Ir o contido principal

éBici USC

Programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas da USC

Logo do programa

A USC pon en marcha o seu programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas en Santiago de Compostela para a comunidade universitaria coa colaboración do Concello de Santaigo que, mediante sinalización específica, crea un percorrido que conecta os campus da cidade mediante unha vía de convivencia para bicicletas e outros vehículos.

Como funciona o programa piloto de éBiCi USC?

Accede á aplicación oficial éBiCi nesta ligazón e introduce nome, teléfono de contacto, correo electrónico @usc.gal/es ou @rai.usc.gal/es e número (NI) da túa TUI (podes consultalo na aplicación oficial da USC) para recibir un correo electrónico cos datos de acceso. Sigue as instrucións e xa poderás acceder ao uso das bicicletas.

Unha vez esteas rexistrada/o no sistema, selecciona a parada na que desexas ver se hai bicicletas libres. Unha vez identificada a que desexas seleccionar, diríxete ao poste co número indicado e sigue as indicacións. Libera a bicicleta do candeado e xa podes facer uso dela.

Para o uso das bicicletas son tres as informacións precisas:

  • Na parte esquerda atoparás os controis do sistema eléctrico. Deberás acendelo para comezar a usar a bicicleta con asistencia eléctrica. Esta axuda ten catro niveis. A recomendación é iniciar a marcha no nivel de cor gris, o de menor intensidade.
  • Na parte dereita, atoparás o o cambio de marcha para aumentar ou diminuír a dureza do pedaleo.
  • O Concello de Santiago colaborou con esta iniciativa sinalizando un percorrido, que podes consultar nesta ligazón, de convivencia entre coches e bicicletas, polo que está recomendado o seu uso preferente.

 

 

Unha vez remates de usar a bicicleta, achégate á estación onde desexes realizar a devolución, escolle un dos postes libres e, dentro da aplicación, asegúrate de finalizar o préstamo para que quede recollida a entrega no sistema.

As usuarias e usuarios poderán empregar as bicicletas de éBiCi entre as 8h da mañá e as 21.30h da noite. O programa conta cun teléfono propio para xestión de incidencias (600942320) operativo no mesmo horario có préstamo, así como cun buzón de correo electrónico para o envío de suxestións (ebici [at] usc.gal (ebici[at]usc[dot]gal)).

A persoa usuaria é a única responsable da bicicleta prestada, así como dos danos que polo seu uso se poida causar a si mesma, a terceiras ou a calquera ben moble ou inmoble como consecuencia da utilización normal ou anormal do servizo, e queda a Universidade de Santiago de Compostela exonerada de calquera responsabilidade por iso; por tanto, recoméndaselles ás persoas usuarias a subscrición dun seguro que as cubra ante calquera eventualidade. A persoa usuaria asume as seguintes obrigas de uso:
  • O tempo máximo de uso por traxecto é 1 hora. Poderase penalizar ás persoas usuarias que superen este tempo de uso. A finalidade deste programa é facilitar o desprazamento entre diferentes zonas dos Campus Norte e Sur. Cantas máis persoas poidan utilizar o servizo máis contribuiremos entre todas e todos á mobilidade sostible e saudable entre a comunidade universitaria.
  • Utiliza a túa bicicleta co máximo coidado e respecto, e unicamente para o transporte persoal como medio de mobilidade.
  • No caso de que cho soliciten, mostrar a súa identificación ás persoas responsables do programa éBiCi USC para que poidan comprobar que está de alta no servizo.
  • Utiliza o servizo dentro do termo municipal de Santiago de Compostela. Non se pode saír coa bicicleta fóra do termo municipal.
  • Conservar a bicicleta durante o tempo de uso asumindo a súa restitución no mesmo estado en que a colliches, debendo facer un uso dilixente dela tomando as medidas oportunas para evitar a súa perda, roubo ou deterioración.
  • A lud LED do poste da estación debe estar apagada e o cadeado da aplicación en cor vermella.
  • Asegúrate de que a bicicleta estea correctamente ancorada ao estacionamento. A luz LED da estación debe estar en cor verde e o cadeado da aplicación en cor vermella. 
  • A persoa usuaria ten prohibido prestar ou alugar a bicicleta e/ou a súa tarxeta de usuario/a a terceiras persoas.
  • Queda prohibido o desmonte e/ou manipulación parcial ou total da bicicleta.
  • Está prohibido usar bicicletas para uso comercial.
  • Está prohibido utilizar a bicicleta en terreos ou en condicións non aptas para iso, como escaleiras, campos de terra etc.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2024.