación en literatura medieval nas distintas linguas usadas durante a Idade Media na Península Ibérica. Esta asociación reúne, dende o ano 1985, os seus membros nun congreso bienal internacional, onde se presentan ponencias e comunicacións sobre a devandita temática. Ademais, dende o ano 2008, celebra, nos anos alternos ao seu congreso, un coloquio sobre un aspecto concreto da literatura producida no Medievo hispánico.
A AHLM, que na actualidade conta con máis de 400 socios inscritos repartidos por todo o mundo, continúa a ser, por tanto, unha das principais plataformas de difusión dos avances realizados nos distintos campos de investigación que posúe a Literatura Medieval Hispánica, tal e como permite comprobar a consolidada traxectoria desta asociación, que na actualidade preside o Prof. Vicenç Beltran Pepió.
Na súa Asemblea Xeral de socios do 25 de setembro de 2015, a Prof.ª Mariña Arbor Aldea foi elixida secretaria e tesoureira da nova Xunta Directiva. Con esta nova elección, a USC conta con dous membros docentes da Área de Filoloxía Románica na devantido órgano directivo, pois desde o ano 2013 a Prof.ª Elvira Fidalgo ostenta o cargo de vicepresidenta.
Na mesma asemblea, acordouse conceder á Prof.ª Mercedes Brea, Catedrática de Filoloxía Románica da USC, a distinción de Membro de Honra, que xa pusuían, entre outros, recoñecidos investigadores internacionais como o Prof. Giuseppe Tavani e o Prof. Cesare Segre, ambos os dous Doctores Honoris Causa da USC.
Para ampliar a información sobre a AHLM, poden consultar a ligazón ao seu sitio web (http://www.ahlm.es/Index.htm).