A Orquestra da Universidade ofrece no mes de abril dous concertos solidarios en Santiago de Compostela e Pontevedra

A Orquestra da USC (OUSC) colabora coa igrexa de San Francisco en Compostela e coa parroquia da Virxe do Camiño de Pontevedra na realización de dous concertos solidarios no mes de abril. O primeiro deles terá lugar o sábado 15 ás 21.00 horas na igrexa compostelá e o segundo será o domingo 23 ás 18.30 horas na parroquia pontevedresa.
O programa musical para ambas as ocasións inclúe a obertura de 'As Hébridas' de F. Mehndelsohn; a 'Sinfonía nº 104, H. I/104 «Londres»' de J. Haydn; 'O camiño de Santiago. Galicia', de H. Saavedra; e 'Nas estepas da Asia Central' de A. Borodin.
En ambos eventos a entrada será libre e as persoas que o desexen poderán realizar doazóns de alimentos ou económicas para axudar as comunidades de ambas as dúas parroquias.
A OUSC
A Orquestra da USC ten por obxectivo impulsar entre os mozos e mozas universitarios e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural que ten a música como eixe central. Ao abeiro da Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, e baixo a dirección de Mario Diz, a OUSC procura a formación musical dos seus membros quen, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.