Recoñécense os mellores TFG e TFM que poñan en valor os cereais e o pan tradicional

A Cátedra do Pan e do Cereal entrega este martes 14 os galardóns correspondentes á terceira edición dos premios dirixidos a Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado que contribúan de forma decisiva a poñer en valor os cereais e o pan tradicional. O acto que estará presidido polo reitor Antonio López Díaz botará a andar ás 12.00 horas na Sala de Prensa do Pazo de Montenegro. A directora desta cátedra institucional da USC, Ángeles Romero, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, tamén intervirán no acto xunto coas persoas premiadas.
Puido concorrer ao certame o estudantado que tivese defendido durante os cursos académicos 2019-2020, 2020-2021, 2021-2022, 2022-2023 e 2023-2024 un TFG ou TFM en calquera universidade do Estado, sobre os cereais ou produtos derivados. Con esta iniciativa preténdense fomentar liñas de investigación que abrangan dende a produción dos cereais ata a fase final de comercialización dos produtos obtidos, tales como o cultivo e rotación de cereais, procesos de secado, almacenamento, procesos de moenda, de mesturado e envasado de fariñas, usos comerciais dos produtos de rotación de cereais, estudos de vida útil de fariñas, procesado de pan, ou procesado doutros produtos derivados de cereais. Os premios tamén abarcan a comercialización e vida útil do pan e doutros produtos derivados de cereais, novos produtos derivados de cereais con alto valor engadido, pans enriquecidos, estudos nutricionais, alén doutros temas enmarcados dentro dos obxectivos da Cátedra.
Outorgarase tres premios cunha dotación económica de 1.000 euros para o primeiro, 500 para o segundo e 250 para o terceiro, acompañados dos correspondentes diplomas acreditativos. O xurado do premio estivo formado polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a catedrática Mª Ángeles Romero Rodríguez; Santiago Pereira Lorenzo, codirector da Cátedra; e unha persoa especialista na temática non pertencente á USC, designada pola dirección da Cátedra.
A Cátedra Institucional do Pan e do Cereal da USC ten como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais. En concreto, profunda na análise xenética na produción de semente, fariña e pan; caracterización físicoquímica e nutricional das fariñas e dos pans; caracterización organoléptica dos pans, mediante catadores adestrados; estudos microscópicos das fariñas e do pan na trazabilidade co apoio de redes neuronais; avaliación da biodiversidade na produción ecolóxica versus convencional de cereais autóctonos; avaliación económica e do contexto agroecolóxico do cultivo de cereais autóctonos para a produción de pan; e estudos de consumidores.