Concertos de fin de curso estudantado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral 2022/2023

Como colofón dos estudos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais, o seu estudantado ofrece nos meses de maio e xuño unha serie de concertos con obras de autores referenciais para solistas con acompañamento de piano.
Os concertos serán os días 29, 30 e 31 de maio, e 1,2 5, 6, 7 ás 19.30 horas no Paraninfo da Universidade, e o 8 de xuño no Auditorio de Galicia ás 20.30 horas, cando as e os estudantes seleccionados polo profesorado do curso participarán como solistas nun concerto extraordinario coa Real Filharmonía de Galicia.
Nestes eventos participarán, o día 29 o violoncellista Robrecht de Roeck e o trompista Joan García. Ao día seguinte tocará o trompetista Carlos López así como un cuarteto de corda conformado por Adriana Winkler (violín I), Juan Pablo Calderón (violín II), Fernando Fresno (viola) e Robrecht de Roeck (violoncello). O mes de maio rematará co concerto o día 31 coa fagotista Belén Carril e Miguel Peñarroja.
O xoves, 1 de xuño, será a quenda do frautista Carlos Cascales e o violinista Ramón Rodríguez-Peña, e ao día seguinte o concerto será do violista Fernando Fresno e a oboísta Rosalba Olivares.
Xa na seguinte semana, o luns comezará co recital de dous violinistas: Pablo Calderón e Celia Montáñez. Ao día seguinte participará a violoncellista Iryna Morozova e o contrabaixista Pablo Rincón. No último dos concertos participará o violinista Daniel Rodríguez e o percusionista Gonzalo Otero.
Todos os recitais son abertos ao público con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.