A Aula de Teatro da USC representará, dentro do XXIX Festival Internacional de Teatro Universitario, o mércores 12 de febreiro ás 20.30 horas no Salón Teatro, a peza 'Agamenón, volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo', de Rodrigo García, que se estreou o pasado 12 de decembro.
A entrada é gratuíta previo paso pola billeteira, que abrirá ás 19.00 horas.
Agamenón, volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo
"A proposta que realizamos parte do texto orixinal de Rodrigo García, lixeiramente adaptado e onde tamén se inclúe algún outro escrito do autor. Neste peza convive unha mestura de violencia e humor que retrata unha sociedade afeita a recibir o golpe e a aceptar a derrota, asumila como algo constitutivo do noso ser. E converter a risa nun xesto revirado, a gargallada nun corpo contraído.", explican dende a Aula de Teatro da USC á hora de definir o eixo sobre o que se artella a obra.