Ir o contido principal

Xornada de presentación de resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia

O IFCG é unha ferramenta fundamental de control e planificación para os bosques galegos

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite

A presentación de resultados do proxecto de deseño e posta en marcha do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) terá lugar o vindeiro 1 de xullo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Este xornada, dirixida a todos os axentes do sector forestal, encádrase dentro das distintas actividades de divulgación de resultados que se están a desenvolver ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellaría do Medio Rural e a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento do IFCG. A sesión inaugural que botará a andar a partir das 10.30 horas contará coa participación da delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; e Jacobo Aboal Viñas, director da Axencia Galega da Industria Forestal.

A continuación, o investigador do Campus Terra, César Pérez Cruzado, dará conta dos resultados de deseño do IFCG e abordará as funcionalidades previstas do sistema. ‘Produtos cartográficos do IFCG. Consulta e procedemento de actualización’ será o relatorio impartido por Juan Picos Martín e Julia Armesto González da UVigo; mentres que a investigadora da USC Adela Martínez Calvo será a encargada de presentar o procedemento de estimación de existencias do IFCG e os resultados preliminares sobre cobertura LiDAR costa. A clausura correrá a cargo de José Luís Chan Rodríguez, director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

O obxecto do IFCG é regular o marco común de colaboración entre as institucións asinantes do convenio para apoiar ao sector forestal de Galicia, dun xeito sustentable, a través do desenvolvemento dun inventario forestal continuo que permita coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia, realizar o seguimento e avaliación do estado das masas arboradas e estimar a cantidade e calidade de ditos recursos, para deste xeito crear un sistema de apoio ás decisións en materia de política forestal. Por parte das universidades, participan no IFCG investigadores dos grupos de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) e Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da EPSE do Campus Terra da USC, xunto con persoal investigador da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2024.