Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 95 Horas de Titorías: 5 Clase Expositiva: 35 Clase Interactiva: 15 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Dereito Público Especial e da Empresa
Áreas: Dereito Procesual
Centro Facultade de Dereito
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Transmitirlle ao alumnado o coñecemento das institucións básicas do proceso penal, con referencia, sobre todo, ao caso español e a actual Lei de Axuizamento Criminal, así como familiarizalo, na medida do posible, co seu funcionamento práctico nas súas diversas modalidades procesuais.
Máis concretamente, o obxectivo ou fin perseguido é que se adquiran os coñecementos básicos sobre os suxeitos que interveñen no proceso penal regulado pola referida Lei, os posibles feitos xuridicamente relevantes que poden constituír o seu obxecto, e sobre a forma na que o/a xuíz/a, o/a fiscal e as partes levan a cabo o seu axuizamento coas debidas garantías constitucionais. Todo isto tendo en conta que o proceso é un método de solución de conflitos dialéctico e formalizado e, polo tanto, hai que posuír un bo coñecemento da orde e forma que seguen as actuacións procesuais, pero tamén atender ao cumprimento de todos os fins do proceso penal.
Os contidos da materia son comúns aos tres posibles escenarios de docencia, sen prexuízo de que as condicións específicas dos diversos escenarios fagan precisa algunha eventual e concreta modificación. Das devanditas modificacións, o alumnado será, no seu caso, puntualmente informado.
LECCIÓN 1ª: O PROCESO PENAL: 1.-Concepto e fins. 2.-Eficacia. 3.-Estrutura e principios do proceso penal: fases de instrución, intermedia, xuízo oral, impugnación e execución. 4.-A mediación no proceso penal.
LECCIÓN 2ª: COMPETENCIA E PROCESO PENAL: 1.-Os tribunais da orde xurisdicional penal. 2.-Clases de competencia. 3.-Competencia obxectiva: distribución. 4.-Competencia funcional: manifestacións. 5.-Competencia territorial: foros preferente, específico e subsidiarios. 6.-A conexión: concepto e supostos. 7.-Tratamento procesual da competencia no proceso penal.
LECCIÓN 3ª: PARTES NO PROCESO PENAL: ACTIVAS: 1.-Partes no proceso penal: concepto e clases. 2.-O Ministerio Fiscal: concepto e lexitimación. Principios de actuación. Intervención do/a Fiscal no proceso penal. 3.-Os acusadores popular, particular e privado. 4.-O actor civil.
LECCIÓN 4ª: PARTES NO PROCESO PENAL: PASIVAS: 1.-A persoa imputada: concepto e capacidade. A persoa xurídica como imputada. 2.-Exencións xurisdicionais. 3.-A ausencia da/o imputada/o. 4.-Xuízo abreviado e por delitos leves en ausencia da/o imputada/o. 5.-A defensa da persoa imputada. O dereito de asistencia de avogada/o: contido, nacemento e finalización, obrigatoriedade. 6.-As/Os responsables civís: concepto e clases.
LECCIÓN 5ª: O OBXECTO DO PROCESO PENAL: 1.-O obxecto do proceso penal: a pretensión punitiva do Estado e das partes acusadoras. 2.-A identificación do obxecto do proceso: o feito a efectos procesuais. 3.-Outros elementos configuradores do obxecto do proceso. 4.-Obxecto civil do proceso penal. 5.-As cuestións prexudiciais.
LECCIÓN 6ª: OS PROCEDEMENTOS PENAIS: 1.-O proceso común por delitos graves: fases. 2.-O proceso penal abreviado: caracteres xerais, ámbito, fases. 3.-O xuízo por delitos leves: caracteres distintivos. 4.-Os xuízos rápidos por delito e por delito leve. 5.-O proceso penal ante o Xurado. 6.-O procedemento por aceptación de decreto. 7.-O proceso penal de menores. 8.-O procedemento de comiso autónomo.
LECCIÓN 7ª: A FASE DE INSTRUCIÓN: INICIACIÓN: 1.-Iniciación de oficio. 2.-A denuncia: natureza e requisitos. O atestado policial. 3.-A querela: concepto, contido e requisitos. 4.-A fase de instrución: función e características. 5.-Órganos encargados. 6.-Instrución xudicial e investigación preliminar da/o Fiscal e da Policía Xudicial. 7.-Procedemento. Especial referencia á duración da instrución.
LECCIÓN 8ª: CONTIDO DA INSTRUCIÓN: 1-Identificación do/a imputado/a. 2.-Roda de recoñecemento e outros métodos de identificación. 3.-Declaracións da persoa imputada na instrución: natureza, garantías e práctica. 4.-Dilixencias en relación co corpo do delito. 5.-Autopsia. 6.-Métodos relativos á alcolimetría. 7.-Inspeccións e intervencións corporais. 8.-Testemuñas na instrución. 9.-Dilixencia de acareo. 10.-Peritos na instrución. 11.-Videovixilancia.
LECCIÓN 9ª: ACTOS DE INVESTIGACIÓN RESERVADOS Á INSTRUCIÓN XUDICIAL: 1.-En xeral: a resolución do/a xuíz/a de instrución. 2.-Detención e apertura de correspondencia. 3.-Dilixencias de investigación tecnolóxica: disposicións comúns; a interceptación das comunicacións telefónicas e telemáticas; a captación e gravación de comunicacións orais mediante a utilización de dispositivos electrónicos; a utilización de dispositivos técnicos de seguimento, localización e captación da imaxe; o rexistro de dispositivos de almacenamento masivo de información e os rexistros remotos sobre equipos informáticos. 4.-Entrada e rexistro de lugar pechado. 5.-Outras medidas restritivas: axentes encubertos; circulación e entrega vixiada de drogas.
LECCIÓN 10ª: AS MEDIDAS CAUTELARES: 1.-Concepto. 2.-Caracteres e presupostos. 3.-Medidas cautelares persoais. Detención: concepto e clases, prazo, dereitos do/a detido/a. Orde europea de detención. 4.-Prisión provisional: concepto, presupostos, clases, procedemento, duración e indemnización. 5.-Liberdade provisional: concepto, presupostos, clases e procedemento. 6.-Medidas limitativas doutros dereitos. 7.-Medidas de protección á vítima: Prohibicións de residencia. Orde de protección. 8.-Medidas cautelares reais: fianza, embargo e pensión provisional.
LECCIÓN 11ª: A FASE INTERMEDIA: 1.-Concepto. 2.-O sobresemento: concepto e clases, motivos, efectos. 3.-O auto de apertura do xuízo oral. 4.-Cualificacións provisionais: concepto e contido. 5.-A conformidade da/o acusada/o: concepto, ámbito, momento procesual e efectos.
LECCIÓN 12ª: O XUÍZO ORAL: 1.-Funcións. 2.-Celebración e publicidade. 3.-Cuestións previas.
4.-Teoría xeral da proba no proceso penal: concepto; fontes e medios, obxecto e carga, principios esenciais da actividade probatoria; a proba preconstituida. 5.-Procedemento probatorio. 6.-Valoración da proba: proba prohibida e proba ilícita. 7.-Presunción de inocencia e principio in dubio pro reo.
LECCIÓN 13ª: MEDIOS DE PROBA: 1.-A declaración do/a acusado/a e do/a coimputado/a. 2.-Proba testifical: a testemuña, a vítima como testemuña, os deberes testificais, a protección de testemuñas, procedemento. 3.-Proba pericial: concepto, deberes do/a perito, recusación, procedemento. 4.-Proba documental.
LECCIÓN 14ª: FASE FINAL DO XUIZO ORAL: 1.-Conclusións definitivas. 2.-Formulación da tese do art. 733 LACrim. 3.-Informes e última palabra. 4.-Suspensión do xuízo oral: concepto e supostos. 5.-Terminación anormal do xuízo oral: supostos.
LECCIÓN 15ª: SENTENZA E COUSA XULGADA: 1.-A sentenza: concepto, xénese lóxica, estrutura externa e forma da sentenza. 2.-A cousa xulgada penal: resolucións que a producen, efectos negativos, límites obxectivos e subxectivos.
LECCIÓN 16ª: RECURSOS NO PROCESO PENAL: 1.-O sistema procesual penal de recursos: a garantía do dobre grao xurisdicional. 2.-Clases de recursos. 3.-Efectos devolutivo, suspensivo e extensivo. 4.-Recursos interlocutorios: reforma e súplica, queixa, apelación interlocutoria.
LECCIÓN 17ª: RECURSOS CONTRA RESOLUCIÓNS DEFINITIVAS: 1.-Apelación contra sentenzas ditadas polo/a xuíz/a do Penal e contra as sentenzas ditadas nos xuízos de delitos leves. 2.-Apelación contra sentenzas ditadas en primeira instancia polas Audiencias Provinciais e a Sala do Penal da Audiencia Nacional. 3.-Apelación contra os autos de sobresemento libre. 4.-Casación: concepto e natureza, resolucións, motivos, tramitación.
LECCIÓN 18ª: PROCESOS DE RESCISIÓN DE SENTENZAS FIRMES: 1.-O proceso de revisión: concepto e fundamento, motivos de revisión. 2.-O proceso de anulación: natureza, tramitación.
LECCIÓN 19ª: A EXECUCIÓN PENAL: 1.-Concepto, natureza e contido. 2.-Principios da execución penal. 3.-Órganos e partes. 4.-A suspensión da execución e a substitución da pena. 5.-Conclusión da execución: en especial o indulto. 6.-Execución de penas privativas de liberdade: Xulgados de Vixilancia Penitenciaria. 7.-Execución doutras penas. 8.-Execución da responsabilidade patrimonial.
A bibliografía está comprendida por un manual actualizado da materia, un exemplar igualmente actualizado da Constitución española de 1978, da Lei Orgánica do Poder Xudicial e da Lei de Axuizamento Criminal, coas súas normas complementarias. Para todos os textos legais de necesario manexo, recoméndase a adquisición daquelas edicións máis recentes que veñan acompañadas dun amplo catálogo de disposicións complementarias.
Para acceder aos textos legais máis relevantes, debidamente actualizados, pode empregar: https://www.boe.es/buscar/ayudas/legislacion_actualizada.php.
Entra dentro do ámbito de responsabilidade do alumnado proveerse dende o comezo do curso de, alomenos, un dos manuais da materia. Nótese que, a meirande parte dos recomendados, están dispoñibles na biblioteca da Universidade.
Entre os manuais que se recomendan, saliéntanse:
*MORENO CATENA, CORTÉS DOMÍNGUEZ, “Derecho Procesal Penal”, Tirant lo Blanch”, Valencia (última edición).
*MONTERO AROCA, GÓMEZ COLOMER, e outros, “Derecho Jurisdiccional III, Proceso Penal”, “Tirant lo Blanch”, Valencia (última edición).
*GIMENO SENDRA, “Derecho Procesal Penal”, “Ediciones jurídicas Castillo de Luna” (última edición).
Ao longo do curso académico tratarase de abarcar o método do que se vale o Estado para solucionar os conflitos entre individuo e sociedade: o proceso penal. Este é o instrumento único da xurisdición para a resolución dos conflitos, por isto se atopa indisolublemente unido á existencia do Estado. Sen unha mínima organización estatal non pode existir nin a xurisdición nin o proceso penal, rexurdindo entón, solucións xa periclitadas.
Preténdese que o alumno ou a alumna relacione distintos contidos da materia, o que con toda seguridade lle facilitará a súa actividade perante os tribunais de Xustiza. Ademais, co manexo dos textos legais, da xurisprudencia e da doutrina, preténdese que sexan quen de se facer coa terminoloxía procesual, o que contribuirá a unha mellor claridade expositiva e a unha tamén mellor corrección lingüística. Coa súa participación nas clases interactivas, obterán unha visión global do proceso penal, dos problemas forenses e das institucións estudadas, comprobando a súa aplicación en situacións reais e as distintas formas de interpretación das normas xurídicas.
A planificación docente da materia persegue un axeitado equilibrio entre o coñecemento dos seus fundamentos teóricos e a iniciación na súa aplicación práctica, de modo que o alumno ou a alumna poida adquirir unha perspectiva completa da materia.
Clases EXPOSITIVAS: o seu obxecto non é o de referir integramente o contido do programa, o que soamente sería posible de forma moi esquemática e, conseguintemente de utilidade dubidosa. Por iso, con independencia de que se expliquen ou non todos os seus epígrafes, esíxese o coñecemento de todas as leccións para aprobar a materia. Porén, nelas procurarase salientar os temas ou cuestións máis relevantes, obxecto de reforma, ou de actualidade e/ou polémica, que son precisamente aqueles que máis frecuentemente se preguntan nos exames. A adecuada preparación da materia aconsella a asistencia ás clases, de modo que as explicacións do/a docente poidan servir de guía para o estudo do programa por un manual, e para a axeitada comprensión da materia. A asistencia con regularidade ás actividades lectivas programadas, salvo casos excepcionais debidamente autorizados, é un dereito, pero tamén un deber do alumnado (art. 33 dos Estatutos de USC). Terase en conta a asistencia a clase e a activa participación á hora da cualificación final.
Clases INTERACTIVAS: teñen como finalidade formular os problemas forenses que suscitan as institucións estudadas nas clases expositivas, ademais de contribuír a completar o programa, para que o alumnado obteña unha visión global de todo o proceso penal.
Nas sesións interactivas, a presencialidade é obrigatoria, sempre que o escenario docente e as condicións sanitarias o permitan. Neste sentido, estarase ao disposto nas directrices emanadas polos órganos de goberno da Universidade.
TITORÍAS: as consultas ou titorías teñen como finalidade orientar ao alumnado na aprendizaxe da materia e resolver as dúbidas que se lles susciten en relación co seu estudo. Atenderanse por parte da/o docente encargado da materia no horario que se indique.
As titorías, como regra xeral, terán carácter presencial. No entanto, de ser preciso, poderán programarse titorías por vía telemática.
En relación á metodoloxía de ensino ante os posibles escenarios 2 e 3, véxase o apartado observacións.
O alumnado poderá optar entre o exame escrito e o exame oral. Para superar o exame e ter a condición de aprobado/a, esíxese un coñecemento xeral de todo o contido do programa, que abarque cada unha das súas partes. O exame escrito consistirá en dar resposta a unha serie de preguntas de extensión variable.
A realización do exame en forma oral está suxeita á dispoñibilidade horaria da/o docente e esixe que o alumno ou alumna o solicite durante o prazo do calendario de exames. Ademais de oral, será un exame público que se axustará aos criterios xerais de avaliación xa descritos. Esta modalidade inclúe, como criterios propios de avaliación, a expresión oral, a argumentación e a construción lóxica e ordenada do discurso.
En canto á valoración das diversas atividades docentes:
-Exame final oral ou escrito: 7 puntos.
-Asistencia ás clases e actividades prácticas: 3 puntos (a sumar tan só no caso de ter superado o exame final).
O/A docente encargado/a da materia publicará as listas coas cualificacións, con indicación da data e horario na que o alumnado poderá exercitar o seu dereito de revisión, para percibir o seu nivel de coñecementos e de carencias. Fóra destes prazos regulamentarios é tamén posible, previa petición, revisar o exame de cara a unha futura convocatoria.
A concesión á alumna ou ao alumno da exención de docencia suporá a substitución das actividades académicas que esixen a presenza física na aula (particularmente, as desenvoltas no decurso das sesións interactivas) por outras tarefas análogas que a/o docente estime oportunas (comentario de sentenzas, resolución de casos prácticos, lectura de traballos doutrinais, etc.).
A información sobre tales actividades, así como a súa entrega, estabelecerase polas canles telemáticas que a/o docente e a/o alumna/o estabelezan previamente, de maneira que en ningún caso sexa obrigatoria a súa entrega presencial.
A estas tarefas outorgaráselles unha cualificación máxima de tres puntos, sendo o valor do exame oral ou escrito (ao igual que acontece co alumnado non exento) de sete puntos.
A efectos da normativa de permanencia, só se considera actividade avaliable o exame final.
Con respecto ao sistema de avaliación ante os posibles escenarios 2 e 3, véxase o apartado observacións.
Considérase que o tempo de estudo que debe dedicar a/o estudante para superala, como mínimo esixible, é de dúas horas por cada unha de docencia.
A adecuada preparación da materia aconsella a asistencia ás clases, de modo que as explicacións do/a docente poidan servir de guía para o estudo do programa e comprensión axeitada da materia. Así mesmo, é recomendable para o estudo da materia, cumprir debidamente coas encomendas formuladas, xa que teñen como finalidade, entre outras, a de contribuír a completar o programa para que o alumnado obteña unha visión global de toda a materia.
Por último a este mesmo respecto, o alumnado debe seguir as indicacións docentes salientadas a través do Campus virtual, de conformidade cos tempos marcados polo profesorado. Máis en concreto: forma parte do ámbito de responsabilidade do alumnado facer un seguimento das diversas comunicacións que a docente poida efectuar polas diversas vías que ofrece a institución (campus virtual, Teams, correo electrónico).
Para finalizar, téñase presente que todas estas mesmas consideracións resultan igualmente vixentes en relación con todas aquelas actividades que, no seu caso, se desenvolvan baixo as modalidades docentes dos escenarios 2 e 3.
Plan de continxencia de acordo co disposto no texto Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura curso 2020-2021).
Escenario 2
Metodoloxía do ensino
A finalidade das sesións expositivas, das sesións interactivas e das titorías no escenario 2 será idéntica que a referida supra para el escenario 1. A docencia (expositiva e interactiva) impartirase presencialmente, así como vía Teams e vía Campus Virtual (para os supostos de non presencialidade), de acordo cos mecanismos arbitrados polo centro. O específico uso dunha ou outra e o carácter síncrono ou asíncrono das diferentes actividades dependerá do tipo de actuación concreta que en cada momento se vaia desenvolver, así como das circunstancias concorrentes.
Será preciso para o seguimento das clases acceder aos materiais que se facilitarán a través do Campus Virtual, así como empregar os recursos dispoñibles a través das Bibliotecas da Universidade.
En relación ás titorías, priorizarase a súa programación por vía telemática.
Sistema de avaliación
Sempre que as circunstancias o permitan, a avaliación terá lugar segundo o previsto anteriormente no apartado “Sistema de avaliación”. De non ser posible o anterior, as actividades e a proba final terán lugar telematicamente.
En todo caso, en canto á específica valoración das actividades e da proba, ao relativo á exención da docencia e á normativa de permanencia haberá que estar ao indicado supra.
Con respecto ao plaxio e ao uso indebido das tecnoloxías na realización de tarefas e probas e de conformidade coas “Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura”, lémbrase ao alumnado que “Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
Escenario 3
Metodoloxía do ensino
A finalidade das sesións expositivas, das sesións interactivas e das titorías no escenario 3 será idéntica que a referida supra para o escenario 1. Con todo, cabe facer mención ás seguintes consideracións en canto á metodoloxía.
No escenario 3, a docencia desenvolverase completamente de maneira virtual. Así as cousas, a actividade docente non presencial levarase a cabo a través das ferramentas que ofrece o campus virtual e a plataforma Microsoft Teams. O uso concreto dunha ou outra e o carácter síncrono ou asíncrono da actividade dependerá do tipo de actuación concreta que en cada momento se vaia a desenvolver, así como das circunstancias concorrentes.
En todo caso, o volume de información e o tempo dedicado ás actividades non presenciais será proporcionado á carga docente da materia.
En relación ás titorías, a súa programación desenvolverase exclusivamente por vía telemática.
Sistema de avaliación
No escenario 3, as actividades e a proba final terán lugar, en todo caso, de maneira telemática. As súas concretas características determinaranse en atención ás circunstancias concorrentes por entón e informarase debidamente ao alumnado.
En todo caso, en canto á específica valoración das actividades e da proba, ao relativo á exención da docencia e á normativa de permanencia haberá que estar ao indicado supra.
Con respecto ao plaxio e ao uso indebido das tecnoloxías na realización de tarefas e probas e de conformidade coas “Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura”, lémbrase ao alumnado que “Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
Maria Lourdes Noya Ferreiro
- Departamento
- Dereito Público Especial e da Empresa
- Área
- Dereito Procesual
- Teléfono
- 881814642
- Correo electrónico
- lourdes.noya [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Cristina Alonso Salgado
Coordinador/a- Departamento
- Dereito Público Especial e da Empresa
- Área
- Dereito Procesual
- Correo electrónico
- cristina.alonso [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Luns | |||
---|---|---|---|
18:00-20:00 | Grupo clases expositivas | Galego | Aula 10 |
Martes | |||
18:00-20:00 | Grupo clases expositivas | Galego | Aula 10 |
25.05.2021 16:00-18:00 | Grupo clases expositivas | Aula 7 |
07.07.2021 16:00-18:00 | Grupo clases expositivas | Aula 7 |