Julio A. Seijas: «Estámonos a pasar un pouco da raia nalgúns ámbitos con tanta divulgación científica»

Con máis de catro décadas de traxectoria académica e investigadora, Julio A. Seijas Vázquez é unha referencia indispensable ao falar de Química Orgánica no Campus Terra da USC. Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e cunha sólida formación posdoutoral en Oxford, Montreal e Southampton, as súas liñas de investigación, centradas na síntese de compostos de interese farmacolóxico, o uso de microondas en procesos químicos e o desenvolvemento de líquidos iónicos, situárono como unha voz autorizada en química sostible.
Nesta entrevista, Seijas repasa con claridade e sentido crítico a súa carreira, os retos do Campus, a evolución do alumnado e a súa visión sobre a divulgación científica, sen renunciar a certa ironía.
Desde a súa contribución pioneira en congresos virtuais ata o seu labor como coordinador do Grupo de Innovación Educativa GIEQ, as súas respostas ofrecen unha visión lúcida sobre o equilibrio entre investigación, docencia e compromiso co desenvolvemento do Campus.
-Un dos aspectos destacados do seu traballo como investigador é o uso de microondas para promover reaccións químicas. Que vantaxes presenta esta técnica respecto a os métodos convencionais?
-En principio, o uso de microondas permite acurtar tempos e xeralmente aforrar enerxía. Aínda que o aforro enerxético só se cuantifica en procesos a partir dunha escala de planta piloto, a redución de tempos de reacción é un aspecto fundamental a calquera escala. Nós conseguimos rebaixar o tempo de reaccións que duraban 9 días a só dúas horas. Hai xente que sostén mesmo que puidesen ter un efecto específico sobre as moléculas levando a novas reaccións.
O que ocorre ao falar de radiación microondas é que non se entende moi ben que son. Iso de microondas soa a radiación (radioactividade), pero no fondo o único que fan é orientar as moléculas na matriz que sexa e, ao xerar fricción, prodúcese un quecemento. Con microondas quéntase desde dentro, ou sexa, que, no canto de quentar o matraz, coa interacción cun disolvente ou a mesma substancia xérase calor e promóvense as reaccións. É así como moitas veces optimízanse os tempos de reacción.
-E que aplicacións ten a nivel industrial?
-As microondas utilízanse a nivel industrial para aproveitar os tempos e ese aforro enerxético que comentamos. Existe por exemplo para secado de madeiras, procesado de alimentos ou selaxe de materiais.
As microondas son unha ferramenta que está moi desenvolvida a nivel industrial. Por citar un exemplo, o aforro de enerxía é moito maior que nun quecemento en fornos convencionais por infravermello, que é outro tipo de radiación electromagnética.
-Cal considera que foi a súa contribución máis innovadora dentro da síntese de compostos de interese farmacolóxico ou industrial?
-Aí vou darche a resposta clásica. Todos son fillos e quéreselles igual a todos. Sobre todo, no meu caso, xa que os dous membros permanentes do grupo de investigación estamos casados e Pilar sempre foi un apoio moi importante. A parte de microondas está moi ben, pero hei de confesar que lle teño moito agarimo a un tema pequeniño de química orgánica que fixemos Pilar e eu (a tamén profesora do Departamento María del Pilar Vázquez Tato) cando volvemos de Oxford a mediados dos oitenta.
Cando fas un traballo como o noso, tan esixente tantas veces porque hai unha gran cantidade de traballo experimental, pero tamén é necesario romper a cabeza, cando as cousas saen ben quedas moi satisfeito.
-Traballou con derivados de sales biliares tanto hidrofílicos como lipofílicos. Que potencial teñen estes compostos en aplicacións biomédicas ou farmacéuticas?
-Esta parte fixémola en colaboración cun grupo de Química Física na que nós nos encargamos da parte da síntese de derivados. Estes compostos teñen un gran potencial tanto a nivel farmacolóxico como a nivel surfactantes. Un surfactante (ou tensioactivo) é unha substancia que diminúe a tensión superficial dun líquido, facilitando a mestura de substancias que normalmente non se mesturarían.
No caso dos fármacos, teñen propiedades moi interesantes para tratar problemas de fígado, por exemplo.
-Tamén participou en investigacións sobre líquidos iónicos con cationes como BMIM, mostrando propiedades de transporte pouco convencionais. Que aplicacións reais poden derivarse do comportamento anómalo destes sistemas?
-Os líquidos iónicos son, por unha banda, un reactivo e, por outra, un disolvente. Son dúas facetas fundamentais. Chámaselles líquidos iónicos para que quede bonito, (hoxe en día hai que buscar nomes que queden ben) pero non deixan de ser un sal.
Non unha convencional, como a que usamos para cociñar, senón con outras propiedades. O sal convencional ten dous partes inorgánicas pero a iónica ten unha parte orgánica que reduce o punto de fusión considerablemente. Aos alumnos dicímoslles que os compostos iónicos típicos caracterízanse por ter un punto de fusión moi elevado, pero neste caso non se cumpre.
Nalgúns casos como o BMIM e outros, ao ser líquidos a temperatura ambiente ou a 50-60 graos, pódense usar como disolvente. Formalmente como disolventes son disolventes orgánicos nun ambiente moi iónico, por tanto, moi distintos fronte aos disolventes orgánicos tradicionais, que a maioría son covalentes polares ou non.
O seu emprego permite eliminar os disolventes orgánicos volátiles. Os líquidos iónicos usados como disolventes son moi pouco volátiles, co cal atenúas problemas importantes a nivel industrial. E ademais son reciclables, co que entran dentro dunha categoría na que nós tamén estamos especializados que é a química sostible, o que se coñecía antes como química verde.
Nós traballamos as microondas e os líquidos iónicos dentro desta categorización que é a química sostible.

-Parecen propiedades moi interesantes…
-Efectivamente. Son reciclables, non contaminan, son máis seguros que a maioría dos disolventes orgánicos... Nós ademais traballamos líquidos iónicos per se no marco dunha colaboración cun grupo de Física que traballa nas propiedades ópticas destes compostos.
Preparámoslles líquidos iónicos con metais de transición e xa publicamos varios traballos porque efectivamente teñen unhas propiedades ópticas interesantes.
-Vostede coordina o grupo de innovación educativa GIEQ. Que papel cre que xoga a divulgación científica na formación do alumnado preuniversitario e na promoción de vocacións científicas?
-Estamos a pasarnos un pouco da raia nalgúns ámbitos con tanta divulgación científica. A divulgación científica ten que facerse dunha forma seria. Hai que motivar á xente, pero sen crear falsas expectativas.
Nós houbo unha época que faciamos unhas demostracións con experimentos tipo “O Formigueiro”, aínda que máis serios e con moito menos diñeiro. Pero deixamos de facelos, faciámolos no salón de actos, e como o risco cero non existe, por razóns de responsabilidade deixámolo. Tiñan moito éxito iso si.
Agora mesmo, entre Tik Tok e Youtube hai moito irresponsable facendo “divulgación”. Hai que darlle unha volta a isto porque non todo o mundo está capacitado para divulgar.
Iso si, por suposto, é importante incrementar o interese dos mozos pola vocación científica, se non, mal imos como sociedade.
-Desde os seus inicios como bolseiro FPI nos anos 80 ata hoxe, como evolucionou o seu enfoque docente e que cambios notou no alumnado do Campus Terra?
-Os estudantes cambiaron porque cambiou a sociedade. Eu levo dando clase desde que me incorporei como bolseiro de FPI en 1983, é dicir, xa son máis de 40 anos no meu.
Agora, aos nosos alumnos damoslles todo o material dixitalizado, pero o certo é que a química orgánica non se aprende só estudando “powerpoints e pdfs”. A química orgánica tense que escribir e debuxar. Non vale con lela.
Póñoche un exemplo. Non me vale que vexan un benceno. Teñen que debuxalo porque se non, cando o teñan que debuxar nun exame váiselles a esquecer unha das tres raias que van dentro do hexágono e xa non vai ser un benceno. Se non estás afeito a debuxalo con detalle, isto non funciona e así cos mecanismos de reacción e outras cousas da materia.
Ás veces teño a sensación de que hai demasiada tecnoloxía e demasiado audiovisual polo medio.
Pero os estudantes seguen sendo parecidos. Cambiamos polos tempos, pero as dinámicas seguen sendo moi parecidas e eu estou relativamente satisfeito cos meus estudantes. Podían traballar máis, pero creo que isto é unha cousa que sempre diriamos, independentemente do que traballasen.
Quizais si están un pouco máis distraídos con tanto Tik Tok e tanta historia de redes sociais [risas]…
-Que papel tivo a colaboración internacional, especialmente con universidades de Alxeria e doutros países, no desenvolvemento recente da súa actividade investigadora?
-Iso entra dentro da filosofía actual da química orgánica dentro do Campus Terra. A química orgánica no campus de Lugo pasou de ter 9 profesores a ser dous, que somos a miña muller e eu. Por razóns de organización do departamento, no seu momento marcháronse todos para Santiago.
No seu momento en Lugo houbo unha titulación de Química que permitía aos mozos acceder a unha tese doutoral, pero iso pechouse. Agora mesmo aquí en Lugo é moi difícil captar doutorandos en Química Orgánica.
Esta colaboración, sobre todo con Alxeria, nace de aí. Captamos estudantes que colaboran, que teñen interese porque alí non teñen uns medios como os nosos. Eles poden obter un financiamento para a estancia por uns meses e no noso grupo de investigación, dámoslles unha visión complementaria e entre todos tentamos sacar adiante estas colaboracións.
O maior problema é que non temos financiamento específico para estas investigacións e temos que conseguir recursos debaixo das pedras. A política de financiamento de investigación da Xunta, ao meu xuízo, non é acertada. Antes polo menos había proxectos de investigación aos que podían optar grupos pequenos, pero desde hai tempo xa só danse recursos aos grupos grandes establecidos e para ser un destes grupos esíxense uns requisitos que resulta moi complicado cumprir se non tes un grupo numeroso.
-Pola súa experiencia como membro do Consello de Goberno e do Consello Social da USC, que medidas cre fundamentais para fortalecer a investigación nos campus non centrais como o de Lugo?
-A visión desde Santiago está a cambiar un pouco, pero aínda está aí un pouco larvada esa visión de que somos un competidor. E non é así, somos unha extensión.