Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Lingüística Xeral
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Obxectivos xerais
Sociolingüística e Planificación das linguas é unha materia destinada a dar conta da dimensión social das linguas e a observar a comunicación como unha conducta socialmente complexa que se ofrece para a reflexión do estudantado. Incidirase nas cuestións de enfoque e de método propias deste campo, que ten un perfil netamente diferenciado dentro das disciplinas lingüísticas, coa intención de proporcionarmos unha visión complementaria á doutras materias que se poden cursar nos diferentes graos.
Afondaremos tanto no coñecemento especializado, que capacita para o futuro profesional, como no xuízo crítico, que sitúa as cuestións lingüísticas en tanto que condutas e ethos que cada individuo afronta nunha sociedade e nun tempo determinados e que dan cobertura material e realista a moitos conceptos abstractos presentes nos programas de estudo doutras materias impartidas na facultade.
Obxectivos específicos
- Informarmos sobre os conceptos, métodos e perfil da Sociolingüística e da Planificación lingüística, como perspectivas respectivamente teórica e aplicada.
- Ilustrarmos a vitalidade destes saberes dentro dos estudos lingüísticos e, en xeral, no conxunto do coñecemento.
- Desenvolver entre o estudantado a capacidade de interpretar os datos das investigacións en materia sociolóxica, na análise política e cultural.
- Analizarmos, co nivel de profundidade propio dos estudos superiores, as dinámicas de interacción lingüística que se observan en diversas comunidades e conseguirmos a exposición de argumentos e refutacións rigorosos, contribuíndo así á formación de individuos con opinión autorizada.
Dadas as especiais condicións derivadas da pandemia, os contidos desta materia axústanse a posíbeis continxencias dividíndose en:
1) Contidos expositivos ou de natureza teórica
Se nos encontrásemos nun escenario que esixise distanciamento (escenario 2) ou peche das instalacións (escenario 3) serán administrados en docencia virtual a través de textos, presentacións en powerpoint, vídeos e tutoriais que o estudantado deberá seguir en formato blog (cuxo enderezo será detallado na correspondente guía docente). Se nos encontrásemos nun escenario de normalidade adaptada (escenario 1), aproximadamente o 10% destes contidos seguirían o formato virtual, e o 90% restante sería explicado nas aulas. Trátase destes temas:
1.1. Caracterización xeral do saber coñecido como Sociolingüística: conceptos básicos, métodos e correntes: Criterios para delimitar a variación – Causas do despegue da Sociolingüística – Vocación interdisciplinar do campo e innovacións nos procedementos – A fala como interacción social: clase, estatus e poder – Prestixio, solidariedade e conflito – Variábeis e métodos cuantitativos – Principio de cooperación e etnografía da fala.
1.2. Planificación lingüística: a intervención real sobre as linguas: Bases fundacionais – Planificación de estatus: o debate ideolóxico. Planes para a intervención – Planificación de corpus: escolma dos datos, criterios de codificación – Autoridade e corrección: purismo – Teoría e aplicación: as innovacións metodolóxicas dun enfoque sociolingüístico aplicado.
2) Contidos interactivos: Trátase da cerna da materia, de contidos que pola súa propia natureza ou pola actualidade que teñen na sociedade, fomentan o debate e a participación do estudantado e, por tanto, a capacidade de asimilar os aspectos teóricos. No caso de encontrármonos perante un escenario de normalidade adaptada serían os mais presentes na aula; no suposto dos outros dous escenarios que restrinxisen as interaccións e mesmo chegasen a esixir unha adaptación curricular ao contexto social da pandemia, serían considerados os contidos indispensábeis ou básicos e serían administrados usando a ferramenta Teams, que permite o debate real, e explotando (como nos cursos anteriores) todas as posibilidades de un blog asociado á materia, que permitiría intercambiar ideas, matizalas e a profundar nos diferentes materiais dun modo asíncrono
2.1. Lingua e comunidade: Identidade de xénero – Identidade nacional – Identidade étnica - Lingua e individuo: sociolingüística de redes - Lingua e ideoloxía: a Hixiene verbal.
2.2. Variación e contacto entre variantes: Prexuízos e estereotipos – Linguas en contacto: diglosia, substitución lingüística – Multinlingüismo e identidade: morte das linguas – Ecolingüistica: diversidade e dereitos dos pobos ás súas linguas e culturas.
2.3. As Linguas no Antropoceno: linguas minorizadas e lexislación en materia lingüística: a DUDL – Comunicación internacional: Linguas colonizadoras, linguas francas e linguas artificiais. Migracións, multiculturalidade e estratexias de comunicación nun mundo en cambio.
Incluímos a seguir unhas recomendacións bibliográficas xerais, que presentan aspectos fundamentais da materia e ilustran a súa orientación. No entanto, a bibliografía básica, que aparecerá na guía docente, consistirá nunha selección de textos que serán ofrecidos integramente ao alumnado por vía dixital.
Butler, Judith (1997): Excitable Speech. A Politics of the Performative, New York, Routledge, 1997. Trad. esp. J. Sáez-Beatriz Preciado, Lenguaje, poder e identidad, Madrid, Síntesis, 2004.
Cameron, Deborah (1995): Verbal Hygiene, London, Routledge.
Copland, Fiona & Angela Creese (2015): Linguistic Ethnography: Collecting, Analysing and Presenting Data, London, Sage Pub.
Crystal, D. (2000): Language Death, Cambridge Univ. Press. Trad. esp. de P. Tena, La muerte de las lenguas, CUP.
Djité, P. G. (2008): The Sociolinguistcs of Development in Africa, Clevedon, Multilingual matters.
Heller, Monica & Bonnie McElhinny (2017): Language, Capitalism and Colonialism. Toward a Critical History, Univ. of Toronto Press.
Irvine, Judith T. & Susan Gal (2019): Signs of Difference. Language and Ideology in Social Life, Cambridge Univ. Press.
May, S. (2013): Language and Minority Rights: Ethnicity, Nationalism and the Politics of Language, London, Routledge.
Skutnabb-Kangas, Tove (2000): Linguistic Genocide in Education –or World-wide Diversity and Human Rights?, Mahwah (NJ), Erlbaum
Spivak, Gayatri Chakravorty (1999): A Critique of Postcolonial Reason: Toward a History of the Vanishing Present, New York, Routledge.
Thiong’o, Ngugi wa (1993): Moving the Centre: The Struggle for Cultural Freedom, London, James Currey. Trad. esp. V. Sabaté, Desplazar el centro. La lucha por las libertades culturales, Barcelona, Rayo Verde, 2017.
- Desenvolvermos até o final o concepto de diversidade lingüística e o seu alcance, subliñando a consideración desta riqueza como parte do patrimonio cultural da humanidade.
- Reflexionarmos sobre a situación de conflito lingüístico vixente no contexto real inmediato, as súas causas e o seu papel na conformación do tecido social.
- Salientarmos o papel das linguas na interacción social dos individuos e das súas relacións e analizarmos os factores que regulan os intercambios comunicativos.
- Reflexionar sobre os fenómenos sociais da identidade e do poder e a súa manifestación lingüística.
- Chegar a adquirir un coñecemento acaído dos métodos de traballo vixentes na Sociolingüística, tanto na reflexión e na indagación académica como nas intervencións planificadas sobre as linguas.
- Elaborar argumentos e nocións con que defender as propias ideas a través do debate e da expresión escrita con que, ademais de se expresaren, as/os alumnas/os conseguirán revisar o sustento e a orixinalidade das súas ideas. Neste sentido, xunto a diferentes exercicios e prácticas, deberán realizar unha reflexión máis extensa, baixo a forma dun blog de clase. Non se pretende obter deste traballo a simple reprodución dos argumentos da bibliografía nin a presentación das fórmulas académicas de documentación. Ao contrario, preténdese que a/o estudante demostre que reflexiona por si propia/o e que desenvolve as súas capacidades de discernimento e argumentación.
Como en anos anteriores, a materia distribuirase en tres horas semanais, para alén de sesións de titorías periódicas programadas en grupos reducidos. Se tivésemos as condicións propicias para o escenario de normalidade adaptada, manteríamos unha metodoloxía participativa, onde as aulas serven para o debate sobre as lecturas e sobre os temas teóricos e privilexian o traballo persoal e de grupo e a interacción. Se tivésemos que adaptarnos a contextos de distanciamento ou feche de instalacións, esa actividade manteríase virtualmente, en sesións de videoconferencia e/ou na resolución por escrito a través do blog de diferentes exercitacións que pretenderían manter o estímulo e interese do grupo.
Isto significa que, en todos os casos, para o desenvolvemento do programa procuraremos dinamizar a participación activa do estudantado. Desde o comezo do curso, a guía docente proporcionará guións detallados de cada tema e unha relación de lecturas recomendadas (que serán facilitadas na súa integridade en formato dixital) e nas sesións serán propostas cuestións sobre as que reflexionar que constitúen un importante material de apoio ao estudo, que propician a aprendizaxe individual e serven como marco de fondo. O grupo contará desde o comezo do curso cun blog (cuxo enderezo será proporcionado na guía) actualizado pola profesora en cada sesión. Este blog suscitará o debate sobre algunhas das cuestións tratadas nas sesións expositivas ou reproducirá materiais para seguirmos traballando, quer nos seminarios que compartamos, quer de maneira individual na propia casa.
Procurarase afondar, na medida do posíbel, nun coñecemento especializado e crítico. A profesora comprométese a seguir os progresos individuais e agarda que cada estudante se involucre na dinámica do curso, nas lecturas e actividades prácticas suxeridas.
1ª OPORTUNIDADE: Como traballo básico, cada estudante realizará o seu propio blog, cuxo enderezo asociará ao da profesora para que todos os membros do grupo poidan en calquera momento consultar os materiais do resto. Ese blog será unha especie de diario das aulas; unha actividade persoal e creativa, onde o alumnado universitario pode demostrar a súa madurez e capacidade. Poderán incluírse nel materiais diversos, desde esquemas dos asuntos incluídos no material teórico ou valoracións sobre as lecturas a comentarios ou reflexións persoais relativas aos diversos temas. Tamén será o lugar onde responder a diversas probas, exercitacións ou problemas no sentido escolar do termo que se irán facilitando. Aínda que poden ser variados en número de entradas, considérase básico incluír unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións do seminario. O criterios que se asumen para a súa valoración son: (a) Demostración de que se adquiriu sobre os diferentes temas coñecemento novo e non trivial; (b) Demostración de que se manexan os conceptos teóricos do programa; (c) Coherencia das argumentacións presentadas e pluralidade de perspectivas; (d) Capacidade de sustentar esas argumentacións sobre exemplos empíricos de linguas diversas; (e) Expresión escrita acorde co nivel de estudos. En caso de termos un contexto de normalidade adaptada, a realización paulatina deste blog suporá o 75% da cualificación final, mentres que a participación activa na aula achegará o 25% restante. Ese equilibrio procurará manterse mesmo se tivésemos que optar por escenarios non presenciais para deixar constancia da importancia concedida ao debate no grupo. Caso de que para algún estudante as dificultades da non presencialidade impedisen a participación, o blog suporía o 100% da cualificación final e podería axustarse a formatos diferentes (envío dos documentos ao email da profesora ou semellantes).
2ª OPORTUNIDADE: A avaliación efectuarase exclusivamente a través do blog. Como na oportunidade anterior, considérase básico incluír nese traballo unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións de seminario, para alén de calquera outro material, problema ou exercitación. Os criterios de valoración son os mesmos da primeira oportunidade. O acceso ao blog será facilitado polo alumnado á profesora na data estabelecida pola Facultade para o exame da segunda oportunidade.
DISPENSA DE ASISTENCIA A CLASE: As persoas que teñan concedida polo Decanato a dispensa de asistencia a clase serán avaliadas exclusivamente a través do blog, que suporá o 100% da cualificación final, e poderá entregarse tanto na primeira como na segunda oportunidade.
NOTA: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico do estudantado e de revisión de cualificacións.
Para alén do tempo dedicado ás sesións, presenciais ou virtuais, cada estudante deberá dedicar unhas 3 horas semanais ao estudo. Nese tempo deberá realizar lecturas dos materiais teóricos e da bibliografía recomendada e procurar a necesaria argumentación persoal para as cuestións que se formulen. Finalmente, terá que expresar por escrito no seu blog os progresos alcanzados ou as dúbidas e incógnitas que ofrece ao grupo para o seu esclarecemento. O tempo de redacción do blog é, na experiencia dos anos pasados, bastante variable en cada individuo, mas produce sempre resultados altamente positivos na maduración persoal e tende a estimular o interese e a ser unha fonte de satisfacción para o estudantado.
A materia está pensada para adaptarse con coherencia e rigor aos intereses do estudantado nunha época de continxencias. Pretende fomentar unha dedicación regular e periódica, que tire proveito de cada sesión. Non se pensa no curso coma nun trámite burocrático que se pode eludir ou cumprimentar sen atención nin interese. Ao contrario, as sesións están pensadas como un lugar de encontro onde experimentarmos en conxunto a tarefa común da aprendizaxe. A profesora será unha guía mais non reproducirá un saber encapsulado para a imitar, senón que ofrecerá interpretacións discordantes, suxerirá camiños para a pescuda persoal e procurará provocar un enfrontamento produtivo entre o individuo e as opcións de coñecemento que se lle abren. Importa, neste sentido, un traballo equilibrado, realizado desde a primeira sesión e non unha serie de informacións disperas acumuladas na última hora.
Observacións xerais
A materia impártese en galego, lingua propia deste país e desta Universidade. Se o alumnado precisar material de apoio noutras linguas ou explicacións adicionais, contará coa axuda da profesora en horario extraordinario de titorías.
Plano de continxencia
Os apartados de "Contidos", "Metodoloxía do ensino" e "Avaliación" incluen planos detallados para desenvolvermos se a pandemia obrigar a situacións especiais de distanciamento ou feche de centros.
Teresa Moure Pereiro
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Lingüística Xeral
- Teléfono
- 881811992
- Correo electrónico
- teresa.moure [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Luns | |||
---|---|---|---|
10:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | C07 |
Martes | |||
10:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | C07 |
Mércores | |||
10:00-11:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | C11 |
18.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D04 |
18.05.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D04 |
21.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D04 |
21.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D04 |