Ir o contido principal

Debate 'O teatro como espello das narrativas de control e loita: unha perspectiva dende a psicoloxía social'

12.03.2025 | 18.00h

Salón Teatro. Rúa Nova, 34
Santiago de Compostela

O programa de Faíscas Culturais 'Moito pau e pouca cenoria' xira arredor da peza 'A burra, a mesa e o pau', do Centro Dramático Galego, unha proposta escénica que se achega ao mundo do traballo, á violencia do traballo e ao traballo que invade o ámbito dos fogares

Imaxe do cartel
Imaxe do cartel

Os días 12 e 13 de marzo, ás 18.00 horas, o estudantado da materia 'Psicoloxía social' da Facultade de Psicoloxía, dirixido pola profesora Cristina Gómez-Román, debatirá sobre 'O teatro como espello das narrativas de control e loita: unha perspectiva dende a Psicoloxía Social' no primeiro andar do Salón Teatro. Está aberta tamén a toda a comunidade universitaria.

'A obra A burra, a mesa e o pau pon en escena dilemas psicosociais que nos levan a cuestionar como interpretamos a realidade, como nos definimos a nós mesmas e como xustificamos as nosas crenzas. A través da análise de escenas clave, exploraremos como as persoas intentamos dar sentido a situacións caóticas ou contraditorias, como a identidade social inflúe na nosa percepción e como os discursos establecidos moldean a nosa actitude ante a realidade. Afondaremos en conceptos como a atribución causal, a disonancia cognitiva e a persuasión para comprender mellor os mecanismos que sosteñen certas estruturas sociais. Unha invitación a repensar o que damos por feito a través do teatro e da Psicoloxía Social.', indica Cristina Gómez-Román.

O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.

Cartel da faísca Moito pau e pouca cenoria
Cartel da faísca Moito pau e pouca cenoria
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2025.