O Campus Terra da USC divulga os resultados dos proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación

O salón de actos da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC acolle este xoves 19 de outubro, a partir das 10.00h, a ‘Xornada de divulgación de resultados: Grupos Operativos en Galicia’, na que se darán a coñecer os resultados dos proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, promovidos pola Consellería do Medio Rural.
Esta Xornada, que será inaugurada polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro Lois, está estruturada en tres bloques. No primeiro deles, moderado polo xestor de Innovación e Transferencia do Campus Terra, Roberto Lamas, terán cabida os avances dos proxectos desenvolvidos no eido da Dixitalización. A continuación, Emilio Martínez, técnico de Xestión de I+D da USC, moderará a mesa relativa a aqueles que contribuíron a facer achegas en Economía Circular; mentres que o tamén xestor do Campus Terra, Pedro Fiz Rocha, estará a cargo da mesa relativa aos proxectos de Produción Primaria.