Créditos ECTS Créditos ECTS: 9
Horas ECTS Criterios/Memorias Horas de Titorías: 14 Clase Interactiva: 5.5 Total: 19.5
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Edafoloxía e Química Agrícola, Botánica, Bioloxía Funcional, Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física, Historia, Enxeñaría Agroforestal, Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Economía Aplicada
Áreas: Edafoloxía e Química Agrícola, Botánica, Ecoloxía, Fisioloxía Vexetal, Xenética, Zooloxía, Historia Contemporánea, Enxeñaría Agroforestal, Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría, Produción Vexetal, Proxectos de Enxeñaría, Economía Aplicada, Economía, Socioloxía e Política Agraria
Centro Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Elaboración dun documento técnico-científico no ámbito profesional da Enxeñaría de Montes.
Resultados esperados da aprendizaxe
Capacidade para traballar de forma autónoma, con rigor e criterio. Coñecer e aprender a aplicar a lexislación, regulamentos e normativas legais vixentes que sexan de aplicación en virtude dos contidos dos estudos de mestrado. Ao rematar o seu TFM, o estudantado debe ser capaz de facer crítica dos acertos, erros e resultados propios, así como responsabilizarse de adquirir e transmitir coñecementos. Así mesmo, debe ser quen de expresarse correctamente na terminoloxía propia da Enxeñaría de Montes.
Os contidos do Traballo de Fin de Mestrado (TFM) estarán dentro do ámbito profesional do Enxeñeiro de Montes. Para determinar a procedencia dunha temática a desenvolver como TFM, o estudantado deberá presentar unha proposta seguindo un formulario normalizado (normativa e formularios dispoñibles na páxina: https://www.usc.gal/gl/centro/escola-politecnica-superior-enxenaria/tfm) ante a comisión de seguimento do TFM da titulación. Unha vez obtida a aprobación da proposta, o TFM poderá ser elaborado e presentado para a súa defensa.
Variable en función da tipoloxía do traballo a abordar.
Aquel que supere esta materia, coñecerá:
COM7-05: Cales son os contidos, a organización e o modo de desenvolver un proxecto integral no ámbito da Enxeñaría de Montes.
Ademais, será capaz de:
HAM7-05: Desenvolver un proxecto integral no ámbito da Enxeñaría de Montes no que se demostre que alcanzou coñecementos avanzados nese campo.
HAM7-06: Realizar unha presentación, nun tempo limitado e ante un tribunal de especialistas, do deseño, desenvolvemento e resultados do proxecto.
Esta materia contribuirá á adquisición da competencia do módulo:
CEM7-02: Realización, presentación e defensa, unha vez obtidos todos os créditos do plan de estudos, dun exercicio orixinal realizado individualmente ante un tribunal universitario, consistente nun proxecto integral de Enxeñaría de Montes de natureza profesional no que se sinteticen as competencias adquiridas nas ensinanzas.
CM5-01 - Capacidade para deseñar estratexias de prevención e loita contra incendios forestais.
A metodoloxía docente a empregar será a docencia interactiva personalizada co titor ou titores, co fin de atender as necesidades específicas de cada TFM que, en cumprimento dos requisitos que afectan á profesión regulada de Enxeñeiro de Montes, deberá ser un exercicio orixinal e individual.
O uso da plataforma virtual da USC permitirá axilizar o fluxo de información bidireccional entre estudantado e profesorado, dotando de dinamismo a docencia da materia, e facilitando o acceso á documentación por parte do estudantado.
O traballo co titor, xunto coas consultas en titorías a profesorado específico, así como o traballo persoal do estudantado, permitirán desenvolver as competencias da materia.
Segundo consta na normativa do TFM da titulación (https://www.usc.gal/gl/centro/escola-politecnica-superior-enxenaria/tfm ), o proceso consiste en: matriculación, selección do tema de traballo, selección de titor, presentación de propostas (cuxa aprobación supón a asignación de titor), elaboración do traballo, entrega do documento e defensa e avaliación do mesmo.
Propostas:
Requisitos formais e de contido para as propostas:
a) No modelo oficial, en caso de escoller unha especialidade concreta, débese vincular a temática do TFM coa especialidade elixida, aspecto que será analizado pola Comisión de Título.
b) No mesmo documento deben indicarse as competencias concretas que se van avaliar, cubertas polo titor segundo a memoria verificada do título.
c) O desenvolvemento do segundo documento (Memoria indicativa do traballo) terá unha extensión máxima de dous A4 polas dúas caras e incluirá: descrición, xustificación, índice previsto e plan de traballo.
d) O Plan de Traballo incluirá as principais actividades, estimación do tempo necesario, datas de inicio e remate, e dedicación diaria.
e) Por defecto, o Plan de Traballo supón unha dedicación de 225 horas, correspondentes a 9 créditos ECTS.
Aspectos formais do documento final:
a. Estrutura:
Proxectos de enxeñaría: Memoria (con referencias), planos, prego de condicións, orzamento e, se procede, estudo de seguridade e saúde e anexos.
Estudos de investigación: Introdución, obxectivos, materiais e métodos, resultados e discusión, conclusións, referencias bibliográficas e, se procede, anexos.
Estudos técnicos ou traballos profesionais: estrutura segundo o tipo de documento técnico e normativa sectorial aplicable.
b. Requisitos formais:
Entregarase unha copia en papel e tres en soporte informático.
Os exemplares dixitais terán unha estrutura de cartafoles: 0_PORTADA_RESUMO e 1_TFM_COMPLETO (con TFM_Nome_Apelido1_Apelido2.pdf). O resto da estrutura seguirá os apartados da tipoloxía de TFM.
A avaliación desenvolverase a partir do seguimento por parte do titor e da Comisión de Título, considerando o informe do titor. A avaliación do TFM corresponderá a un tribunal de 3 membros, e referirase ao documento escrito e ao acto de defensa pública.
Valoraranse os seguintes aspectos:
Calidade do documento presentado. Ata 4 puntos
Mala calidade ou erros relevantes suporán non superar a materia.
Debe ter estrutura adaptada ao tipo de TFM (PE, ET ou I).
Índice, paxinación, referencias, estrutura, obxectivos, métodos e resultados deben estar claros e ben definidos.
Os anexos deben ser pertinentes e non redundantes.
Calidade da exposición oral. Ata 2 puntos
A presentación debe ser clara, sintetizada e complementaria ao oral.
Respectar o tempo asignado, con exposición clara e eficaz.
Defensa do TFM. Ata 2,5 puntos
Debe demostrar coñecemento, responder adecuadamente, e vincular solucións adoptadas con alternativas.
Outros aspectos do proxecto. Ata 1,5 puntos
Redacción correcta, estilo uniforme, vocabulario profesional.
Demostración de competencias adquiridas.
Informe favorable do titor é imprescindible.
Cada un destes catro aspectos contribúe á avaliación das competencias da materia e das específicas de cada TFM.
En casos de realización fraudulenta de exercicios aplicarase o disposto na "Normativa de avaliación do rendemento académico do estudantado e de revisión de cualificacións" (art. 16 da Resolución do 15/06/2011 da USC, DOG do 21/07/2011).
O estudantado entregará coa proposta un cronograma detallado coas actuacións previstas e a súa distribución temporal, xustificando as 225 horas de traballo persoal necesarias para superar o TFM.
Utilizar frecuentemente as titorías para calquera cuestión relacionada cos contidos do TFM.