Ir o contido principal

Máster Universitario en Estudos da Literatura e da Cultura

O Mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura (MELC) pertence á categoría dos mestrados de especialización académica para iniciarse en labores de investigación. Neste sentido, a súa continuidade lóxica é o doutoramento, en concreto, o Programa de Doutoramento en Estudos da Literatura e a Cultura da USC.

O MELC é un mestrado presencial que se imparte en horario vespertino, nunha franxa que vai das 16:00 ás 20:00hs., con variacións que obedecen aos horarios específicos das materias escollidas (preme no horario de cada materia no plan de estudos da web institucional). En función da súa presencialidade, o método de avaliación dominante é a avaliación continua, cun forte compromiso pola participación activa e crítica nas aulas e a aprendizaxe colectiva.

Este mestrado organízase en dous itinerarios de especialización trala realización do módulo de materias obrigatorias comúns: Itinerario de estudo e edición de textos literarios e Itinerario de estudos teóricos e comparados da literatura e a cultura. Ademais, ofrece a posibilidade de realizar prácticas externas, que melloran a formación en determinados aspectos prácticos e profesionais. Finalmente, remata co Traballo de Fin de Mestrado (TFM), un traballo de investigación con libre escolla de tema e titorización por parte dun/dunha especialista na materia. Un complemento chave de toda a formación fornecida polo mestrado é a serie de actividades extraacadémicas, que cada ano académico se abre con senllas conferencias de inauguración e clausura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2024.