O Campus Terra da USC e Aresa poñen en marcha a edición 2017 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O reitor Juan Viaño e o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron este mércores o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2017 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome tamén estivo presente o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
A sinatura protocolaria do acordo inicia os preparativos dunha nova convocatoria deste recoñecido galardón co que Aresa e o Campus Terra da USC premian cada ano aquelas iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.
Os asinantes coincidiron en sinalar a relevancia acadada por este galardón, que “superou as expectativas dos seus promotores en canto ao seu asentamento e recoñecemento pola sociedade galega, alcanzando grande importancia tanto polos currículos dos premiados como pola súa dotación económica”, como explicou Juan Viaño. O premio constitúe igualmente “un bo exemplo de colaboración entre empresa e universidade”, engadiu o reitor.
Pola súa banda, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguéz Eiras, apuntou a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para optimizar o rendemento do campo e o desenvolvemento da economía do rural galego. Como explicaron logo da sinatura protocolaria deste convenio, na avaliación das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego. Prestarase especial atención á viabilidade económica, a creación de postos de traballo, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e a innovación en produtos que teñan potencial desenvolvemento. A presentación de candidaturas poderá realizarse ata o 26 de outubro nos rexistros da USC.