Ir o contido principal

Xornada sobre dixitalización e sostibilidade no aproveitamento da biomasa

Juan Gabriel Álvarez, César Pérez Cruzado e Adela Martínez son o persoal investigador da EPSE que intervirá nas sesións organizadas polo Clúster Biomasa Galicia

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite

O Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC acolle o 4 de xuño a xornada ‘Recurso forestal de Galicia. Dixitalización e sostibilidade no aproveitamento da biomasa’, organizada polo Clúster Biomasa Galicia.

Emilio Carral, subdirector de Mobilidade e Prácticas da EPSE e Francisco Álvarez, presidente do Clúster, darán a benvida ás persoas asistentes ao comezo do acto que bota a andar ás 10.00 horas. A seguir, especialistas abordarán diversas cuestións como a xestión forestal sostible, os modelos de estimación de biomasa, a ferramenta de trazabilidade forestal FORTRA, o deseño e procedemento de estimación de existencias do Inventario Forestal Continuo de Galicia, ou o sistema de estimación de existencias a nivel catastral do devandito Inventario.

Juan Gabriel Álvarez, César Pérez Cruzado e Adela Martínez son o persoal investigador da EPSE que intervirá nas sesións. A xornada culminará coa visita á planta de procesado de estela de Biegal. A inscrición está aberta e pode formalizarse en liña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2024.