Ir o contido principal

Exposición

A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)

20.09.2023-27.10.2023 | 12.00h

Santiago de Compostela
Claustro Alto

A mostra é unha iniciativa de transferencia académica que promove o GI SEPA- Interea da USC

Exposición A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)
Exposición A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)

A exposición 'A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)'  busca salientar o valor patrimonial e histórico, de memoria e de coñecemento do movemento pedagóxico internacional da Nova Educación, desenvolvido por parte de profesionais da educación, a medicina, a hixiene e a psicoloxía durante as catro primeiras décadas do século XX, en particular mediante as iniciativas da Liga Internacional da Educación Nova (LIEN). 

A súa inauguración, prevista para este mércores 20 de setembro ás 12.00 horas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, abre un período expositivo que se estende ata o 27 de outubro e que permitirá coñecer como as orientacións, propostas e iniciativas deste movemento marcaron o posterior desenvolvemento da educación a escala internacional ata a actualidade. No acto inaugural intervirán a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo; a investigadora do grupo SEPA-Interea, Belén Caballo; e Antón Costa Rico e Lucía Iglesias da Cunha, comisarios da mostra.

Múltiples expresións do día a día dos centros escolares nos nosos contextos atopan valiosas fundamentacións e antecedentes nas formulacións e nas prácticas educativas renovadoras ensaiadas e examinadas con intensidade en diversos contextos europeos e americanos, en particular ao longo das primeiras catro décadas do século XX. Nelas figuran nomes tan significados como os de Ferrière, Decroly, María Montessori, Rosa Sensat, Freinet, Dewey, Claparède, Bovet, Piaget… ou os de Luzuriaga, Barnés, Galí e o  de María Barbeito,.

A ampla exposición bibliográfica e gráfica, articulada en sete seccións, quere favorecer un achegamento sensible a algúns dos textos, experiencias e imaxes relacionadas coa Nova Educación.As actividades académicas que a acompañan, unha conferencia e unha mesa redonda, pretenden enriquecer o coñecemento sobre os principios, ideas e realizacións da Nova Educación, e sinalar algúns dos ecos e experiencias promovidas por educadoras/es galegas/os en sintonía co movemento.

Así, a conferencia 'Decroly entre nós: dende 1907 á súa reaparición nas unidades didácticas globalizadas' será impartida por Mar del Pozo no Consello da Cultura Galega, o 3 de outubro ás 18.00 horas. A mesa redonda 'A renovación da educación no horizonte: vidas de educadoras/es e construción social', coordinada por Laura Varela e Carmen Morán, desenvolverase o 18 de outubro ás 18.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur e  contará coas intervencións de Uxío Otero, Mariló Candedo e Xosé Manuel Cid.

A mostra pode ser visitada sen necesidade de reserva en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2023.