O fío condutor da exposición é a exploración do ser en relación con outros. Do positivismo ao desencanto, da decepción á existencia.

A exposición pictórica 'Co-existencias', da artista arousana Ánxela Mariño (Leirem) abre as súas portas o luns 19 de xuño ás 12.30 horas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, onde permanecerá ata o 14 de setembro.
Para a creadora, a coexistencia produce esa relación que percibe o suxeito en momentos reflexivos como, por exemplo, observando o mar , ou en momentos expresionistas da súa vida. A comodidade de pintar despois do proceso evolutivo que parte do antropolóxico, a plasmación da anguria, da desesperanza ou do pracer vital que provoca estar vivo toman corpo nesta mostra que chega a Compostela da man da Área de Cultura da USC e ao abeiro do programa Primavera Cultural. A dicir da autora, "pintar é ser un pouco parte do sentimento da creación e como tal leva a miles de sentimentos, ao recollemento máis profundo". Así, Mariño reivindica na súa pintura sobre todo a imperfección, coma toda existencia é imperfecta, á tautoloxía, o sentimento e a forza.
A artista realizou xa varias exposicións na cidade ao longo da súa carreira, nos Centros Socioculturais da Rocha, Sar e Conxo, onde expuxo a colección de gravados. Tamén ten participado en exposicións colectivas como 'Tiene un algo que es un no sé' qué dirixida por Chelo Matasanz, na Cidade da Cultura, así como na Walking Gallery 2016 celebrada na cidade.
A exposición 'Co-existencias' pode verse en horario de luns a venres, de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas, con entrada de balde. En agosto, a exposición abre só polas mañás, en horario de 11 a 14 horas.
Ánxela Mariño
Ánxela Mariño (Vilagarcía de Arousa, 1969) é pintora artística. Estudou na Facultade de Formación do Profesorado, na UNED e na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. É membro da Asociación Profesional de Artistas de Galicia. A Colectiva
En 1998 instálase na Estrada (Pontevedra) e alí a súa pintura deriva na procura de novos camiños ensaísticos con obras de diverso tipo: expresionistas como soños (2000); cubistas como sombreiros (2002), cabelo (2003); fauvistas, como dedos (2000), Ría de Ferrol (2001); ou postimpresionistas. como bodega (2004) caracois (2005), cunchas e charco (2006). A súa traxectoria artística inclúe tamén gravados como momentos da túa vida (2005-2006); relevos, como liñas de area (2005); alén de debuxos impresionistas, como rostros (2010- 2011), De muller (2010); e pezas surrealistas, como Serie oníricos (2011), ou erótica (2016). Ademais, Mariño tense adentrado nos campos da escultura, con liñas (2010), e da fotografía conceptual, con Lyrics (2012), Orgánico ou What about the room (2015).
Alén de artista, a pintora é docente no IES de Pontepedriña, especialista en pedagoxía terapéutica, e promove e participa en varias asociacións ecoloxistas.