Reflexionará e debatirá sobre o concepto de cultura e as iniciativas ao redor da identidade cultural galega
A Área de Antropoloxía Social do departamento de Filosofía e Antropoloxía, xunto co Grao en Xestión Cultural, organizan un obradoiro do proxecto Galicia Latente, que terá lugar na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, o martes 22 de outubro, de 16.00 a 19.00 horas.
'Galicia Latente' é un proxecto de Eduardo de Martís para a valorización da identidade cultural galega contemporánea que, a partir dunha visión holística da mesma, promove accións participativas entre as que se enmarca o presente obradoiro, que utilizará como material de base a publicación homónima que entre os anos 2020 e 2023 documentou fotograficamente diversas realidades do acontecer actual da sociedade galega ao longo de 146 concellos.
O obradoiro, destinado ao estudantado do Grao en Xestión Cultural e aberto ao público en xeral, exporá unha reflexión conxunta a partir do concepto antropolóxico de cultura, en torno ao desenvolvemento de iniciativas ao redor da identidade cultural galega, así como un debate participativo do estudantado sobre desenvolvemento cultural contemporáneo.
A actividade comezará cunha presentación de Eduardo de Martís sobre a importancia e dimensión da identidade cultural galega, continuando cunha proxección do documental 'Galicia Latente', seguido dun traballo participativo de análise de valores culturais contemporáneos. O obradoiro está organizado por Luzia Oca González, profesora da materia de Antropoloxía Cultural do Grao en Xestión Cultural.
O proxecto Galicia Latente ten estado presente en institucións coma o Museo do Pobo Galego ou o Intituto Cervantes de Londres e en cidades europeas como París e Bruxelas. Ten promovido accións participativas ao longo do territorio galego en lugares como Sober, Mañón, Sarreaus, O Vicedo, Riós, Fisterra, Coristanco, O Valadouro, San Xoán de Río, Camariñas, A Fonsagrada, Navia de Suarna, O Courel e San Cibrao.