
A mostra 'Enrique Labarta Pose a pluma da terra' permanecerá do 31 de xaneiro ao 1 de marzo de 2024 no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. A inauguración terá lugar ás 12.00 horas deste mércores 31 e está previsto que conte coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; o alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño Espasandín; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e Jorge Mira, catedrático do departamento de Física Aplicada da USC e comisario da exposición.
Enrique Labarta Pose (Baio, 1863 – Barcelona, 1925), foi un escritor e xornalista cuxa actividade se encadrou nos derradeiros anos da literatura galega do rexurdimento e nos do primeiro cuarto do século XX. A súa marcha de Galicia a principios do XX conlevou un esquecemento da súa figura e deixou unha visión parcial da súa ampla obra, que abrangueu moitos eidos. Dende hai 25 anos, unha comisión quere restaurar a súa figura con diferentes actividades, entre elas, a mostra que bota a andar en Fonseca.
