A charla proporcionará un panorama completo dos aspectos legais e socioeconómicos no sector cultural, ofrecendo recomendacións para profesionais

A avogada cultural Alba Enríquez Cruz impartirá este martes 21 de novembro ás 17.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Humanidades a conferencia titulada 'Da paixón á profesión: modelos laborais e perfís humanos das persoas traballadoras na xestión cultural'. Estudantes, profesionais e entusiastas da cultura están convidados a participar para resolver dúbidas e realizar preguntas sobre os temas expostos.
Comezarase cunha aproximación ao concepto de Dereito da Cultura para despois expor as características e retos do emprego no sector cultural. A través do estudo sobre a situación do emprego na cultura en España, abordaranse as diversas modalidades de traballo no ámbito privado, desde distintos tipos de sociedades ata o traballo autónomo. Analizaranse aspectos xurídicos e dereitos laborais, poñendo o foco na importancia das redes profesionais, sociais e a xestión empresarial.
