
Ademais da ineludible dimensión temporal e histórica, a memoria ten necesariamente tamén unha dimensión espacial. A memoria sempre se atopa nalgún sitio, sexa material ou inmaterial, manifesto ou latente, tanxible ou invisible, representable ou irrepresentable. Está ligada ás facultades mentais, sensibles e experienciais do suxeito (individual ou colectivo). Así mesmo, pode estar encarnada de maneira cifrada no corpo físico do individuo. Pero pode atoparse tamén máis aló do suxeito: nun lugar concreto ou no espazo virtual, nunha paisaxe, na natureza ou na mesma atmosfera, mesmo no aire que atravesa lugares e tempos distintos e distantes. O simposio proponse abordar a pregunta polos espazos da memoria desde diferentes perspectivas e disciplinas como a filosofía, a literatura, a filoloxía, a historia da arte, a arquitectura, a psiquiatría e a psicanálise.