1. Obxectivos
Os obxectivos primarios da realización do TFM son:
- proporcionar ao alumnado métodos e técnicas básicas e especializadas na investigación literaria e cultural;
- guiar ao alumnado no proceso de elaboración e defensa dun traballo de investigación;
- ofrecer ao alumnado a oportunidade de especializarse nun determinado campo dos estudos da literatura e a cultura;
- preparar ao alumnado para levar a cabo de forma independente unha investigación a un nivel académico axeitado.
2. Contidos e desenvolvemento do TFM
2.1. Os contidos do TFM estarán determinados polo tema, área e proxecto de investigación seleccionados por estudante e director/a.
2.2. Bibliografía: será competencia do director/a do TFM subministrar ao/á estudante a información bibliográfica inicial necesaria para o comezo do desenvolvemento do traballo.
2.3. Agárdase que o TFM inclúa ou faga referencia, polo menos, aos seguintes aspectos:
- obxectivos
- hipótese de traballo
- metodoloxía
- conclusións
- bibliografía
2.4. O alumnado manterá reunións periódicas co seu director/a nas que se debaterá e decidirá o tema da investigación a desenvolver e a bibliografía inicial e, posteriormente, se analizará e revisará a evolución do traballo, a súa redacción e as súas conclusións.
3. Aspectos formais
3.1. Extensión: o TFM terá unha extensión de entre aproximadamente 12.000 e 18.000 palabras.
3.2. Maquetación: marxes de 2,5 cm. (nos catro lados da páxina), espazado de 1,5 liñas e tipografía Times New Roman de 12 puntos.
3.3. Lingua: tanto a redacción como a defensa do traballo poderán facerse en galego ou castelán.
3.4. Estrutura, documentos e declaracións (todos eles dispoñibles na aula virtual de coordinación do mestrado) que debe conter:
- portada (segundo o modelo dispoñible);
- documento de delimitación de título e resumo do traballo (o documento aprobado pola comisión académica do MELC);
- documento de declaración de que o TFM non é un traballo plaxiado;
- autorización para a difusión do TFM.
Así mesmo, é recomendábel que, tras os devanditos documentos, siga o índice do traballo.
4. Tempo de estudo e traballo persoal
O TFM proporciona 15 ECTS, equivalentes a unhas 375 horas de traballo.