Ir o contido principal

Día das Letras Galegas 2020

Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso.

O Servizo de Publicacións da USC edita a obra, coordinada por Francisco Cidrás, Director do Departamento de Filoloxía Galega. O volume inclúe as colaboracións de 14 especialistas universitarios que trazan a dimensión vital e intelectual dunha figura poliédrica e fundamental da cultura galega do século XX.

Imaxe conmemorativa

Declaración Institucional no Día das Letras Galegas 2020

Antonio López Díaz
Reitor da USC

Neste 2020 celebramos un Día das Letras Galegas certamente especial. Por primeira vez na historia da efeméride, temos que vivir esta xornada desde o afastamento social. Esta circunstancia constitúe un singular paradoxo que nos obriga a celebrar na distancia e no illamento físico unha lingua, o galego, que é pola súa propia natureza un instrumento de interacción comunitaria e de cohesión social. Trátase porén dun paradoxo máis aparente que real porque, como esta situación de emerxencia nos ten demostrado en tantos ámbitos, o distanciamento físico, singularmente doloroso nestes días, contribúe a fortalecer o sentimento de comunidade como agarimosamente contribúen tamén de seu as linguas. Nesa situación, pois, de distancia física pero de proximidade social, os galegos e as galegas vivimos hoxe o día grande da nosa lingua e da nosa cultura.

 

Elias F. Torres - Decano da Facultade de Filoloxía

 

A Universidade de Santiago de Compostela celebra todos os anos cun solemne acto académico o Día das Letras Galegas. Hogano non será unha excepción, aínda que o acto terá que esperar tempos máis propicios á volta do verán. Proseguirase daquela unha xeira que comezara o 17 de maio de 1963, cando a Real Academia Galega acababa de instituír a celebración. A protagonista daquel día foi, como é ben sabido, Rosalía de Castro. Sobre ela disertou no salón artesoado de Fonseca, con brillante oratoria, Ricardo Carvalho Calero, consumado especialista na autora. Hoxe, 57 anos máis tarde, é don Ricardo a figura homenaxeada na mesma data. Non era aínda daquela Carvalho Calero profesor da nosa universidade, porque naquelas datas os estudos galegos carecían aínda de acollida nunha institución que estaba xa nas portas de chegar a ser cinco veces centenaria. Só dous anos máis tarde foi el o primeiro profesor, e despois o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas. Esta circunstancia fai que a presente celebración do Día das Letras teña para a USC un carácter especial, por motivos máis gozosos que os amentados no comezo destas verbas. Serve tamén, por outra parte, para reflexionarmos sobre a enorme lousa con que as institucións oficiais galegas, entre elas a universidade, maltrataron e ignoraron a lingua e a cultura propias do país durante tanto tempo, ata hai tan poucas décadas.

 

Francisco Cidrás - Director do Departamento de Filoloxía Galega

 

Por todo isto é claro que o Día das Letras Galegas non pode ser apenas un día de celebración de todo o que se ten avanzado en materia de normalización lingüística. Infelizmente ten que ser tamén, asemade, unha xornada de concienciación e reivindicación do moito traballo que aínda queda por diante para conseguirmos aquilo ao que estaturariamente estamos obrigados: garantirmos o uso normal e pleno da nosa lingua en todos os ámbitos da vida universitaria. Nesta tarefa temos que seguir comprometidos toda a comunidade que formamos a USC, unidos e unidas hoxe na distancia das nosas casas, mañá na proximidade das nosas aulas, gabinetes e laboratorios. Porque o Día das Letras Galegas é hoxe; pero o día da lingua galega ten que selo todos os días do ano.

E para darlle continuación a esa celebración, a na USC editamos a monografía Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso, volume coordinado polo director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, que, da man de 14 especialistas, traza a dimensión vital e intelectual dunha figura poliédrica, fundamental na cultura galega do século XX, como o foi Carvalho Calero.

A obra estrutúrase en tres seccións: Aspectos dunha vidaLiteratura e estudos literarios e Lingua: teoría e praxe, nas que se distribúen as diversas achegas compiladas, a monografía Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso afondan no legado vital deste persoeiro e na súa inxente obra, un legado que traspasou todos os ámbitos da cultura, da literatura, da lingua e de todos os campos (activista político, poeta, narrrador, dramaturgo, gramático, docente vocacional, historiador da lingua e da literatura… ) que puido considerar forxadores dunha identidade nacional.

Celebremos hoxe, cada día, o galego.

Saúde e lingua.