O polifacético artista vigués e fundador do grupo León Benavente, abre o 'Lubicán Íntimo' o 15 de marzo cun concerto, a partir das 21.00 horas, na Casa do Saber
A área de Cultura da USC no Campus de Lugo promove o ciclo 'Lubicán Íntimo', unha proposta organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con financiamento USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, que botará a andar o 15 de marzo de 2024, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, cun concerto de Abraham Boba. Apertura de portas ás 20.30 h, entrada por orde de chegada ata completar aforo.
Abraham Boba é o pseudónimo que David Cobas (Vigo, 1975) utiliza desde hai anos para asinar todos os seus traballos. Tras unha primeira etapa autodidacta na que pasa por diferentes cidades e proxectos musicais (desde bandas de rock a experimentais como o dúo Belmonde), trasládase a Barcelona onde cursa estudos de piano, composición e arranxos no Taller de Musics.
En 2007 publica o seu primeiro disco en solitario. En 2008 trasládase a Madrid e publica o seu segundo traballo 'La Educación', mentres entra a formar parte da banda de Nacho Vegas, co que gravará numerosas referencias e fará centos de concertos nunha relación que durará máis dunha década. En 2011 publica 'Los días desierto', o seu terceiro disco en solitario.
En 2013 forma o grupo León Benavente, no que escribe todas as cancións e co que publica catro discos ata a data. En 2021 publica o seu primeiro poemario titulado 'Esto no es una canción' (Editorial Espasa) e crea un espectáculo en base a eses textos co que xirará por España durante dous anos. Durante os últimos anos desenvolveu a súa faceta como DJ e colaborador en diversos medios de comunicación. Participou como músico e produtor en máis de cincuenta discos.