Créditos ECTS Créditos ECTS: 4.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 74.25 Horas de Titorías: 2.25 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 18 Total: 112.5
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Didácticas Aplicadas, Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Didáctica da Lingua e a Literatura, Lingüística Xeral
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
1. XERAIS
Educación e Linguas en Galicia, materia optativa do grao en Mestre/a de Educación Infantil, pretende formar o seu alumnado nos factores sociolingüísticos, psicopedagóxicos e lexislativos que condicionan a práctica educativa nun contexto con dúas linguas oficiais.
En concreto:
a. Valorar a diversidade lingüística como patrimonio colectivo da humanidade e os esforzos individuais e institucionais para conservala.
b. Tomar conciencia dos factores sociolingüísticos e psicopedagóxicos que se deben ter en conta nun sistema escolar con varias linguas e coñecer os principais modelos de ensino bilingüe ou plurilingüe.
c. Coñecer os principais indicadores da situación sociolingüística de Galicia e o seu reflexo no ámbito escolar.
d. Coñecer e valorar o modelo lingüístico escolar de Galicia e os aspectos fundamentais da lexislación que o regula.
e. Comprender a transcendencia da planificación lingüística no sistema educativo galego e ser quen de participar con criterio na elaboración do Proxecto Lingüístico de Centro.
2. COÑECEMENTOS (saber)
a. O papel da comunicación, da interculturalidade e da diversidade lingüísticas na aprendizaxe das linguas.
b. A natureza das situacións multilingües e a súa relación co ensino e aprendizaxe das linguas.
c. Os determinantes da situación sociolingüística galega, especialmente no ensino.
d. As bases da planificación lingüística escolar galega e o modelo vixente.
e. Contidos básicos sobre o ensino das linguas desde a perspectiva plurilingüe.
f. Acadar e demostrar, por parte do alumnado, competencia en lingua galega, por formar parte esta materia do proxecto CompetenteS, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade.
3. PROCEDEMENTOS (saber facer)
a. Aplicar coñecementos sobre as linguas, as súas funcións e as situacións multilingües ao ensino e aprendizaxe das mesmas.
b. Analizar casos e modelos educativos multilingües e saber aplicalos a situacións concretas.
c. Resolver problemas relacionados co ensino e aprendizaxe das linguas.
d. Analizar exemplos relacionados coa situación sociolingüística galega, especialmente na idade infantil.
e. Operar con criterios e instrumentos propios da planificación lingüística escolar.
f. Aplicar principios do ensino das linguas desde a perspectiva plurilingüe a partir do MCER.
g. Potenciar as capacidades comunicativas do alumnado.
4. ACTITUDES (saber ser)
a. Amosar actitudes positivas e respectuosas cara á diversidade lingüística como unha riqueza expresiva e cultural.
b. Valorar a importancia destas actitudes para o ensino e aprendizaxe das linguas.
Tema 1. Comunicación, interculturalidade e diversidade lingüística. As situacións multilingües e o seu valor social e educativo.
-----1a. Unidade e variedade lingüística no mundo actual: comunicación, cultura e diversidade. As linguas na UE. Directrices europeas para a organización educativa do multilingüismo.
-----1b. Dimensión social, cognitiva e educativa do plurilingüismo.
-----1c. O desenvolvemento da conciencia metalingüística cara á variación lingüística na etapa infantil.
Tema 2. A planificación lingüística escolar en contextos multilingües.
-----2a. A política e a planificación lingüística. Presentación de conceptos básicos. Fixación de teorías e tipos a partir da observación de distintas realidades multilingües.
-----2b. Fases e actividades da planificación lingüística. Planificación formal da lingua fronte á planificación funcional. Normativización fronte a normalización. O papel da escola nas distintas fases e actividades.
-----2c. Factores influíntes na planificación lingüística. Condicións de éxito das intervencións planificadoras. Alcances e límites do sistema educativo como instrumento para o fomento do multilingüismo.
Tema 3. Aplicacións ao caso galego. A situación sociolingüística de Galicia e a súa relación co sistema educativo.
-----3a. A lingua vehicular no sistema educativo galego: unha ollada diacrónica.
----- A lingua vehicular na primeira escolarización: evolución das disposicións legais a partir das decisións de inicio tomadas na LNL’83 (lingua materna e non segregación). A situación legal actual.
----- A lingua vehicular no ensino primario e secundario: da non fixación cualitativa nin cuantitativa ao establecemento de directrices de ambos os tipos.
-----3b. Os centros plurilingües e as seccións bilingües: a metodoloxía AICLE/CLIL
Tema 4. Outros usos lingüísticos escolares
-----4.a. Administración, normalización/dinamización, etc.
-----4.b. O Proxecto Lingüístico de Centro. Análise de proxectos reais.
BÁSICA
CONSELLO DE EUROPA (1992): Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. En http://www.galego.org/lexislacion/europea/carta.html [citado: 16/05/2021].
CONSELLO DE EUROPA (2000): Portfolio europeo das linguas En http://www.edu.xunta.gal/portal/portfolio [citado: 16/05/2021].
CONSELLO DE EUROPA (2001): Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación. En http://www.edu.xunta.gal/portal/node/3071 [citado: 16/05/2021].
DÍAZ GARCÍA, M. T., I. MAS ÁLVAREZ & L. ZAS VARELA (2009): Diversidade lingüística e cultural no ensino de linguas. A Coruña: TresCtres.
FERNÁNDEZ PAZ, A., A. LORENZO SUÁREZ & F. RAMALLO (2007): A planificación lingüística nos centros educativos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
COMPLEMENTARIA
ANDRADE, A. I. & F. MARTINS (coord.) (2007): Abordar as línguas, integrar a diversidade nos primeiros anos de escolaridade. Aveiro: Universidade de Aveiro.
AMENGUAL, M., M. JUAN & J. SALAZAR (eds.) (2006): Adquisición y aprendizaje de lenguas en contextos plurilingües, ensayos y propuestas aplicadas. Palma, Illes Balears: Universitat de les Illes Balears.
BAKER, C. (1997): Fundamentos de Educación Bilingüe y Bilingüismo. Madrid: Cátedra.
BAKER, C. & S. PRYS JONES (eds.) (1998): Encyclopedia of bilingualism and bilingual education. Clevedon: Multilingual Matters.
CANDELIER, M. (cood.) (2012): CARAP. Cadre de Référence pour les Approches Plurielles des Langues et des Cultures. Paris: Conseil de l'Europe/Centre Européen pour les Langues Vivants.
FERNÁNDEZ PAZ, A., A. LORENZO SUÁREZ & F. RAMALLO (2007): Guía práctica para a planificación lingüística nos centros educativos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
PALACIOS MARTÍNEZ, I. (dir.) (2019): Diccionario electrónico de enseñanza y aprendizaje de lenguas. En https://www.dicenlen.eu/es [citado: 16/05/2021].
UNESCO (1996): Declaración Universal de los Derechos Lingüísticos. Barcelona: Comité de Seguimiento. En https://culturalrights.net/descargas/drets_culturals388.pdf [citado: 16/05/2021].
WARDHAUGH, R. (1992): Introducción á sociolingüística. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
WURM, S. A. (ed.) (2001): Atlas de las lenguas del mundo en peligro de desaparición. París: Unesco.
XUNTA DE GALICIA (2004): Plan xeral de normalización da lingua galega. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
COMPETENCIAS XERAIS
G.6. Coñecer a evolución da linguaxe na primeira infancia, saber identificar posibles disfuncións e velar pola súa correcta evolución. Abordar con eficacia situacións de aprendizaxe das linguas en contextos multiculturais e multilingües. Expresarse oralmente e por escrito e dominar o uso de diferentes técnicas de expresión.
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS
E.13. Analizar e incorporar de forma crítica as cuestións máis relevantes da sociedade actual que afectan a educación familiar e escolar: impacto social e educativo das linguaxes audiovisuais e das pantallas; cambios nas relacións de xénero e interxeracionais; multiculturalidade e interculturalidade; discriminación e inclusión social e desenvolvemento sostible.
E.48. Afrontar situacións de aprendizaxe de linguas en contextos multilingües.
COMPETENCIAS BÁSICAS
B.1. Que os estudantes demostren posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da Educación Secundaria xeral e que se adoita atopar a un nivel que, aínda que se apoie en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos da vangarda do seu campo de estudo.
B.2. Que os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dun xeito profesional e posúan as competencias que se demostran por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
B.3. Que os estudantes teñan a capacidade de reuniren e interpretaren datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
B.4. Que os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado coma non especializado.
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS
T.2. Coñecemento instrumental da lingua galega.
T.3. Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
T.4. Competencia informacional.
Esta materia adopta un enfoque de aprendizaxe reflexivo, que esixe do alumnado unha participación activa en todas as actividades do programa do curso e unha continua relación entre os contidos que se tratan nas sesións e os coñecementos previos do estudante e as súas experiencias de ensino ou aprendizaxe de linguas.
Esta materia e o seu corpo docente participan no proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, co perfil de galego. Por iso o profesorado desenvolverá en lingua galega a docencia da materia (expositiva, interactiva e titorial) e todas as actividades ligadas a ela, á marxe de que parte dos textos escritos que o alumnado deberá ler puidesen ofrecerse noutra lingua. O alumnado, pola súa parte, tamén interactuará co profesorado normalmente na lingua de perfil da materia, tanto a nivel oral como escrito, tanto nas clases como nas titorías, tanto en actividades presenciais como telemáticas ou non presenciais, tanto se son síncronas como asíncronas.
1. SESIÓNS EXPOSITIVAS
Nas clases expositivas trataranse os contidos que supoñan una maior dificultade de comprensión. Partirase dos conceptos máis básicos e universais, fundamento do contido da materia. Atenderanse, ademais, as dificultades iniciais de aprendizaxe. Esta apoiarase inicialmente na exposición do profesorado e será implementada polas correspondentes actividades prácticas relacionadas cos contidos desa exposición de xeito que se facilite o desenvolvemento das competencias previstas.
2. SESIÓNS INTERACTIVAS
As clases interactivas consistirán no emprego de recursos de aprendizaxe como o debate, o estudo de casos, etc., de modo que supoñan unha considerable participación activa do alumnado e do grupo. Nestas sesións o alumnado deberá deseñar actividades de conciencia metalingüística propias desta etapa educativa cunha finalidade aplicada.
Así, búscase favorecer o desenvolvemento de competencias do tipo análise / síntese, pensamento crítico, comunicativas, etc., ademais das propias do módulo e da materia.
3. TITORÍAS DOCENTES PROGRAMADAS
O alumnado será atendido en titorías individuais ou de grupo reducido co obxecto de orientar a súa aprendizaxe e o traballo persoal complementario para o desenvolvemento das competencias atribuídas á materia.
4. ACTIVIDADES NON PRESENCIAIS
No traballo persoal do alumnado prestarase especial atención á lectura, ao comentario e á preparación da exposición dos traballos, para potenciar as súas capacidades comunicativas (especialmente falar en público), a aprendizaxe autónoma, o traballo cooperativo, etc.
Utilizarase a plataforma do Campus Virtual da USC como ferramenta para a interacción entre o profesorado e o alumnado da materia.
5. ACTIVIDADES DE AVALIACIÓN
Na avaliación atenderase fundamentalmente ao grao de consecución das competencias traballadas nas sesións expositivas, nas interactivas e nas titoriais.
En virtude da participación desta materia no proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade (co perfil de galego), e coa intención de que o profesorado poida polo tanto avaliar o dominio por parte do alumnado da competencia T2 da USC (“coñecemento instrumental da lingua galega”, tanto a nivel oral como escrito), as e os estudantes normalmente presentarán en galego tanto as súas exposicións orais como os traballos escritos da materia. Paralelamente seranlles valoradas no apartado “participación e implicación” as súas intervencións en galego.
1. PRIMEIRA OPORTUNIDADE
A avaliación das aprendizaxes estará guiada polos obxectivos e polas competencias recollidas neste programa e deberá permitir medir o seu grao de consecución. Por esta razón, o sistema de avaliación estará baseado nos seguintes catro elementos (A, B, C, D):
A. PARTICIPACIÓN NA AULA
-----Peso máximo na cualificación: 5%
-----Obxecto de avaliación: control de asistencia e observación da actitude do alumnado na aula e da súa participación nas actividades plantexadas, prestando especial atención ao grao de pertinencia e motivación das intervencións e á propiedade e corrección da súa expresión e argumentación.
-----Instrumentos de avaliación: ficha na que se rexistra a asistencia e a observación do profesor.
-----Orientacións para a avaliación: avaliarase positivamente a asistencia asidua, a actitude e boa disposición para aprender e a participación con interese na actividade realizada na aula. Será necesario asistir como mínimo ao 80% das sesións expositivas e interactivas, e participar activamente e con interese nas mesmas, para obter a puntuación máxima global do apartado. O alumnado con 4 ou máis faltas de asistencia non xustificadas (é dicir, o 20% do total das sesións presenciais) non será cualificado neste apartado A.
B. PROBAS FINAIS
-----Peso máximo na cualificación: 50%
-----Obxecto da avaliación: comprensión dos contidos básicos das sesións expositivas e interactivas.
-----Instrumento de avaliación: exame escrito.
-----Orientacións para a avaliación: todo o alumnado matriculado deberá superar un exame final sobre os contidos das sesións expositivas e interactivas na data fixada pola secretaría do centro.
C. INFORMES E OUTRAS PRODUCIÓNS ESCRITAS
-----Peso máximo na cualificación: 40%
-----Obxecto da avaliación: Forma: propiedade e corrección expresivas, riqueza léxica, relación contido-forma, cohesión textual, etc. Contido: pertinencia do tema para a materia, enfoque do mesmo, fontes consultadas, orixinalidade e creatividade, argumentación e coherencia, etc.
-----Instrumentos de avaliación: traballos, informes, etc., é dicir, toda a produción escrita (individual ou grupal).
-----Orientacións para a avaliación: durante o curso o alumnado deberá ir presentando paulatinamente a súa produción escrita resultado dos traballos (individuais ou grupais) solicitados polo docente.
D. PRESENTACIÓNS ORAIS
-----Peso máximo na cualificación: 5%
-----Obxecto da avaliación: Forma: dicción (articulación, entoación, etc. ), fluidez verbal, presentación ordenada dos contidos, competencia comunicativa. Contido: pertinencia do tema e das fontes consultadas para a materia, relacións con outros contidos, argumentación axeitada, claridade nas conclusións.
-----Instrumentos de avaliación: exposicións orais nas sesións interactivas.
-----Orientacións para a avaliación: non só se valorará a calidade do traballo exposto senón tamén a calidade formal da exposición.
2. SEGUNDA OPORTUNIDADE
Os estudantes que non superen a materia no mes de maio teñen unha segunda oportunidade no mes de xullo. Os instrumentos de avaliación desta segunda oportunidade serán tres:
-----a. Conservación das cualificacións obtidas ao longo do curso nos apartados A (participación na aula) e D (presentacións orais) ou, no seu defecto, realización dunha proba oral na que se avaliarán as competencias recollidas neste programa. Puntuación máxima: 1 punto.
-----b. Exame escrito sobre os contidos das sesións expositivas e interactivas. Puntuación máxima: 5 puntos.
-----c. Informes e outras producións escritas. Se o alumnado entregou os traballos durante o curso, esta cualificación conservarase para a avaliación do mes de xullo. Puntuación máxima: 4 puntos.
3. ALUMNADO CON DISPENSA DE ASISTENCIA
Este alumnado deberá realizar na data fixada o exame da materia. Esta proba complementarase cunha segunda parte na que se formularán cuestións que permitan constatar a adquisición dos coñecementos e das competencias desenvolvidas nas distintas sesións da materia. Os docentes poderán solicitar que as respostas a estas cuestións sexan orais ou escritas.
Este sistema de avaliación será aplicado tanto na primeira como na segunda oportunidade.
4. ALUMNADO REPETIDOR
Cursará a materia con normalidade. Tan só a imposibilidade de asistir motivada polo solapamento horario entre materias lle permitirá afrontar únicamente unha proba final. Nela formularanse diversas cuestións que permitan constatar a adquisición dos coñecementos e das competencias desenvolvidas nas distintas sesións da materia. Os docentes poderán solicitar que as respostas sexan orais ou escritas.
5. ALUMNADO CON DIVERSIDADE FUNCIONAL
O alumnado que precise de algún tipo de adaptación ou apoio específico por razóns de NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) deberá solicitalo ao profesorado, pero só se terán en conta a estes efectos aqueles casos que teñan sido valorados e informados polo SEPIU (Servizo de Participación e Integración Universitaria).
URL: http://www.usc.es/gl/servizos/sepiu/integracion.html
6. MOI IMPORTANTE
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
Como consta na Memoria da titulación, a esta materia optativa de 4.5 créditos está previsto que o alumnado lle dedique un total de 112.5 horas, das que 38.5 corresponden a traballo presencial na aula e 74 a traballo autónomo e preparatorio. Sobre o traballo do alumnado, á parte das orientacións que o profesorado vaia dando a coñecer, véxase o seguinte apartado sobre recomendacións.
Resulta imprescindible o estudo continuado da materia a medida que esta se desenvolve, de maneira que é conveniente a asistencia regular ás clases expositivas e interactivas, así como a preparación dos contidos das mesmas.
RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL:
En relación cos traballos persoais ou de grupo que se realicen para a materia, pídese ter en conta as seguintes indicacións que mellorarán a responsabilidade ambiental no emprego de recursos:
- Evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible, empregar grampas en lugar de encanutillados.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
PERSPECTIVA DE XÉNERO:
En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recoméndase facer uso da linguaxe non sexista tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pode obterse información ao respecto no enlace:
http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/lingua…
FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS INSTITUCIONAIS:
- É obrigatorio o emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais (Campus Virtual, Microsoft Office 365...), así como outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade (Lifesize...).
- Debe terse en conta que o ensino-aprendizaxe (clases/titorías) é un proceso privado, enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
USO DO TELÉFONO MÓBIL:
-Queda restrinxidio o uso do teléfono móbil na aula ao uso como instrumento de traballo seguindo as indicacións das docentes. O alumnado é responsable das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse do seu uso inapropiado.
PROTECCIÓN DE DATOS:
- Adóptase a normativa da USC a este respecto: https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
Montserrat Souto Gomez
- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Lingüística Xeral
- Teléfono
- 982824778
- Correo electrónico
- montserrat.souto [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Colaborador
Paula Rodriguez Abruñeiras
Coordinador/a- Departamento
- Didácticas Aplicadas
- Área
- Didáctica da Lingua e a Literatura
- Teléfono
- ext.12077
- Correo electrónico
- paula.rodriguez.abruneiras [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
Martes | |||
---|---|---|---|
16:00-17:30 | Grupo /CLE_01 | Galego | Aula 23 |
17:30-19:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | Aula 23 |
26.05.2023 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 24 |
30.06.2023 19:00-21:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 24 |