Encontro de Verán da Orquestra e Coro da USC

A Orquestra e o Coro da Universidade de Santiago de Compostela presentan un roteiro musical por tres espazos da cidade nas festas do Apóstolo.
Os días 25, 26 e 27 de xullo, a cidade de Santiago de Compostela acollerá por primeira vez tres concertos conxuntos da Orquestra e Coro da Universidade, no marco do Encontro de Verán 2025. O ciclo leva por título “Xeiras. Tres camiños de auga e terra” e propón un itinerario musical por lugares emblemáticos da cidade: a Igrexa da USC (25 de xullo ás 18.00 horas), a Casa das Máquinas (26 de xullo ás 18.30 horas) e a Igrexa da Nosa Señora da Mercede de Conxo (27 de xullo ás 18.30 horas).
Trátase dunha proposta artística inédita que procura levar a música á cidadanía desde diferentes barrios, permitindo que cada zona da cidade poida achegarse tanto ao repertorio como ao proxecto que representa a Orquestra e Coro da USC. Ademais, o ciclo coincide coas datas centrais das festas do Apóstolo, ofrecendo unha alternativa cultural de calidade, aberta e de balde para todos os públicos.
Colaboran o Concello de Santiago de Compostela e a Parroquia da Nosa Señora da Merced de Conxo.
Unha viaxe entre auga e terra: programa e concepto artístico
O título 'Xeiras' fai referencia a tres xornadas consecutivas de actividade musical, entendidas como un camiño artístico e simbólico. A través da metáfora dos camiños de auga e terra, o programa conxuga dúas dimensións:
- O Coro presenta obras que evocan a auga en diferentes formas: o murmuro dun arroio, a sensualidade do mar mediterráneo, os ritmos da tradición afroamericana ou a espiritualidade fluvial dos textos poéticos. A 'auga' convértese así en símbolo de conexión, fluidez e emoción compartida. O repertorio do Coro está composto polas pezas 'O occhi, manza mia', de Orlando di Lasso, 'Esta tierra' de Javier Busto / Francisco Pino, 'Tres Cantigas de Pontevedra' Agustín Bertomeu, 'El arroyo que murmura' de Jorge Anckermann / Electo Silva, 'Eres tú' de Juan Carlos Calderón / Michel Schwingrober, e 'Lord, I want' de Spiritual afroamericano / William Stickles.
- A Orquestra de Corda propón un percorrido por territorios musicais diversos: desde as danzas populares rumanas de Bartók ata a melancolía finlandesa de Sibelius, pasando polo lirismo de Granados, os sons do tango arxentino ou a tradición oral africana. A “terra” vese así como espazo de identidade, diversidade e memoria colectiva. O repertorio da Orquestra de Corda (con colaboración do coro en dúas obras) está composto polas pezas 'Elexía' de P. I. Tchaikovsky, 'Danzas rumanas' de B. Bartók, 'Jesus bleibet meine Freude' (con coro) de J. S. Bach , 'Finlandia - Hino' (con coro) de J. Sibelius, 'Goyescas' de E. Granados, 'Lullaby' de G. Gershwin, 'Contrabajeando' de A. Piazzolla / M. Diz, e 'Lala mtoto lala'
tradicional africana / M. Diz
O director da Orquestra é Mario Diz e o director do Coro é Julián Jesús Pérez. Paula Gago será a pianista acompañante e o profesorado convidado está composto por Ayşe Yayuz, violíns I, Antía García, violíns II, e Blanca Bello, viola, e Clara Martínez, violonchelo e contrabaixo.
Este programa é unha mostra máis da aposta da Universidade de Santiago de Compostela pola cultura como motor educativo, social e identitario. 'Xeiras' busca ser non só un ciclo de concertos, senón tamén un espello da diversidade sonora que habita Compostela e un convite a redescubrir a cidade a través da música.
