Ir o contido principal

Taller Computación de Inspiración Cuántica

16.02.2024-01.03.2024 | 15.00h-19.00h

Santiago de Compostela

A inscrición poderá formalizarse entre o 29 de xaneiro e o 9 de febreiro

Facultade de Física. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Física. FOTO: Santi Alvite

O Taller Computación de Inspiración Cuántica desenvolverase ao longo de tres sesións os días 16 e 23 de febreiro e 1 de marzo entre as 15.00 e as 19.00 horas na Facultade de Física. “A Computación Cuántica permitirá, cando estea o suficientemente madura, abordar problemas cuxa complexidade escala exponencialmente e, por tanto, quedan fóra do alcance da computación clásica”, explican dende a organización do obradoiro. O curso consta de tres sesións que combinan introdución teórica e talleres prácticos onde se resolverán problemas reais de interese na industria. A inscrición poderá formalizarse entre o 19 de xaneiro e o 9 de febreiro a través da Secretaría Virtual.

Mentres se avanza na construción de ordenadores cuánticos con tamaño e niveis de ruído aceptable, é necesario abordar casos de uso reais de interese na industria que poñan a proba os algoritmos que se propuxeron para a súa resolución. Existen solucións de inspiración cuántica que permiten resolver problemas de optimización combinatoria de forma moi eficiente, a través de algoritmia inspirada en certos fenómenos existentes na mecánica cuántica, pero que corre en hardware clásico sen as dificultades existentes nos ordenadores cuánticos actuais.

A formulación de problemas de optimización con tecnoloxía de inspiración cuántica constitúe un primeiro paso cara á implementación efectiva da Computación Cuántica, xa que permite explorar aplicacións para esta tecnoloxía en problemas de reais que non son abordables hoxe en día cun computador cuántico actual. Unha vez a tecnoloxía cuántica estea o suficientemente madura, a migración do problema a un computador cuántico sería inmediata.

Para a realización dos talleres será necesario traer o computador portátil e instalar certos paquetes de software que se indicarán, para executar en modo local. Os talleres serán presenciais (con cota limitada), coa opción de seguimento en liña para quen non obteña praza presencial. Ademais, o estudantado dos graos de física, matemáticas e dobre grao de física e matemáticas terán opción a convalidar un crédito optativo a través da súa secretaría virtual. Requiriranse coñecementos de Python e software pre-instalado do que se informará.

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2024.