Créditos ECTS Créditos ECTS: 18
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 448 Clase Interactiva: 2 Total: 450
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Prácticum Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Didácticas Aplicadas, Pedagoxía e Didáctica, Ciencia Política e Socioloxía, Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Historia, Filosofía e Antropoloxía
Áreas: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Didáctica da Expresión Corporal, Didáctica da Expresión Plástica, Didáctica e Organización Escolar, Teoría e Historia da Educación, Socioloxía, Lingüística Xeral, Historia Contemporánea, Antropoloxía Social
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Obxectivos conceptuais (saber):
- Coñecer de xeito vivenciado a vida da aula, as tarefas do profesorado e as dinámicas de funcionamento dun centro escolar.
- Empezar a comprobar a complexidade da profesión de mestre ou mestra de Educación Primaria, identificando as tarefas que realiza e os problemas prácticos que se lle presentan no desenvolvemento da profesión, así como as estratexias que debe empregar para resolvelos.
- Identificar o estilo docente da mestra ou mestre, como se reflicte na práctica diaria e relacionalo cos distintos modelos didácticos existentes.
- Coñecer o grupo-clase e identificar as características, nos distintos ámbitos de desenvolvemento evolutivo, dos nenos e nenas de Educación Primaria, podendo establecer a adecuación do seu nivel evolutivo.
- Recoñecer as estratexias de intervención e de atención á diversidade que se desenvolven na aula.
- Identificar os elementos do contorno social que inflúen na vida dunha aula e dun centro de Educación Primaria.
- Coñecer as áreas de traballo da Educación Primaria e a relación que hai entre elas.
Obxectivos procedimentais (saber facer):
- Analizar os documentos que empregan as/os docentes para a planificación curricular (programacións de aula, unidades didácticas, proxectos, obradoiros, adaptacións curriculares, etc.) e os recursos didácticos utilizados para desenvolver as tarefas na aula (material propio, libros de texto, fichas, experimentos, etc.), así como a relación daqueles documentos co currículo oficial de Educación Primaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Analizar, respecto do centro, os documentos de organización e xestión, a participación das familias, e outros aspectos do seu funcionamento.
- Observar de xeito sistemático e analizar a organización do ambiente de aprendizaxe da aula tendo en conta a distribución do espazo e dos materiais, a organización temporal e a secuencia de actividades en relación cos recursos didácticos que se empregan, aplicando os diferentes instrumentos e pautas de observación que se traballaron nas materias dos cursos pasados.
- Observar o nivel de implicación dos nenos e nenas nas distintas actividades, así como os diferentes estilos de interacción da mestra ou mestre.
- Comezar a saber como levar unha clase, iniciándose gradualmente nas facetas do quefacer diario, responsabilizándose dalgunhas tarefas sinxelas, ben por encargo do titor/a, ben por iniciativa do alumnado.
- Realizar unha primeira proposta ou propostas de intervención educativa segundo as necesidades e pautas que estableza o titor/a do centro de prácticas e conforme o indicado na guía docente da materia.
- Empregar estratexias para a resolución de conflitos nas aulas.
- Participar (e no seu caso, colaborar na organización) daquelas actividades que se desenvolvan dentro e fóra do centro, por iniciativa deste: conmemoracións, visitas didácticas, excursións, etc.
- Ser capaz de elaborar un informe académico.
Obxectivos actitudinais (saber ser):
- Ofrecer unha actitude colaborativa coa titora ou titor actuando en beneficio da dinámica da aula, sendo respectuoso/a cos nenos e nenas, e comprometéndose en todo momento a favorecer un clima de confianza que posibilite un óptimo traballo en equipo.
- Identificar as propias crenzas e teorías implícitas incorporadas a partir das experiencias escolares vividas (e analizadas desde a biografía escolar persoal), reflexionando sobre a influencia que aquelas exercen nas accións docentes, na visión da profesión, e na interpretación da realidade observada.
- Valorar as vivencias e os sentimentos que lle suscita ao/á estudante a estadía no centro educativo e a súa evolución persoal, reflexionando verbo do seu papel como aprendiz de mestre/a e observando o seu propio proceso de socialización profesional ao longo do período de prácticas.
- Observar as cualidades, habilidades e destrezas que amosan os mestres e mestras: autocontrol, paciencia, motivación, curiosidade intelectual, etc.
- Tomar conciencia da dimensión ética da profesión docente e do compromiso e responsabilidade que se esixe co alumnado, co profesorado, coas familias e con calquera outro axente que interveña no centro escolar, e mesmo coa sociedade no seu conxunto, desde unha perspectiva sensible á diversidade e a equidade.
- Ser capaz de percibir e sentir os problemas sociais e educativos que afectan á escola, comprometéndose cun desempeño profesional que aposte por unha educación crítica, transformadora, democrática, innovadora, e que dea resposta ás necesidades formativas do noso tempo.
Os contidos de traballo da materia intentarán cubrir tres dimensións relacionadas entre si (a vida da aula, o centro no seu contexto, e o proceso de aprendizaxe profesional), que se complementarán cos contidos a desenvolver na materia Prácticum II. En virtude destes presupostos, e a partir dos obxectivos sinalados, os contidos concretos que se pretenden tratar neste Prácticum I agrúpanse nos tres bloques seguintes.
BLOQUE 1. A AULA: ACTIVIDADES, TAREFAS E GRUPO-CLASE
Tarefas e vivencias do profesorado de Educación Primaria e documentos de planificación curricular. Secuencias de actividades, interaccións, materiais, recursos e tarefas na aula de Educación Primaria. O alumno ou alumna de Educación Primaria: observación e análise. Modelos didácticos e estilos docentes do profesorado de Educación Primaria e o seu reflexo na práctica cotiá.
Coñecemento profesional e resolución de problemas prácticos do profesorado de Educación Primaria. A organización da xornada escolar e o ambiente nas aulas de Educación Primaria. Traxectoria, estrutura, funcionamento e convivencia do grupo-clase. Procesos e dinámicas de ensino-aprendizaxe en diferentes espazos en Educación Primaria. Xestión de aula e convivencia nas aulas de Educación Primaria. A organización e xestión da aula en situacións educativas excepcionais. Recoñecemento das necesidades dos nenos e nenas derivadas de situacións de confinamento e de circunstancias educativas excepcionais.
BLOQUE 2. O CENTRO E O SEU CONTEXTO: OBSERVACIÓN, PARTICIPACIÓN E ANÁLISE DE PROXECTOS E PRÁCTICAS
Proxectos de centro, etapa e ciclo: proposta normativa, procesos de elaboración, documentos institucionais e realidade cotiá do centro de prácticas. A estrutura organizativa do centro e os seus mecanismos de funcionamento. As relacións formais e informais e a súa relación co clima e as culturas do centro. A convivencia nas escolas de Educación Primaria. Conflitos no contexto do centro. Calidade e escolas de Educación Primaria. A organización e a xestión do centro en circunstancias educativas excepcionais.
BLOQUE 3. APRENDER A ENSINAR
Tarefas da/do aprendiz de docente, proceso de socialización e construción de coñecemento profesional nas escolas de Educación Primaria. A relación aprendiz- titor, aprendiz-profesorado do centro, aprendiz-alumnado e outros membros da comunidade e do contexto do centro. A influencia da biografía, do coñecemento académico e das experiencias de prácticas nas teorías persoais, nas expectativas sociais e afectivas, na interpretación da realidade observada, nas accións docentes emprendidas na aula, e nas accións relacionadas co rol institucional do profesorado no funcionamento do centro. Condicionantes, evolución e valoración da experiencia vivida nas escolas de Educación Primaria. Reflexión sobre os desafíos actuais do ensino na época actual (revolución dixital, cambio climático, novas interaccións sociais...) e da función do mestre/a na sociedade e educación dixitais.
Bibliografía básica:
Agüera, Isabel (1998). Memorias de una maestra. Desclée de Brouwer.
Arnaiz, Pere et Isús, Sofía (1997). La tutoría, organización y tareas. Graó.
Barlow, Michel (1978). Diario de un profesor novato. Sígueme.
Cela, Jaume et Palou, Juli (2005). Carta a los nuevos maestros. Paidós.
Díez, Carmen (1999). Un diario de clase no del todo pedagógico. Eds. de la Torre.
Imbermón, Francisco (coord.) (2005). Vivencias de maestras y maestros. Compartir desde la práctica educativa. Graó.
Vaello, Juan (2007). Como dar clase a los que no quieren. Santillana.
Bibliografía complementaria:
Aldecoa, Josefina (1990). Historia de una maestra. Anagrama.
Angulo, Araceli (2011). La tutoría en la educación primaria: manual de ayuda. Wolters Kluwer.
Arenas, Gloria (coord.) (1999). El crisol de la participación. Investigación sobre la participación en consejos escolares de centro. Aljibe.
Fernández Enguita, Mariano (coord.) (2002). ¿Es pública la escuela pública? CissPraxis.
Freire, Paulo (1995). A la sombra de este árbol. El Roure.
Gimeno, José (coord.) (2001). Los retos de la enseñanza pública. Akal.
Jackson, Philip W. (1975). La vida en las aulas. Morata.
Marchesi, Álvaro (2004). Qué será de nosotros, los malos alumnos. Alianza.
Martín, Xus et alii (2008). Tutoría: técnicas, recursos y actividades. Alianza.
Medio, Dolores (1993). Diario de una maestra. Castalia-Instituto de la Mujer.
Pennac, Daniel (2008). Mal de escola. Xerais.
Perona, Carmen (2010). Preguntas y respuestas del profesorado de la enseñanza pública no universitaria. Wolters Kluwer.
Porlán, Rafael et Martín, José (1998). El diario del profesor. Un recurso para la investigación en el aula. Díada.
Sanromán, Sonsoles (1998). Las primeras maestras. Los orígenes del proceso de feminización docente en España. Ariel.
Santos Guerra, Miguel Á. (1982). Yo te educo, tú me educas: crónica de una experiencia. Zero.
Scuola di Barbiana (1986). Carta a una maestra. Hogar del Libro.
Torrego, Juan (coord.) (2006). Modelo integrado de mejora de la convivencia. Estrategias de mediación y tratamiento de conflictos. Graó.
Zavalloni, Gianfranco (2011). La pedagogía del caracol. Por una escuela lenta y no violenta. Graó.
Películas de temática educativa:
Hoy empieza todo (1999). Dir.: Bertrand Tavernier. Nac.: Francia.
La lengua de las mariposas (1999). Dir.: José Luis Cuerda. Nac.: España. Los chicos del coro (2004). Dir.: Christophe Barratier. Nac.: Francia, Suíza. Ni uno menos (1999). Dir.: Zhang Yimou. Nac.: China.
Ser y tener (2002). Dir.: Nicolas Philibert. Nac.: Francia.
COMPETENCIAS XERAIS
G1. Coñecer as áreas curriculares da Educación Primaria, a relación interdisciplinar entre elas, os criterios de avaliación e o corpo de coñecementos didácticos ao redor dos procedementos de ensino e aprendizaxe respectivos.
G2. Deseñar, planificar e avaliar procesos de ensino e aprendizaxe, tanto individualmente como en colaboración con outros docentes e profesionais do centro.
G3. Tratar con eficacia situacións de aprendizaxe de linguas en contextos multiculturais e plurilingües. Fomentar a lectura e o comentario crítico de textos dos diversos dominios científicos e culturais contidos no currículo escolar.
G4. Deseñar e regular espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade e que atendan á igualdade de xénero, á equidade e ao respecto aos dereitos humanos que conformen os valores da formación cidadá.
G5. Fomentar a convivencia na aula e fóra dela, resolver problemas de disciplina e contribuír á resolución pacífica de conflitos. Estimular e valorar o esforzo, a constancia e a disciplina persoal nas e os estudantes.
G6. Coñecer a organización dos colexios de Educación Primaria e a diversidade de accións que comprende o seu funcionamento. Desempeñar as funcións de titoría e de orientación coas e os estudantes e as súas familias, atendendo as singulares necesidades educativas das e dos estudantes. Asumir que o exercicio da función docente ha de ir perfeccionándose e adaptándose aos cambios científicos, pedagóxicos e sociais ao longo da vida.
G7. Colaborar cos distintos sectores da comunidade educativa e da contorna social. Asumir a dimensión educadora da función docente e fomentar a educación democrática para unha cidadanía activa.
G8. Manter unha relación crítica e autónoma respecto dos saberes, os valores e as institucións sociais públicas e privadas.
G9. Valorar a responsabilidade individual e colectiva na consecución dun futuro sustentable.
G10. Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovelo entre as e os estudantes.
G11. Coñecer e aplicar nas aulas as tecnoloxías da información e da comunicación. Discernir selectivamente a información audiovisual que contribúa ás aprendizaxes, á formación cívica e á riqueza cultural.
G12. Comprender a función, as posibilidades e os límites da educación na sociedade actual e as competencias fundamentais que afectan os colexios de Educación Primaria e aos seus profesionais. Coñecer modelos de mellora da calidade con aplicación aos centros educativos.
COMPETENCIAS BÁSICAS
B1. Que as e os estudantes teñan demostrado posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e se adoita atopar a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
B2. Que as e os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
Os tres grandes eidos nos que se concreta este Prácticum I para o alumnado refírense á observación participante na vida da aula, á análise das características dun centro educativo en relación ao seu contexto e, finalmente, á aprendizaxe e reflexión respecto de todas as dimensións do quefacer profesional docente. Ante as circunstancias educativas actuais e os desafíos aos que se enfronta o ensino na etapa de educación primaria, adquire especial importancia a intervención activa do alumnado para dar resposta ás posibles necesidades que poidan xurdir nas aulas e nos propios centros educativos. Así pois, o papel do alumnado en prácticas irá máis aló da necesaria observación e reflexión da práctica docente, para intervir, apoiar e colaborar no desenvolvemento da actividade cotiá.
Tendo en conta a natureza especial da materia, as actividades que se desenvolvan na Facultade irán orientadas nun primeiro momento a predispoñer e asesorar ao alumnado para o período de estadía nos centros, e a posteriori orientaranse a reflexionar sobre as experiencias vividas e as tarefas realizadas (paralelamente ao desenvolvemento da propia estadía). A metodoloxía docente será, polo tanto, manifestamente interactiva e participativa.
O desenvolvemento da materia integra 5 fases, non necesariamente consecutivas, pero todas elas de ASISTENCIA OBRIGATORIA PARA O ALUMNADO, nas que se realizarán actividades diversificadas e pertinentes a cada momento. Daquela, tocante ao calendario no que se materializará a actividade de Prácticum I, procederase do xeito que se indica a continuación.
FASE DE ORGANIZACIÓN
Antes da incorporación do alumnado aos centros de prácticas, a Coordinación Xeral de Prácticum convocará ao alumnado a fin de concretar os termos e o centro no que cada estudante realizará a fase de estadía da materia. O alumno ou alumna que non asista a estas xuntanzas decaerá do seu dereito a continuar na materia.
Esas sesións celebraranse no salón de actos preferentemente, en datas que serán comunicadas con suficiente antelación ao alumnado.
Sesións de organización
- 1ª sesión organizativa (pre-prácticum):Informacións xerais sobre o desenvolvemento da materia no curso seguinte, entrega de documentación para solicitude de estadía de prácticas nun centro non ofertado pola coordinación xeral de Prácticum da Facultade (centros fóra de Lugo).
- 2ª sesión organizativa: Recollida de documentación do alumnado que realice unha estadía nun centro de prácticas non ofertado pola coordinación xeral de Prácticum; proceso de elección de centros ofertados pola coordinación xeral de Prácticum (centros en Lugo), resolución de dúbidas e casos individuais, etc.
- 3ª sesión organizativa:Explicación e entrega de documentación que o alumnado deberá levar aos centros de prácticas, presentación das normas xerais a ter en conta durante o período de estadía, resolución de dúbidas, etc.
FASE DE PREPARACIÓN
Constará dunha serie de sesións presenciais na Facultade cos supervisores/as asignados antes da incorporación do alumnado aos centros de prácticas. As sesións poderán ser individuais ou grupais para o alumnado que comparte supervisor/a, quen convocará a esas/eses estudantes para os días, horas e aulas que máis lles conveñan ás dúas partes.
Igualmente, algunhas desas sesións poden ser conxuntas para todo o alumnado para ofrecer indicacións xerais sobre a materia ou conferencias impartidas por profesionais externos á Facultade.
FASE DE ESTADÍA
Salvo casos que teñan oficialmente concedida outra distribución do tempo, a presenza do alumnado nos centros de prácticas non será inferior a 5 horas por día durante 5 días á semana, o que representa no seu conxunto algo máis de 5 semanas continuadas de práctica pre-profesional en réxime intensivo.
FASE DE SEGUIMENTO
Durante o desenvolvemento da fase de estadía, a supervisora ou supervisor non perderá contacto co seu alumnado supervisado e manterá a comunicación oportuna co titor/a do centro. Contactará, como mínimo, dúas veces co titor/a de prácticas: unha ao inicio da fase de estadía e outra cara ao final. A forma de contacto será aquela acordada por ambas partes. Na medida do posible, os/as supervisores/as realizarán unha visita aos centros colaboradores no Prácticum de Lugo.
Na fase de preparación, cada docente anunciaralle ao alumnado as indicacións sobre o desenvolvemento desta fase. En todo caso, realizarase, a mediados da fase de estadía, unha sesión de seguimento co alumnado supervisado (un luns e/ou un venres, para facilitar a asistencia do alumnado que estea fóra de Lugo). A data decidirase entre o profesorado supervisor e o alumnado correspondente.
FASE DE REFLEXIÓN
Data, horario e aula de realización da sesión (ou sesións) da fase de reflexión serán fixados de mutuo acordo (na fase de preparación) por cada supervisor/a co seu grupo particular de estudantado supervisado.
*Cada supervisor/a deberá encargarse de reservar con antelación a aula correspondente sempre que desexe realizar calquera sesión de traballo co alumnado da materia na Facultade nas distintas fases indicadas. Comunicaralle convenientemente de que aula se trata ao alumnado afectado.
DATAS LÍMITE DE ENTREGA DO INFORME:
A data límite de entrega do Informe de Prácticum correspóndese coa data oficial de exame que se pode consultar na web da materia.
PUNTUACIÓN:
Seguindo os criterios establecidos na ficha da materia Prácticum I que se recolle no plan de estudos do grao, no que respecta á puntuación da materia, os 10 puntos de cualificación máxima distribuiranse da seguinte maneira (en todo caso, na guía docente da materia especificaranse con máis detalle os criterios e os instrumentos de avaliación):
- Valoración da participación e implicación do/da estudante nas sesións presenciais na Facultade (organización, preparación, seguimento e reflexión): ata un máximo de 1,0 puntos.
- Valoración das comunicacións remitidas pola titora ou titor de prácticas respecto da avaliación do labor desenvolvido pola/polo estudante durante o período de estadía no centro correspondente: ata un máximo de 4 puntos. O supervisor ou supervisora disporá desta información a través dos contactos directos que estableza co titor ou titora do centro, e tamén a partir do informe escrito (ficha de avaliación) que este/esta lle remitirá unha vez remate o período de estadía.
- Valoración do Informe Final de Prácticum da/do estudante: ata un máximo de 5 puntos.
REQUISITOS PARA SUPERAR A MATERIA:
- Asistencia obrigatoria e participación activa en todas as actividades organizadas na Facultade durante as fases de organización, preparación, seguimento e reflexión.
- Obtención dunha valoración positiva por parte da/do supervisor da Facultade, sobre as actividades realizadas nas fases de organización, preparación, seguimento e reflexión.
- Entrega en tempo e forma do Informe Final de Prácticum ou calquera outro traballo que se solicite por parte do ou da supervisora da Facultade, e obter unha valoración positiva nos citados traballos.
- Asistencia ao centro de prácticas de xeito continuado, sen faltas, segundo o establecido no calendario de Prácticum I.
- Participar activamente en todas as actividades propostas polo titor ou titora do centro de prácticas.
- Obter unha valoración positiva por parte da titora ou titor respecto do labor desenvolvido ao longo da fase de estadía no centro de prácticas.
O INFORME FINAL DE PRÁCTICUM:
Todo o material escrito que elabore o/a estudante para esta materia quedará reflectido/recollido neste documento, do que se ofrecerá a debida concreción na guía docente da materia. Será un documento único, individual e orixinal, que integrará os seguintes elementos:
1. Portada completa con todos os datos correspondentes ao autor ou autora, e ao centro no que realizou a fase de estadía.
2. Índice, ben detallado, numerado e paxinado.
3. Resposta reflexionada aos diferentes apartados da Guía de Observación, que se lle facilitará ao alumnado na fase de preparación.
4. Detalle das accións desenvolvidas pola alumna ou alumno na aula e no centro durante a fase de estadía.
5. Reflexións persoais, que incluirá 4 subapartados: A) Neste Prácticum aprendín..., B) Que me queda por aprender?, C) Que ideas, teorías ou conceptos previos mudei? e D) Sentimentos e emocións que vivenciei.
6. Conclusións, como resultado da observación, análise e reflexión de todo o proceso.
7. Referencias, que integrará a indicación de todos os materiais empregados para a elaboración do Informe.
8. Anexos (documentos que poidan resultar de interese para clarificar algún aspecto do informe final. Un dos anexos será obrigatoriamente o que inclúa o deseño, e eventualmente o desenvolvemento e a avaliación, da proposta de intervención realizada pola/o estudante no centro colaborador, seguindo a pauta indicada na guía docente da materia).
Os apartados 3 a 7 non superarán no seu conxunto as 30 páxinas de extensión (letra tamaño 12, interliñado 1,3).
No caso de que o/a supervisor/a lle solicite ao alumno/a un Diario de clase, este será integrado no apartado de Anexos.
OUTRAS OBSERVACIÓNS RESPECTO DA AVALIACIÓN:
- A asistencia é fundamental para o éxito nesta materia. Por iso, todo o alumnado debe asistir e participar activamente nas actividades programadas. Se xorde algunha circunstancia de forza maior (enfermidade, falecemento familiar directo, citación xudicial…) que impida a asistencia a algunha sesión esta deberá ser xustificada e facelo adecuadamente.
Consideraranse faltas xustificadas aquelas que estean apoiadas por documentación apropiada, como certificados médicos de servizos oficiais, notificacións legais, ou circunstancias excepcionais debidamente verificadas (por exemplo, falecemento de familiares directos). É responsabilidade do estudante presentar dita documentación nun prazo máximo de 7 días tras a ausencia. A porcentaxe de faltas xustificadas non poderá ser superior ao 20% das horas totais desta materia. Superar esta porcentaxe, supoñerá un suspenso automático nesta materia.
- Os traballos que elabore o alumnado deberán ser orixinais e non conterán plaxio. A entrega dun traballo copiado suporá o suspenso automático na materia. Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas (plaxio nos traballos e uso indebido de tecnoloxías na realización das probas) será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
- O informe de prácticas debe seguir expresamente os criterios establecidos para a súa elaboración neste programa e/ou na guía docente da materia, tanto en contido como en forma.
- As datas de entrega deben respectarse, ou informar con antelación ao supervisor/a de calquera dificultade que impida a entrega puntual dos traballos.
- A data límite para a entrega do Informe Final de Prácticum será a que figure como data oficial do exame (tanto de primeira como de segunda oportunidade). Con todo, pode ser entregado antes desa data. O lugar/espazo de entrega será especificado por cada docente na fase de preparación, con todo, habilitarase un espazo na aula Virtual da materia para a súa entrega virtual, independentemente das pautas de entrega que indique o profesor/a supervisor/a.
- Na guía docente da materia especificaranse con detalle as opcións que ten á súa disposición o alumnado que non supere a materia na primeira oportunidade ou na primeira convocatoria.
MATRÍCULAS DE HONRA:
Poderá optar á mención “Matrícula de Honra” o alumnado que teña acadada unha puntuación de 9 puntos ou máis na avaliación final da materia e sexa proposto polo seu supervisor/a. O alumnado candidatado a MH non só debeu ter desenvolvido con excelencia o Informe Final de Prácticum, senón tamén o resto de fases da materia. A concesión definitiva de Matrículas de Honra dependerá da decisión consensuada entre o profesorado supervisor de cada Practicum. No caso de que o número de alumnas/os candidatos sexa igual ou menor ao número de Matrículas de Honra dispoñibles, a concesión desta mención recaerá sen máis trámites nas persoas propostas e comunicadas á coordinación da materia.
De existir máis candidatos/as que Matrículas de Honra dispoñibles, a concesión desta distinción recaerá naquel alumnado que obteña unha maior puntuación na presentación e defensa oral do seu Informe Final de Prácticum ante unha Comisión nomeada especificamente para tal fin. As condicións nas que se vaia desenvolver a defensa, explicítanse na Guía Docente do Practicum I.
Horas de presencialidade na Facultade (sesións de organización, preparación, seguimento e reflexión): 25 horas.
Horas de estadía no centro de prácticas adscrito: 250 horas.
Horas de traballo autónomo da/do estudante: 175 horas. Horas totais de dedicación á materia: 450 horas.
Na guía docente da materia aparecerá unha distribución pormenorizada de todas as horas en función das actividades previstas e do tempo asignado a cada unha delas.
*NOTA ACLARATORIA: infórmase ao alumnado que o tempo que se recoñece aos/as supervisores/as por cada alumno/a supervisado é de 2 horas.
- Ler a guía docente que o profesorado ofrecerá a inicios de semestre; nese documento detallaranse con máis concreción numerosos aspectos referentes ao desenvolvemento da materia, nomeadamente os relativos a actividades de aprendizaxe e instrumentos e criterios de avaliación.
- Visita e consulta da Aula Virtual da materia na que se establecerán as novas, informacións, documentación e outras cuestións pertinentes para a materia.
- Participar activamente en todas as sesións presenciais da materia na Facultade, así como asistir con boa disposición ao centro de prácticas todos os días da fase de estadía.
- Recoméndase, pero non é obrigatorio, ler como mínimo un dos libros referenciados na bibliografía.
- Realizar os rexistros diarios que se indiquen neste programa e/ou na guía docente (observacións, reflexións, traballos e/ou material da aula, ou calquera outra achega que o
alumnado en prácticas considere de interese para a súa posterior análise) e, en xeral, realización do conxunto dos traballos e actividades programadas.
- Tocante ao Informe Final de Prácticum, e alén das características de contido do documento que serán detalladas na guía docente da materia, deberanse respectar as seguintes condicións:
1. Normas de estilo e formato: pódese consultar o Servizo de Normalización Lingüística da USC e especialmente o apartado “Criterios lingüísticos”. É tamén importante ter en conta o traballado nas sesións de competencias xenéricas de primeiro curso respecto da comunicación escrita.
2. Aforro enerxético: cada traballo será presentado nun só volume, con folios tamaño DIN A4, grampados (ou encadernados en espiral se o documento contén máis de 50 follas); non incluirá follas en branco no interior nin plásticos ou outros envoltorios innecesarios no exterior; na impresión utilícese calidade “aforro de tinta” ou “borrador”; sempre que sexa posible, empréguese papel escrito polas dúas caras, e mellor, reciclado; evítese abusar das negras, das maiúsculas, das cores, e de anexos que non teñan relación cos temas desenvolvidos. 3. Entrega: con carácter xeral, os traballos deben entregarse en formato físico (non electrónico). 4. Valoración: á marxe da calidade dos contidos en si (en relación coa materia), na valoración final de cada traballo tamén se terá en conta a gramaticalidade, a cohesión, a coherencia, a adecuación e o formato. O plaxio implicará a desestimación do traballo.
- Tal e como se indica no plan de estudos da titulación, será requisito indispensable para poder matricularse na materia superar polo menos 48 créditos do segundo curso do Grao en Educación Primaria.
- Nesta materia non se contempla dispénsaa/exención de docencia. Todas as actividades realizadas na materia de Prácticum son de asistencia obrigatoria, polo que esta materia non se verá afectada pola “Instrución nº 1/2017 da Secretaría Xeral sobre a renuncia á asistencia a clase en determinadas circunstancias”. Todo o alumnado matriculado deberá realizar integramente todas as fases do Prácticum.
- O alumnado da materia que necesite algún tipo de adaptación ou apoio específico por características de NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) deberá solicitalo ao profesorado supervisor asignado, pero só se terán en conta aqueles casos que fosen valorados e comunicados polo SEPIU (Servizo de Participación e Integración Universitaria: www.usc.es/gl/servizos/sepiu), servizo da USC competente para o efecto.
- Os traballos realizados polo alumnado deben entregarse, preferentemente, a través da aula virtual.
- Responsabilidade ambiental:
Se o supervisor ou supervisora solicita a entrega en papel, debe cumprir os seguintes requisitos:
- Evitar as tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible, empregaranse grampas en lugar de encanutillados.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non utilizar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas tratados no traballo.
- Calquera traballo escrito presentado polo alumnado para esta materia no actual curso académico poderá ser recollido polo seu autor (no despacho do profesor correspondente, e no seu horario de titorías en calquera momento) durante todo o mes de setembro posterior ao seguinte curso académico (é dicir, o profesorado custodia o traballo durante dous cursos académicos completos). A partir do 1 de outubro seguinte, os documentos non recolleitos serán destruídos.
- Perspectiva de xénero:
No desenvolvemento das clases e na realización das diferentes actividades respectaranse os criterios de igualdade de xénero. Pódese obter información respecto diso en:
http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/lingua… non sexista, publicado WEB USC.pdf
- Obrigatoriedade de uso da conta de correo rai.
- Obrigatoriedade de emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
- Non se poderá empregar o teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose ao alumnado das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non acomodado do mesmo.
- Ter en conta que a ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é un proceso privado, enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
- Obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos https://www.usc.gal/es/politica-privacidade-proteccion-datos
- Este programa especificarase na Guía Docente da materia, que se poñerá ao dispor do alumnado con suficiente antelación.
Uxia Garrido Filgueira
- Departamento
- Didácticas Aplicadas
- Área
- Didáctica da Expresión Corporal
- Teléfono
- 982821047
- Correo electrónico
- uxia.garrido [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Escola Universitaria
Jose Ramon Veiga Alonso
- Departamento
- Historia
- Área
- Historia Contemporánea
- Teléfono
- 982821031
- Correo electrónico
- xoseramon.veiga [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Vicente Blanco Mosquera
- Departamento
- Didácticas Aplicadas
- Área
- Didáctica da Expresión Plástica
- Teléfono
- 982821030
- Correo electrónico
- vicente.blanco [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
Iván Enríquez Martínez
- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Lingüística Xeral
- Teléfono
- 982821026
- Correo electrónico
- ivan.enriquez.martinez [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
María Campos Magdaleno
- Departamento
- Psicoloxía Evolutiva e da Educación
- Área
- Psicoloxía Evolutiva e da Educación
- Teléfono
- 982821012
- Correo electrónico
- maria.campos [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
08.01.2025 16:00-18:00 | Grupo /CLIS_01 | Despachos do profesorado |
16.06.2025 16:00-18:00 | Grupo /CLIS_01 | Despachos do profesorado |