A Igrexa da Universidade acolle este concerto

O proxecto musical 'Olladas' naceu no ano 2019 coa finalidade de ofrecer ao estudantado graduado en Órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense a oportunidade dun encontro onde volver interpretar música organística. Con esa finalidade, ofrece un novo recital na Igrexa da Universidade o venres 2 de xuño ás 20.00 horas con entrada de balde ata completar capacidade.
Nel tocarán Irma Fernández Alonso, profesora de música no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro; Julia Ammerman Yebra, profesora de Dereito Civil na Universidade de Santiago de Compostela; Alejandra Escolante, profesora de piano no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela: Rosi Vicente Álvarez, mestra; Roque Márquez Rodríguez, estudante do grao en Física da USC; e Marisol Mendive Zabaldica, profesora de Órgano e concertista. As obras que intepretarán son de Domenico Zipoli, Antonio Martín y Coll, Johann Kaspar Kerll, Jan Pieterszoon Sweelinck, Antonio de Cabezón, Juan Bautista Cabanilles e Carlos Baguer.
Formadas e formados pola organista Marisol Mendive durante os anos nos que exerceu como profesora neste Conservatorio, moitas/os daquelas/es estudantes exercen hoxe como organistas en lugares como a Catedral de Santiago, Catedral de Tui, Concatedral de Vigo, Colexiata de Villafrancia del Bierzo, Parroquia de Santa María la Blanca de Alcorcón (Madrid), Parroquia de Fátima (Ourense), Monasterio de San Salvador de Celanova, Igrexa de Santa Eufemia (Ourense) ou na Colexiata de Santa María la Real de Xunqueira de Ambía. A súa participación nestes concertos é libre, como tamén o é a elección das obras nas que cadaquén aporta o seu estilo e sentimentos propios.
A Asociación de amigos do Órgano 'Un rato no tubo' organiza esta edición do encontro musical que dá continuidade ás celebradas nos 2019, 2020, 2022 cun amplo e variado repertorio.