Mobilidade
Potenciarase a mobilidade tanto de profesores como de estudantes, a través de programas de intercambio ou convenios con outras universidades do ámbito nacional ou internacional. Procurarase o seu financiamento a través da concorrencia a convocatorias promovidas pola Comunidade Europea, o Ministerio de Educación, o Ministerio de Asuntos Exteriores, a Comunidade Autónoma e diversas fundacións.
A Comisión Académica Interuniversitaria (CAI) terá como función titorizar e asistir nas súas decisións académicas aos estudantes propios e de acollida e planificará, dotará mecanismos de seguimento, avaliación, asignación de créditos e recoñecemento curricular da mobilidade de estudantes tanto entre as universidades involucradas no título como noutras universidades ou centros. A selección de candidatos levarase a cabo, para cada convocatoria ou programa, pola CAI, de acordo con criterios de baremación, previamente estabelecidos, que terán en conta o expediente académico, unha memoria e, de ser o caso, as competencias en idiomas que esixe a universidade de destino.
A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa):
Portal Internacional
Prácticas
As prácticas vinculadas ao contorno profesional consistirán na execución dun traballo asociado a competencias desenvolvidas no transcurso da titulación. O estudante colaborará no desenvolvemento dun proxecto aplicando e integrando os coñecementos e as habilidades vinculadas ao mestrado. A práctica fixará uns obxectivos xerais, uns resultados de aprendizaxe e un plan de actuación. O número de créditos vinculados ás prácticas profesionais é de 6.
As prácticas serán dirixidas por titores de perfil I+D+i no sector HPC. Asignarase a cada práctica un profesor-titor (interno á universidade) e un titor externo (persoal da empresa ou institución en que se realicen as prácticas) proposto pola entidade colaboradora. Ambos os titores proporán aos estudantes a resolución de problemas vixentes e reais nas institucións ou empresas colaboradoras e guiarán, asesorarán e avaliarán o traballo realizado polos estudantes. A avaliación final será realizada polo profesor-titor a partir dos informes do titor externo e da presentación do estudante da súa memoria de prácticas.
No caso concreto dos alumnos que cursan o mestrado na modalidade a distancia, nalgúns casos as prácticas poderán ser presenciais, nalgunha empresa ou institución próxima ao lugar de residencia do alumno; e noutros casos poderanse realizar a distancia utilizando a metodoloxía e as ferramentas propias do mestrado.