A Rede Internacional de Estudos sobre Estados de Excepción e Terrorismo de Estado anuncia a celebración do V Encontro Internacional REDET
A Rede Internacional de Estudos sobre Estados de Excepción e Terrorismo de Estado (REDET) organiza o V Encontro Internacional REDET, que terá lugar na Facultade de Humanidades no Campus de Lugo do 2 ao 5 de setembro. A inauguración presidiraa ás 9.40 horas a delegada do Reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, e nela intervirán ademais o decano da facultade, Gonzalo Fernández Suárez, e as docentes Alba Díaz Geada e Lisandro Cañón. Precisamente este último será quen pronuncie deseguido a conferencia 'Experiencia do mundo rural durante a ditadura salazarista en Portugal'.
Este encontro, que celebra a súa quinta edición, reunirá persoal académico e investigador e profesionais de diversas disciplinas de todo o mundo para explorar e debater temas clave relacionados cos estados de excepción e o terrorismo de estado. Nesta ocasión, abordarase unha ampla gama de temas, cun enfoque especial nun seminario dedicado ao mundo rural e as ditaduras.
O V Encontro REDET ofrecerá unha plataforma única para escoitar e debater xunto a especialistas internacionais, promovendo un diálogo crítico sobre os desafíos históricos e contemporáneos nestas áreas de estudo. Ademais do programa académico, as persoas participantes terán a oportunidade de asistir a dous eventos adicionais no emblemático espazo O Vello Cárcere, enriquecendo a experiencia do encontro. A participación no Encontro é libre e de balde.