Grao en Linguas e literaturas modernas (Filoloxía Románica)

Que é a Filoloxía Románica?

 

A Filoloxía Románica ė unha disciplina humanística que ten por obxecto o estudo da familia lingüística derivada do latín falado. Este conxunto lingüístico é o máis representado no mundo en número de falantes, con más de 700 millóns de persoas. Alén diso, nas linguas románicas de maior extensión –españolportuguésfrancésitaliano e romanés-, comunícanse a diario máis de 1000 millóns de persoas. As linguas e literaturas románicas constitúen, en  consecuencia, un dos substratos culturais e vitais máis relevantes na historia da humanidade. A Filoloxía Románica, ademais, tamén presta atención ao estudo das linguas minorizadas (occitanoasturiano, etc.).

 

O desenvolvemento e a aplicación na disciplina da metodoloxía histórico-comparada, depurada máis adiante coas achegas do estruturalismo, supuxo un grande avance nas concepcións xerais da ciencia, e aínda hoxe o seu rendemento e aplicabilidade teñen plena vixencia. Existen campos específicos, como a dialectoloxía, a sociolingüística ou a lexicografía, onde a Lingüística Románica contribúe de xeito eficaz ao avance do coñecemento. Outro tanto poderíamos dicir con respecto aos estudos literarios, pois a literatura románica medieval é, desde as súas orixes, literatura comparada, pois entende que só se pode interpretar correctamente os textos que o pasado nos legou no seu conxunto e en relación cos distintos axentes do sistema literario no que foron creados. Ademais, os estudos literarios románicos sentaron as bases de gran parte da literatura europea. Así mesmo, a Romanística estableceu o modelo máis valioso e mellor contrastado para a crítica textual e a edición de textos en linguas vernáculas.

 

Na actualidade, os estudos e as investigacións en Filoloxía e en Lingüística Románicas produciron importantes avances dentro do campo de estudo das Humanidades Dixitais, con investigacións relativas tanto ao ámbito lingüístico coma ao literario. Debido ao carácter metodolóxico e práctico, a formación e investigación no campo da Romanística permite achegarse aos principais avances realizados no campo das tecnoloxías da fala (síntese e recoñecemento de voz), da tradución automática, do deseño, planificación e mantemento de bases de datos léxicas e literarias, do uso de linguaxes de marcado enriquecido (XML-TEI), das edicións críticas dixitais ou dos procesos de dixitalización do patrimonio bibliográfico e cultural.

 

A Filoloxía Románica é, polo tanto, unha das ciencias humanas con maior prestixio consolidado e maior tradición académica. Pola súa perspectiva crítica, promove estudos integradorestransversais e interdisplinares, así como unha formación plural dentro da rama das Humanidades, por riba das fronteiras convencionais e académicas establecidas.

 

O futuro e o valor da Filoloxía Románica dependen da súa capacidade de artellar unha comprensión profunda da historia dun grupo de linguas e tradicións culturais que conformaron o mundo tal e como o coñecemos e que, sen dúbida, xogarán un papel decisivo no futuro da humanidade.