Coa experiencia acumulada de 2016, 2017 e 2018, puxemos en marcha a cuarta edición de “DivulgaTerra. Petiscos de divulgación científica”.
Pero o traballo e a investigación non se deteñen, os proxectos seguen avanzando e xorden outros novos. Por iso, para seguir contando ciencia, co gallo do Día da Ciencia en Galego deste ano, abrimos o prazo de inscrición para o DivulgaTerra 2019.
QUE É?
Un evento que quere divulgar o traballo das investigadoras e investigadores do Campus Terra, e potenciar o galego como lingua da comunicación e da divulgación científica.
EN QUE CONSISTE?
Nun conxunto de presentacións de 10 minutos de duración, organizadas en sesións temáticas, nas que pode participar calquera investigador ou investigadora do Campus que queira presentar en galego e cun ton divulgativo o traballo de investigación que está levando a cabo.
Tamén se pode participar a través de pósters, que figurarán expostos nun espazo anexo ao lugar en que se desenvolvan as presentacións, mentres estas teñan lugar.
CANDO CELEBROU?
Os xoves pola tarde ao longo do mes de novembro, na Casa do Saber.
QUEN PUIDO PARTICIPAR?
Calquera persoa que cumprise algunha das seguintes condicións:
- estar realizando o seu traballo de fin de máster en titulacións do Campus Terra.
- estar matriculado/da en programas de doutoramento do Campus Terra.
- estar elaborando a tese de doutoramento vinculada a algún dos devanditos programas.
- estar elaborando a tese de doutoramento baixo a dirección de profesorado do Campus Terra.
- formar parte dalgún grupo de investigación vinculado ao Campus Terra
- estar gozando dalgunha modalidade de contrato ou bolsa posdoutoral.
A inscrición fíxose a través dun formulario, ata o día 25 de outubro de 2019.
O acceso para o público foi libre e gratuíto.
RECOÑECEMENTOS
A participación recoñeceuse cun diploma, expedido polo Campus Terra e polo Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Ademais, editouse un libro que recolle os resumos de todas as presentacións e pósters participantes.
E por último, as intervencións orais graváronse en vídeo para seren difundidas posteriormente a través das redes sociais do Campus Terra.