Santiago de Compostela
Balcóns da Reitoría
Claustro de Fonseca
Paraninfo
A Orquestra da Universidade leva o seu son ás rúas co gallo do Día Europeo da Música da man das Visitas Guiadas da USC

A OUSC súmase este 21 de xuño ás celebracións polo Día Europeo da Música cun evento especial en colaboración co programa de Visitas Guiadas da USC. Ao longo da mañá dese mércores, o son da orquestra percorrerá as rúas de Compostela para achegar á cidadanía a oportunidade de escoitar música e descubrir, ao tempo, o patrimonio histórico da Universidade.
Sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan , os balcóns da Reitoría, ás 12.00 horas, o Claustro de Fonseca, ás 12.30 horas, e a Facultade de Xeografía e Historia, ás 13.00 horas, servirán de escenario para pequenas intervencións musicais por parte dos grupos representativos da OUSC que tecerán así un itinerario sonoro polo casco histórico aberto á comunidade universitaria e ao público xeral.
De forma anticipada, e co gallo de achegar á cidadanía novas oportunidades de gozar coa música e coñecer o labor da formación, a Orquestra ofrecerá un ensaio aberto ao público co programa que se interpretará na conmemoración da efeméride. Será o domingo 18 de xuño ás 18.30 horas na Igrexa da Universidade con entrada de balde ata completar capacidade.
O Día Europeo da Música
O 21 de xuño de 1982, París celebra por vez primeira de maneira oficial un día dedicado á música. A daquela denominada 'Festa da música' xorde así en Francia por iniciativa do ministro de Cultura Jack Lang, que se apoia na idea inicialmente formulada polo músico Joel Cohen en 1976 de homenaxear a arte da música facéndoa accesible para todos os públicos.
En 1985, a conmemoración do xa denominado 'Día Europeo da Música' esténdese a varios países do continente e, baixo a filosofía de propiciar o intercambio cultural a través desta arte e achegala ao maior número de persoas, a celebración desta efeméride chega ata os nosos días. Con ese fin, intérpretes, orquestras e compañías profesionais ofrecen cada 21 de xuño múltiples concertos de balde e tamén intérpretes do circuíto amador saen coa súa música á rúa para sumarse á festividade.
Orquestra da USC
A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, no seus inicios Orquestra do Espazo de Cámara, naceu en 2010 co obxectivo de impulsar na mocidade universitaria e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural cuxo eixo fundamental é a música.
Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, o grupo que conforma a OUSC, dirixida por Mario Diz, procura de xeito prioritario a formación musical das persoas que a integran que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da arte.