Mª Teresa Rodríguez: «A zoodiversidade edáfica xoga un importante papel na sustentabilidade do noso sector agrario»

En 1881, Charles Darwin dedicou o que sería o seu derradeiro libro a uns pequenos seres cuxa existencia adoita pasar desapercibida: as miñocas. Nas súas páxinas, o naturalista británico repara na súa imprescindible contribución á formación e fertilización do solo, elemento esencial para a vida no planeta.
Deste xeito, axudou a constatar que estas “enxeñeiras de ecosistemas” melloran as propiedades hídricas do solo, facilitan a asimilación dos nutrientes por parte das plantas ao degradar a materia orgánica e promoven a actividade de microorganismos beneficiosos para o medio natural.
Estes servizos ecosistémicos, que tamén recaen noutras especies da fauna edáfica, están irremediablemente vencellados á calidade da nosa produción agraria, permitindo que se poida desenvolver dun xeito eficiente, produtivo e, sobre todo, sostible.
Co obxectivo de coñecer as dinámicas que rexen esta relación, hoxe entrevistamos a Mª Teresa Rodríguez, Profesora Titular no Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física do Campus Terra cunha extensa traxectoria no estudo e conservación de invertebrados terrestres, entre outras moitas cousas.
-Vostede leva máis de dúas décadas vinculada ao Campus Terra da USC. Como evolucionou o seu labor docente e investigador neste tempo e que fitos destacaría?
-A miña labor, tanto docente como investigadora ten mudado dende que cheguei ao Campus Terra.
No que atinxe ao primeiro caso (docencia) non só mudou, senón que segue a mudar ano a ano, pois creo que é obriga dos docentes manterse actualizados nos contidos das materias que imparten e no xeito de impartilas, adaptándose ás novas tecnoloxías e ás inquedanzas do alumnado.
No segundo aspecto tamén ten mudado a miña labor, pois cando cheguei a Lugo formaba parte dunha equipa de investigación na Facultade de Bioloxía en Compostela e pouco a pouco fun adaptando a miña investigación a ámbitos mais relacionados co sector agrario, pero tendo sempre presentes os aspectos biolóxicos e de conservación.
-Un dos seus ámbitos de especialización é a malacoloxía terrestre. Que relevancia ten o estudo dos gasterópodos no contexto actual de cambio climático e conservación da biodiversidade?
-O cambio climático é unha das principais ameazas para a conservación das comunidades naturais nos diferentes ecosistemas, pois provoca modificacións na temperatura e na dispoñibilidade de auga que afectan aos ecosistemas e a súa biodiversidade. O cambio climático, ao actuar sobre os factores ambientais, pode afectar á abundancia, á dinámica poboacional e á composición das poboacións, ben de xeito directo ou a través doutros factores do medio.
Neste senso, os moluscos terrestres son moi dependentes destes factores, que impactan directamente sobre o seu ciclo biolóxico afectando a súa hibernación, crecemento e reprodución, polo que están considerados como un dos grupos mais vulnerables pola súa distribución, en moitos casos, moi restrinxida.
Ademais, tamén se ven afectados de xeito indirecto, pois a perda de hábitats por deforestación, lumes ou desertización, tamén os afecta. Por outra banda, o cambio climático altera a dispoñibilidade de alimento, o cal afecta a súa supervivencia.
Se sabemos os condicionantes climáticos para as especies de gasterópodos terrestres podemos identificar as áreas xeográficas que reúnen as condición climáticas axeitadas para a súa presenza, o que nos permitiría identificar hábitats idóneos onde as especies poderían estar presentes aínda que non se teña constancia dilo e áreas climaticamente doadas para a súa presenza nun futuro.
De este xeito, poderíanse realizar esforzos de conservación identificando, por exemplo, posibles áreas a protexer para manter a biodiversidade de gasterópodos terrestres que, como o resto da fauna, xogan un papel moi importante ao aportarlle unha morea de servizos ecosistémicos aos nosos ecosistemas edáficos, pois interveñen nas cadeas tróficas, nas propiedades físico-químicas dos solos, na formación de estruturas bioxénicas…
O cambio climático provoca unha perda xeneralizada de biodiversidade, o cal ameaza a dinámica dos ecosistemas e tamén a saúde humana.
-Participa activamente en grupos de investigación que abordan temas como a ecoloxía agraria, a calidade do solo ou a xestión de residuos. Que sinerxías se xeran entre a zooloxía do solo e a sustentabilidade agraria?
-A sustentabilidade agraria é de vital importancia para a produción de alimentos destinados a alimentar unha poboación mundial en aumento; case toda a terra fértil do mundo está en uso e as áreas de terra cultivable non poden expandirse dun xeito significativo. O desafío global é asegurar rendementos altos e de calidade e facer que a produción agrícola sexa compatible co medio natural.
A presenza, ou ausencia, de determinados taxons (categorías de clasificación dos seres vivos) non só estanos a indicar se algo está a pasar, pois hai grupos que son moi sensibles á contaminación, ou pola contra, moi tolerantes; alterar o equilibrio que existe no medio edáfico repercute directamente sobre a calidade da produción agrícola e a súa conservación a longo prazo.
Neste senso, a fauna edáfica xoga un papel moi importante nas características físco-químicas dos nosos solos, intervindo activamente no ciclo dos nutrientes, pois moitos dos taxons edáficos son moi importantes na descomposición da materia orgánica, polo que non poden quedar a un lado nos estudos de sustentabilidade agraria.
Por outra banda, especies non tipicamente edáficas, pero si con fases larvarias no solo, interveñen en procesos vitais para a produción de alimentos; estou a falar dos polinizadores (abellas, escaravellos, bolboretas, etc.) que contribúen á diversidade vexetal e afectan á zoodiversidade a través da polinización.
No que se refire á xestión de residuos, temos que ter presente que no medio edáfico temos taxons animais que son moi útiles para a transformación deses residuos por mor dos procesos dixestivos que desenvolven. Estes lévanos a detoxificar toxinas e mesmo a biodegradalas ou bioacumulalas nos seus tecidos, retirándoos así da circulación edáfica. Neste senso, hai un grupo que está sendo moi empregado nos procesos de zooremediación edáfica; trátase das miñocas, as cales se están usando para estudos de ecotoxicidade nos solos.
É por iso que a zoodiversidade edáfica xoga un importante papel na sustentabilidade do noso sector agrario.

-O seguimento de especies como Geomalacus maculosus ou a elaboración de listas vermellas en Portugal evidencian a súa implicación en proxectos de conservación. Cal é o maior reto para protexer a fauna invertebrada autóctona na península ibérica?
-Dende o meu punto de vista, non hai un maior reto, senón varios retos maiores:
- Perda e degradación de hábitats por contaminación, lumes, deforestación ou construcións que inciden directamente sobre a fauna invertebrada e para as que non se fan estudos de impacto ambiental ou, de facerse, son de “aquel xeito”, impactando directamente sobre a calidade e dispoñibilidade de hábitats.
- O cambio climático, que como xa comentei, afecta á distribución, supervivencia e mesmo reprodución dos invertebrados.
- Actividades humanas, presenza de especies invasoras, falta de educación...
- Descoñecemento do seu papel en tódolos procesos ecolóxicos nos que interveñen e sen os cales non teríamos nin alimento, nin aire puro ou mesmo nin solo para construír as nosas edificacións, vías de comunicación, etc.
-A súa participación en proxectos como “Desde o campo á mesa” ou “Bio+” mostra unha clara aposta pola investigación aplicada. Como valora a transferencia de coñecemento desde a academia ao sector agroalimentario?
-Paréceme de vital importancia, pois é o xeito de que os cartos invertidos na investigación poidan reverter nos diferentes sectores que o precisan e que, en moitas ocasións, non están en disposición de facer investigación; a investigación aplicada é unha forma de reverter na sociedade os avances que se van acadando na academia.
-Ao longo da súa traxectoria colaborou con numerosos equipos multidisciplinares. Que papel xoga a colaboración entre disciplinas (bioloxía, agronomía, ecoloxía) nos seus proxectos actuais?
-Se queremos facer investigación con aplicación na vida diaria, non nos queda outra que interactuar entre as distintas disciplinas, pois é o xeito de saber cales son as necesidades do noso sector agroalimentario; non se pode traballar en compartimentos estancos xa que o agro é unha mestura de moitas cousas que interactúan entre si, polo que os investigadores tamén temos que establecer sinerxías entre nós para dar resposta ás inquedanzas que se nos presentan dende os agrosistemas.
-No marco do Campus Terra, que potencial ve para que Lugo se consolide como referente en investigación sobre sustentabilidade e agroecoloxía desde unha perspectiva integradora do medio rural e natural?
-O medio rural e o medio natural non se poden ver como dúas cousas illadas e sen ningún tipo de nexo de unión, pois iso sería un gravísimo erro para o sector agrario. Están irremediablemente unidos e integrados, non podemos disocialos.
Esta integración refírese á coexistencia en harmonía das actividades humanas en áreas rurais e á preservación dos ecosistemas naturais; isto implica o desenvolvemento de prácticas sostibles que promovan a conservación da biodiversidade, o uso responsable dos recursos naturais e a integración da actividade económica coa protección do medio natural.
Neste senso, o medio rural debe preservar o solo, a auga, o aire, protexer biótopos, espazos verdes, preservar a paisaxe e conservar a biodiversidade.
Lugo tería que estar xa consolidado como referente en investigación sobre sustentabilidade e agroecoloxía, pois hai grupos moi punteiros que están a desenvolver os seus traballos en todos estes aspectos e con resultados moi satisfactorios; pero o problema vén de algo que aparece reflexado na pregunta e que, por desgraza, aínda non temos interiorizado de todo: perspectiva integradora.
-Finalmente, que liñas de investigación cre que serán clave no futuro inmediato dentro do campo da zooloxía aplicada á xestión agroambiental?
-Todas as relacionadas coa conservación da biodiversidade e dos seus servizos ecosistémicos (polinización, diversos procesos de bioturbación, zoorremediación, diseminación de sementes, control de pragas, fluxo de materiais e enerxía, herbivoría…), pois se perdemos eses servizos, non hai posibilidade de xestionar nada.
A fauna inflúe nos patróns de distribución e composición da vexetación, nos solos e nos procesos xeomorfolóxicos, polo que ten un papel moi activo na xestión agroambiental. Os problemas na xestión da fauna van a afectar á conservación da natureza.
Non podemos esquecer que as paisaxes agrarias son resultado da interacción de múltiples factores e un deles é, claramente, a fauna que habita nelas.