Ir o contido principal

I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra

14.10.2024-16.10.2024

O foro diríxese a estudantado de grao, mestrado, predoutoral e novo persoal investigador

Imaxe aérea do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Imaxe aérea do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite

A primeira edición do Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra desenvolverase no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo do 14 ao 16 de outubro. O foro diríxese a estudantado de grao, mestrado, predoutoral e novo persoal investigador interesado en compartir os seus resultados e poñerse en contacto con especialistas doutras areas. O evento non se dirixe soamente á mocidade investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, senón que pretende chegar tamén a outras universidades, centros de investigacións e institucións. A inscrición pode formalizarse en liña a través da web do congreso e os resumos deben enviarse a través do enderezo electrónico congreso.mocidadect [at] usc.gal (congreso[dot]mocidadect[at]usc[dot]gal) segundo as directrices establecidas polo comité organizador. 

“O principal obxectivo deste congreso é crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora ibérica, presentando as súas investigacións e no que poidan xurdir diversas colaboracións”, destaca a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera.

En paralelo, o congreso convértese tamén nunha xuntanza de iniciación, divulgación e formación para os e as aspirantes, xa sexan de grao ou de mestrado, cara ao inicio ou consolidación dunha carreira investigadora. “As informacións e as experiencias compartidas son chave para aquelas persoas que elixen o camiño da investigación tras o remate dos seus estudos universitarios”, subliña Elvira López Mosquera.

O Congreso atópase estruturado en nove liñas de investigación: produción vexetal sostible, produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), tecnoloxías ‘ómicas’, cambio climático e cambio global, unha única saúde e historia e cultura no medio rural. O prazo de inscrición estenderase ata o 1 de outubro, mentres que o período para envío de resumos finaliza o 17 de setembro. 

O Campus Terra de Lugo, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, nace como resultado do acordo entre a USC e a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, coa intención de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2024.