Antonio Rigueiro: «Os sistemas silvopastorais seguen sendo unha técnica importante para mellorar o rendemento económico, social e medioambiental do monte»

Lumes forestais, degradación dos solos, cambio climático, despoboamento rural, perda de biodiversidade... Os retos aos que se enfronta o monte galego na actualidade distan moito de ser poucos. E a magnitude das súas consecuencias faise cada vez máis patente.
Por iso, fomentar o desenvolvemento de métodos de xestión sostible do monte, como son os sistemas silvopastorais correctamente planificados, tórnase imprescindible. E poucas persoas coñecen tan ben esta realidade como Antonio Rigueiro Rodríguez.
Catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría do Campus Terra e actual presidente da Asociación Forestal de Galicia, Antonio Rigueiro posúe unha abraiante traxectoria científica e académica que abrangue máis de catro décadas de excelencia, dedicación e posta en común dun coñecemento cun valor incalculable.
Hoxe botamos man da súa experta voz para comprender que beneficios pode aportar o silvopastoralismo aos nosos montes, cal é a situación actual das políticas forestais de Galicia e como evolucionou a investigación en agroforestería nos últimos anos.
-Tras máis de catro décadas de traxectoria académica, como evolucionou a súa visión sobre o papel dos sistemas silvopastorais na xestión sostible do territorio?
-Os sistemas agroforestais en xeral e, en concreto, os sistemas silvopastorais, son formas sostibles de xestión dos terreos rurais promocionadas pola UE, aínda que na práctica se aplican en maior medida noutras comunidades autónomas e noutros países.
Os sistemas silvopastorais evolucionaron co tempo, fóronse incorporando razas autóctonas de gando, contribuíndo estas técnicas á conservación dos recursos xenéticos animais, e tamén a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías, por exemplo cos valados virtuais ou o seguimento dos animais mediante drons.
Na actualidade, a recesión demográfica no rural, o envellecemento da poboación e o abandono en moitos casos da actividade agrícola e gandeira non favorecen a implantación destes sistemas, salvo honrosas excepcións, pois non hai pastores nin gando apropiado.
-Vostede foi pioneiro en Galicia na investigación sobre silvopastoralismo. Que vantaxes ecolóxicas e produtivas destacaría destes sistemas fronte a modelos más intensivos?
-Os sistemas silvopastorais ben planificados seguen sendo unha técnica importante para mellorar o rendemento económico do monte e para reducir o risco de incendios forestais, favorecendo ademais a conservación da biodiversidade e dos solos e o almacenamento de carbono, ao mesmo tempo que se recupera a figura de pastor, fixando poboación no medio rural.
Desde o punto de vista económico engadimos a produción animal á de madeira, que non soe diminuír pola presenza do gando, e melloramos tamén a produción dalgúns produtos forestais non madeireiros, como os cogomelos.
-No seu grupo de investigación abordan cuestións como a biodiversidade vexetal, o cambio climático e a prevención de incendios. Como se integran estas liñas nunha estratexia común para o desenvolvemento rural?
-As políticas da UE e dos estados membros, no eido do desenvolvemento rural, tenden a preocuparse cada vez máis pola conservación da natureza, do medio ambiente, dos recursos xenéticos e das paisaxes, pola mitigación do cambio climático e a prevención dos incendios forestais... e consideramos e temos demostrado que os sistemas agroforestais en xeral e os sistemas silvopastorais en particular son bos aliados de cara a acadar eses obxectivos.
A UE tamén está apostando pola agricultura e gandería ecolóxicas, fixando o obxectivo de que no ano 2030 o 25% dos alimentos de orixe vexetal e animal procedan dese tipo de agricultura, e os produtos gandeiros, fundamentalmente carne, de moitos sistemas silvopastorais cumpran os estándares da gandería ecolóxica.
-Dirixiu más de 25 teses de doutoramento, incluídas algunhas de doutorandos internacionais. Que valor achega a dimensión global á investigación en agroforestería?
-A investigación en agroforestería desenvolveuse moito en todo o mundo nas últimas décadas porque os modelos ou prácticas agroforestais encaixan na filosofía imperante de sostibilidade económica, ambiental e social, aproveitando os recursos naturais sen comprometer o aproveitamento dos mesmos polas xeracións que nos sucederán.
O noso grupo vén aportando o seu gran de area ao coñecemento e o avance destas técnicas, cun recoñecemento a nivel mundial, aínda que non abandonamos a transferencia de tecnoloxía a escala local.
-Entre as súas múltiples publicacións, hai algunha que considere especialmente influente na proxección do silvopastoralismo a nivel nacional ou europeo?
-Como veño de comentar, o cerca de un centenar de publicacións en recoñecidas revistas de impacto nas que eu figuro como coautor, xunto con outras doutros compañeiros e compañeiras, conduciron ao noso grupo de investigación a unha posición de liderado a nivel autonómico, nacional e incluso internacional, ao que lle dou a súa importancia, de feito a miña sucesora como coordinadora do grupo, á profesora María Rosa Mosquera Losada, que coordina ou participa en moitos proxectos da UE, percorre o mundo asistindo a reunións ou impartindo conferencias por invitación.
Pero eu non me sinto menos satisfeito polas numerosas publicacións asinadas por min como autor ou coautor (libros, capítulos de libros, artigos de divulgación en revistas, artigos de prensa) nos que poñemos a disposición dos axentes do medio rural galego e doutras comunidades autónomas españolas os avances que imos conseguindo para mellorar as técnicas dos sistemas agroforestais e dos sistemas silvopastorais.

-A transferencia de coñecemento é unha constante na súa carreira. Que mecanismos considera máis eficaces para que os resultados científicos cheguen realmente ao sector agroforestal?
-En Galicia, as xentes do rural son moitas veces escépticas á hora de recoñecer o valor das innovacións e, sobre todo, á hora de aplicalas nas súas explotacións. Non cren ata que ven, como Santo Tomé.
Por iso eu coido que unha vía eficaz para a transferencia de tecnoloxía na nosa terra, sen desbotar outras tamén importantes (reunións, seminarios, conferencias, follas divulgadoras...), son as parcelas demostración, tarefa que veu aplicando con éxito o Servizo de Extensión Agraria ata que practicamente desapareceu do campo.
Nalgúns países as universidades teñen un importante cometido no eido da Extensión Agraria, área na que o Campus Terra coido que podería implicarse aínda máis.
-Na súa actividade docente ten abordado desde a pascicultura á macromicoloxía. Como se logra manter actualizados os contidos formativos nun campo tan amplo e en constante evolución?
-No meu caso tiven e teño a sorte de impartir docencia en temas nos que tamén veño realizando tarefas de investigación, o que me obriga a coñecer os avances que se van producindo e incorporalos nos programas das materias, actualizándoos.
-Como presidente da Asociación Forestal de Galicia e membro de varios órganos consultivos, como valora o estado actual das políticas forestais en Galicia en relación coa ciencia e o coñecemento técnico?
-A verdade é que eu non aprecio unha atención importante e directa por parte das administracións galegas en relación co apoio á investigación forestal. Algún Grupo Operativo Autonómico, algunhas axudas de consolidación dirixidas a grupos de investigación forestal, algo que cae a través do campus de especialización, algúns convenios ou contratos, algún financiamento das deputacións, e pouco máis.
Da Xunta de Galicia depende o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que foi un centro de referencia na investigación forestal a nivel autonómico, nacional e mundial, que na actualidade languidece pola fuga e xubilación de investigadores.
Quero ver certa esperanza nun ente privado-público de investigación forestal aplicada que se está xestando e no que se prevé a participación da Xunta de Galicia, as universidades, os centros do CSIC, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a Fundación Arume (que agrupa industrias forestais, viveiros, empresas de servizos, propietarios)...
-Durante a súa dirección da Estación Científica do Courel, que logros destacaría en relación coa conservación da flora e o impulso ao coñecemento científico en territorios de montaña?
-Durante a miña etapa como director da Estación Científica do Courel no eido científico destacaría que dedicamos unha atención importante ao estudo da macromicobiota (cogomelos). Na serie Cadernos da Estación Científica do Courel publicamos a monografía Catálogo da Macromicobiota da Serra do Courel, citando máis de 500 especies, con novidades para a provincia, Galicia, España e Europa, obra de referencia para os investigadores sobre macromicoloxía en Galicia e en España.
Tamén realizamos moitas actividades de divulgación e transferencia de tecnoloxía, destacando varios cursos de cogomelos comestibles e velenosos e de plantas medicinais, que tiveron gran aceptación, e os catro seminarios “Patrimonio Cultural do Courel”.
-Finalmente, como profesor emérito da USC, que mensaxe transmitiría ás novas xeracións de investigadores que se forman no campus terra con vocación de contribuír a un medio rural vivo e resiliente?
-A verdade é que non son tempos moi bos para os investigadores en formación, cando menos na área de coñecemento miña, Produción Vexetal, porque é unha área excedentaria en profesorado e polo tanto non se convocan novas prazas e incluso se amortizan as de profesores ou profesoras xubilados, situación que mudará nos vindeiros anos, nos que haberá moitas xubilacións. As prazas dirixidas á estabilización de investigadores, vía prazas de profesorado, son escasas.
Nese senso coido que os novos estatutos deberían incluír fórmulas de estabilización de investigadores ademais da vía de converterse en profesores, é dicir diferenciar unha carreira investigadora e unha carreira docente.
Doutra parte está claro que o medio rural necesita da investigación e da transferencia de tecnoloxía, especialmente nos tempos da intelixencia artificial, así que os investigadores en formación do Campus Terra non deben desanimarse, porque aínda que os comezos ás veces non son doados o futuro é prometedor.