Investigadores de todo o mundo analizarán en rede do 15 ao 30 de novembro máis de 160 achegas científicas sobre esta materia, no marco da ECSOC 25, un foro coordinado polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas da USC

A vixésima quinta edición da Conferencia Electrónica de Química de Orgánica Sintética (ECSOC-25), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica da USC na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato, rexistra máis de 160 comunicacións e estudos científicos de investigadores procedentes de países de todo o mundo. Todas as achegas serán obxecto de debate e análise nos distintos foros virtuais que se desenvolverán en rede desde este luns ata o 30 de novembro.
O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor desta conferencia electrónica, pioneira entre as do seu xénero, ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas Vázqez, salienta que o éxito sostido da participación que edición tras edición rexistra a Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica contribúe a dar visibilidade ao liderado da USC na aplicación e no uso das novas tecnoloxías a prol do debate e o intercambio científico. O tamén profesor na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo salienta asemade que a ECSOC permite ao grupo de Novas Metodoloxías Sintéticas da USC reclamar a súa condición de pioneiro no descubrimento e na promoción deste tipo de congresos virtuais desde hai xa dúas décadas.
Respecto da temática das comunicacións presentadas, o presidente do comité científico da ECSOC-25 destaca a presenza de traballos en todas as seccións, aínda que o ámbito da síntese orgánica xeral, que recibiu 74 comunicacións, é o máis numeroso. Na presente edición deste foro computáronse tamén 56 achegas en química bioorgánica, medicinal e de produtos naturais, dúas relacionadas coa síntese asistida con microondas, 12 de química supramolecular e polímeros, 16 en química computacional e 4 en líquidos iónicos, explica Seijas Vázquez.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de traballos e comunicacións científicas, as distintas sesións de debate e análise programadas no marco desta conferencia internacional desenvolveranse de xeito virtual desde o 15 ata o 30 de novembro de 2021 a través do espazo web do congreso. Durante estas dúas semanas, os químicos e investigadores de países de todo o mundo interesados teñen unha boa oportunidade para intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas...
Os promotores da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica manifestaron o seu agradecemento aos diferentes patrocinadores que colaboran na ECSOC-25, unha relación de colaboradores entre a que se atopan a American Chemical Society, a través das revistas Organometallics, Organic Letters e the Journal of Organic Chemistry; as revistas MDPI (Multidisciplinary Digital Publishing Institute) Molecules, Catalyst e Organics, ademais da propia Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo, a Real Sociedade Espoñala de Química e a tamén luguesa AMS-Lab.