Ir o contido principal

II Xornada Internacional de Investigación e Divulgación

10/11/2023 - 9.30 horas

Formación do Profesorado

O profesor Delmiro Rocha Álvarez organiza e modera o programa ‘Didáctica da Filosofía: Ensinanza e pensamento crítico’, que se desenvolve este venres 10 de novembro, a partir das 9.30 horas, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC acolle este venres 10 de novembro, a II Xornada Internacional de Investigación e Divulgación, un foro aberto no marco do que se desenvolverá o programa ‘Didáctica da Filosofía: Ensinanza e pensamento crítico’, promovido polo profesor da área de Filosofía da USC na Facultade de Humanidades Delmiro Rocha Álvarez, quen tamén se ocupará de moderar as distintas sesións programadas en quenda matinal.

Rocha Álvarez, doutor europeo en Filosofía pola UNED e a Universidade de Lille 3, e especializado no pensamento de deconstrución do filósofo franco-alxerino Jacques Derrida, abrirá a palestra de relatorios cunha exposición sobre a didáctica da filosofía. De seguido, Inés Alonso, da Escola Semente Lugo, ofrecerá a charla ‘Semente Lugo: o pensamento crítico na aula’.

A profesora do IES Juan de la Cierva de Madrid Beatriz Blanco participará nesta xornada co relatorio ‘Unha tentativa de pedagoxía feminista: educar desde a vulnerabilidade’, ao que seguirá a charla ‘Sobre o significado de crítica: capitalismo e novas tecnoloxías’, a cargo de  Francisco Conde, profesor na Facultade de Filosofía da USC. A profesora e investigadora da Universidad Nacional Autónoma de México Pilar Gilardi pechará a quenda de intervencións coa conferencia ‘Unha fenomenoloxía dos afectos primarios’. Ao seu remate, o público poderá participar nun debate moderado por Delmiro Rocha.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2023.