Dende o grupo AGROECOLFOR da USC e a través de Oper8, preténdese crear unha rede que permita compartir o coñecemento xerado por Grupos Operativos e persoal investigador a actores chave como profesionais da agricultura, gandaría, servizos de extensión, ou asesoría, entre outros

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC traballa no desenvolvemento de técnicas e mecanismos para avanzar no control sustentable das malas herbas en cultivos no marco do proxecto Horizon Oper8, un programa coordinado pola Universidade de Agricultura de Atenas e financiado pola Comisión Europea con 1.615.000 euros. O consorcio pretende artellar unha rede continental que permita a erradicación ou, cando menos, o control da maleza de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente.
No marco deste proxecto, sitúase o webinar 'Control alternativo de malezas: os robots lideran o camiño!', que se desenvolve en liña o 14 de maio a partir das 11.00 horas e cuxa inscrición pode formalizarse xa a través dun formulario electrónico. Durante este evento, especialistas en robótica agrícola e profesionais do sector vitivinícola compartirán os seus coñecementos e perspectivas sobre o uso de robots para o control de malezas en viñedos.
Os prototipos de robots autónomos, así como os desafíos e ofertas do mercado para a robótica en vexetais de campo e cultivos hortícolas será a temática abordada por Vitalijs Osadcuks, profesor e investigador na Universidade de Ciencias e Tecnoloxías da Vida de Letonia. Rasmus Mikkelsen Thuesen, xerente rexional de vendas de FarmDroid, en Dinamarca, tratará a robótica para vexetais de campo e cultivos hortícolas. En concreto centrarase na funcionalidade e desenvolvemento de produtos.
Na sesión tamén haberá tempo para mergullarse no mundo dos robots vitícolas da man de Christophe Gaviglio, enxeñeiro vitícola e de mecanización no Instituto Francés do Viño e a Vide, quen compartirá resultados e desafíos de ensaios. Finalmente, o relatorio 'Descobre VitiBot: robótica no desherbe mecánico en viñedos', será impartido por Luca Cazzola, xerente de vendas de VitiBot, Italia.
Dende o grupo AGROECOLFOR da USC e a través de Oper8, preténdese crear unha rede que permita compartir o coñecemento xerado por Grupos Operativos e persoal investigador a actores chave como profesionais da agricultura, gandaría, servizos de extensión, ou asesoría, entre outros. Deste xeito, búscase facer fronte aos desafíos ambientais e de saúde asociados ao emprego de herbicidas químicos, a través de solucións innovadoras. Entre elas, destaca o uso da robótica como unha alternativa prometedora para o control de malas herbas.