
O grupo operativo FUNTRAPA no que participa a USC desenvolve o xoves 17 de outubro, a partir das 10.00 horas, un evento no que representantes das entidades galegas participantes explicarán os traballos que se realizaron para previr as enfermidades ás que están expostas galiñas poñedeiras e leitóns criados en réxime pastoril.
FUNTRAPA xurdiu en 2022 buscando mellorar a sustentabilidade da produción animal en explotacións que traballan baixo o esquema de benestar animal e utilizan sistemas de alimentación baseados no pastoreo. Estes animais son sometidos a tratamentos químicos frecuentes —para previr as enfermidades ás que están expostos no réxime pastoril— contribuíndo á alteración de ecosistemas e á desaparición de organismos beneficiosos para o chan.
Esta xornada que pode seguirse en liña, previa inscrición na web do evento, contará cos relatorios de representantes das catro entidades galegas que conforman o equipo operativo: o grupo de investigación Control das parasitas en animais e persoas: diagnóstico, prevención e tratamento (COPAR) da Universidade de Santiago de Compostela, FEUGA, o produtor Pazo de Vilane, e a Asociación PRODEME. Entre todos explicarán como se levou a cabo o tratamento con fungos e cal foi o seu efecto sobre as enfermidades parasitarias.