O Campus Terra da USC mantén tres dos seus títulos de grao como os mellores de España segundo o U-Ránking

O Campus Terra da USC é unha das mellores opcións para cursar estudos de grao en España, segundo conclúe o U-Ránking 2018 das universidades españolas elaborado pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie), que sitúa tres das 15 titulacións de grao impartidas na sede universitaria luguesa como as mellores de España.
A VI Edición do U-Ránking analiza un total de 61 universidades públicas e privadas, cubrindo o 94% do Sistema Universitario Español en termos de número de estudantes de grao e examina máis de 2.300 graos. Deste xeito, o U-Ránking considera que no tocante á docencia, investigación e desenvolvemento tecnolóxico, os graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, así como Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais que se imparten no Campus Terra da USC, seguen a ser, tal e como sucedía o ano pasado, as mellores titulacións de España no seu ámbito.
Alén de destacar estas tres titulacións entre a oferta ‘top’ da universidade española, o U-Ránking 2018 tamén sitúa en segundo lugar, nos seus respectivos ámbitos, o grao en Veterinaria, así como o grao en Enxeñaría Civil da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Este centro lugués conta tamén co seu grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria no terceiro posto deste indicador. Na mesma situación atópanse os graos en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria da USC. Pola súa parte, o grao en Nutrición Humana e Dietética da Facultade de Ciencias aparece como a cuarta mellor titulación de España na súa área.
Outros graos da USC que tamén se imparten en Lugo obteñen posicións destacadas, é o caso do grao en Lingua e Literatura Españolas que se atopa en cuarta posición; en quinto lugar, o grao en Enfermaría; na sétima posición atópase Administración e Dirección de Empresas, o grao en Xestión de Pemes, e o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.