O VI Campus Científico de Verán XuvenCiencia clausúrase este venres ás 18.00h no Auditorio da Facultade de Veterinaria

O Auditorio da Facultade de Veterinaria acolle este venres 6 de xullo, ás 18.00h, a clausura do VI Campus Científico Internacional de Verán XuvenCiencia que ao longo de toda a semana serviu para que 150 alumnos e alumnas preuniversitarios puideran coñecer de primeira man, a través de obradoiros e proxectos científico-técnicos, os distintos itinerarios formativos que poden cursarse no Campus Terra da USC.
O acto terá unha primeira parte, que dará comezo ás 15.30h, na que o xurado de XuvenCiencia avaliará os vídeos elaborados polos grupos de alumnos e alumnas participantes. Ás 18.00h, a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidirá a entrega de diplomas aos participantes; e ás 18.30h realizarase a entrega dos premios Aresa Junior e Proxéctate en Galego.
O premio Aresa Junior busca promover o interese dos rapaces/as pola ciencia e a tecnoloxía premiando as habilidades creativas, artísticas e de comunicación; mentres que o galardón Proxéctate en Galego aspira a promover o uso do galego como lingua de traballo e comunicación, ademais de premiar a capacidade de transmitir información de forma novidosa, creativa e adecuada desde o punto de vista lingüístico.
Visita ao obradoiro da Fundación TIC
A deputada provincial Sonsoles López Izquierdo visitou este xoves o obradoiro que como cada ano, a Fundación TIC leva a cabo no marco do Campus de Verán XuvenCiencia. López Izquierdo estivo acompañada na súa visita pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e pola coordinadora de XuvenCiencia e profesora da USC no Campus Terra, Mercedes Novo.
O obradoiro titulado ‘Como elaborar vídeos para YouTube’ ensina ao alumnado de XuvenCiencia a gravar e montar videos para subilos a YouTube e outros servizos de streaming.