A startup iTechTerm desenvolvida no USC Lugo Explorer Space gaña unha viaxe a Silicon Valley

A startup iTechTerm impulsada por Elio López García e Óscar Guasch foi elixida como a mellor idea de Explorer USC Lugo e obtivo unha praza para viaxar a Silicon Valley xunto aos outros 52 mellores novos emprendedores do IX edición do programa Explorer que impulsa Banco Santander a través de Santander Universidades e coordina o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), no marco da iniciativa global Santander X.
O acto de presentación de proxectos, presidido pola adxunta ao Vicerreitorado de Coordinacion do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, clausurou a edición 2018 do programa no Centro Explorer USC Lugo, situado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC onde 23 emprendedores recibiron apoio, asesoramento e formación durante os últimos 5 meses grazas ao apoio da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Emprego.
iTechTerm é unha startup que ofrece un innovador sistema de monitorización e control de variables sanitarias de gando vacún que permite a mellor xestión das explotacións gandeiras a través da detección precoz de enfermidades e datos de produción animal. Esta monitorización en tempo real lévase a cabo a través do desenvolvemento dun sensor de temperatura subcutáneo que unido a unha tecnoloxía baseada na análise de datos a través de algoritmos de intelixencia artificial permite a detección precoz fronte a cambios de saúde no animal.
Patricia González Rodríguez e Ángela Avila López , co proxecto Green Design, foron seleccionadas polo xurado como finalistas para o premio Woman Explorer Award que patrocina a Fundación EY, mentres que Elio López e Óscar Guasch, promotores de iTechTerm, foron elixidos tamén como finalistas na categoría Disruptive Technology Explorer Award que impulsa INDRA.
Este ano os gañadores e finalistas dos Explorer Space de Santiago e Lugo contaron co apoio das startups Raiola Networks e Metricool que lles obsequiaron con catro tablets e un ano gratis de hosting, dominio e xestión de redes sociais.