A literatura epistolar dos poetas do Loira e ó eixo do seminario que impartirá a Prof.ª Laura Camino o xoves 12 de abril no Salón de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia ás 19h. O encontro forma parte da programación do Seminario de Estudos Hispano-Medievais e a Cátedra Jean Monnet.
Baudri de Bourgueil, Marbodo de Rennes e Hildeberto de Lavardin, homes eruditos da Igrexa que viviron en Francia entre os séculos XI e XII e cuxas similitudes a crítica deu en aglutinar baixo o paraugas nominal de “Escola do Loira”, escribiron epístolas poéticas en latín dirixidas a mulleres da nobreza laica e da vida monástica da época. O contido de moitas destas cartas podería resumirse en liñas xerais como amoroso, mais con bastantes matices: basculando entre a xocosidade e a seriedade e entre a evocación dun amor erótico e outro casto, as epístolas dan conta tamén dunha negociación entre o recoñecemento das donas como iguais, por unha banda, e a demarcación de certas dinámicas de xénero que diferenciarían as funcións de ambos sexos dentro da sociedade compartida, por outra.
Nesta sesión, Laura Camino presentará un estudo destas epístolas e doutras fontes próximas á luz dalgunhas das ferramentas teórico-críticas proporcionadas polos estudos de xénero e dos afectos ao campo da investigación literaria, coa vontade de establecer novos diálogos coa literatura epistolar a mulleres de inicios do século XII.