
Programa de Doutoramento en Estudos Medievais
O Programa de Doutoramento en Estudos medievais (E5031P01) é unha oferta única no Sistema Universitario de Galicia (SUG) e constitúe unha alternativa nova no eido das Humanidades. Verificado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), o programa pretende recuperar a Idade Media coa adecuada combinación de especialización e divulgación, para que os doutores formados no mesmo afronten experiencias investigadoras, e tamén profesionais, sólidas, que contribúan á conservación, posta en valor e difusión da herdanza cultural dun período histórico esencial na formación da civilización europea.
As orixes deste doutoramento de calidade* hai que procuralas nos vellos programas de doutoramento A Idade Media: Imaxes, textos e contextos (RD 778/1998) e Filoloxía Románica (RD 1393/2007) que recibiron, respectivamente, os recoñecementos oficiais de Mención de Calidad por el MEC (MCD 2005-00241, cursos académicos do 2006-2007 ao 2008-2009) e de Mención hacia la Excelencia del MECD (MEE2011-0660, cursos académicos do 2011-2012 ao 2013-2014).
O seu principal obxectivo é o de proporcionar ao alumnado unha formación interdisciplinar e transversal que lle permita adquirir o nivel máis alto de capacitación investigadora. Os estudos medievais contan en Santiago con grupos consolidados e recoñecidos a nivel nacional e internacional, así como con liñas de investigación estables e punteiras, que garanten unha adecuada tutela das teses realizadas neste ámbito e facilitan o acceso aos programas competitivos de axudas predoutorais. Ademais, o Programa mantén activos convenios de colaboración con selectos centros estatais e europeos, co fin de que aqueles alumnos que o desexen realicen nos mesmos estadías de investigación que complementen a súa formación e enriquezan a súa traxectoria científica.
Para calquera outra información sobre o Programa de Doutoramento en Estudos Medievais, rogamos contacten co coordinador académico:
Prof. Dr. Fernando López Alsina
e-mail: fernando.lopez@usc.es
Teléf.: +34 8818 12623
Universidade de Santiago de Compostela
Facultade de Xeografía e Historia
Departamento de Historia
Área de Historia Medieval
*Tal como deixa constancia, na páxina 2 do Informe final de Avaliación do Solicitude de Verificación do Título Oficial – Programa de Doutoramento en Estudos Medievais pola Universidade de Santiago de Compostela, a Comisión de Avaliación proposta pola ACSUG para a Verificación do Título: “La Comisión de Evaluación desea dejar constancia de la calidad que encierra esta propuesta de programa de doctorado, avalado por la nómina del profesorado y por la trayectoria investigadora de las áreas que lo conforman”.